Despedida desde Bucha

Nada é como o lembraba. A destrución segue estando por todas partes, pero as rúas están limpas e a vila chea de xente
Dúas persoas pasean por Bucha. A imaxe corresponde á primeira visita do xornalista á cidade. M.M.
photo_camera Dúas persoas pasean por Bucha. A imaxe corresponde á primeira visita do xornalista á cidade. M.M.

Hoxe volvín a Bucha. Non sei ben por que o fixen, nada podía sacar de alí —informativamente falando— pero tiña a necesiade persoal de voltar. Nada é como o lembraba. A destrución segue estando por todas partes, pero as rúas están limpas, a vila chea de xente. Hai postos de verduras nas rúas onde a primeira vez que fun só había trincheiras fumeantes. Pedinlle a Andrii unha hora para camiñar só. Non tiña pensado falar con ninguén, só pasear.

Hai vida en Bucha. Ao pasar por un quiosco de cafés púxenme na cola para pedir, había dúas persoas diante. Enfrente, unha longa ringleira de xente para sacaren cartos dun caixeiro. Cando me decatei da situación revolvéuseme algo dentro: ía pedir un café para sentar na rúa e ver a vida pasar. Ver a vida que hai tan só unhas semanas esquivara este recuncho do mundo. Pechóuseme o estómago e as ganas do café.

Seguín paseando, e pensando que dentro duns meses, con sorte, ou duns anos, Bucha ha ser un tour turístico que facer dende Kiev. Unha desas visitas para ver as pegadas da guerra: "Visitaremos Bucha e Irpin, tomaremos un café nunha cafetería típica e logo pararemos para mercar algún dos souvenirs nados desta masacre". Así imaxino o anuncio do tour. E non estará mal.

As persoas temos esa capacidade de reinventarnos e sobrevivir. Kiev é agora mesmo unha cidade chea de xente nas rúas. Hai postos onde mercar eses recordos por todas partes. A guerra ha continuar por meses, probablemente enquistada no Donbas —como de facto leva dende 2014— e Ucraína tirará para diante. A dor da que falamos e escribimos nestes tres meses ficará, pero ha chegar o día que tamén cicatrice, mellor ou peor pero ha cicatrizar. Marcho por segunda vez. Até vernos, Ucraína. Sorte.

Comentarios