Descubrindo Oceanía

Sempre me chamou a atención que saibamos moito máis da xeografía de Oceanía que da súa historia. Debe ser unha das poucas rexións da Terra onde o coñecemento xeográfico avantaxa con tanta claridade ao coñecemento histórico. E non é polo noso maior ou menor interese individual nuns temas ou outros, senón máis ben polo completo desinterese que amosa a actualidade mediática por estes territorios. Demasiado remotos. A última vez que escoitamos falar deles é na escola primaria. Australia capital Canberra. E pouco máis.

Puntos para a xeografía: podemos situar nun mapa as illas de Australia, de Nova Celandia e, os máis espilidos, saben que a illa de Nova Guinea está dividida en dous estados: a metade occidental para Indonesia e a metade oriental forma o estado independente de Papúa Nova Guinea. Tamén podemos nomear algúns dos seus arquipélagos-estado (Fidxi? Samoa?), e cun pouco de esforzo saberemos distinguir as súas rexións internas: Australasia, Melanesia, Micronesia e Polinesia. Algo é algo.

Puntos para a historia: como moito, sóanos a historia da colonización destes territorios, é dicir, a adscrición xeográfica das illas colonizadas ás súas metrópoles. Por exemplo, o paso das illas Marianas dunhas mans a outras: primeiro pertenceron á coroa española (era o lugar onde os Borbóns enviaban aos presos políticos cara o remate do XIX) ate que os gobernos da restauración llas venderon aos alemáns, que á súa vez as perderon trala Primeira Guerra Mundial a mans dos xaponeses, que á súa vez as perderon trala Segunda Guerra Mundial a mans dos estadounidenses. Etcétera. De aí non saímos. Australia como colonia penitenciaria británica de asasinos, ladróns e violadores, e todos eses tópicos resesos.

Reelección de descoñecidos
Ás veces, cando non hai grandes novas, a prensa inclúe pequenas notas de axencia sobre o que ocorre no interior destes países, como esta semana, coa cuarta reelección de Michael Somare como Primeiro Ministro de Papúa Nova Guinea. Namais que é un detalle, mais agradécese. Así, cunha rápida ollada, enterámonos de que Papúa é, como toda boa ex-colonia británica, unha monarquía parlamentaria que pertence á Commonwelth, coa raíña Isabel II como xefa de estado.

Esta caste de información non amaña gran cousa da nosa ignorancia. Podemos saber quen goberna en Papúa ou en Australia, pero iso non axuda moito a saber que caste de políticas aplican estes líderes ou en que ideoloxías se adscriben, aínda que pola súa permanencia no poder deben ser, cando menos, hábiles e versátiles. Por exemplo, Michael Somare.

Esas catro reeleccións non foron, en absoluto, seguidas. Somare foi un dos líderes políticos da independencia de Papúa, aló polo ano 1975, e xa resultou elixido Primeiro Ministro en 1977, cando dirixía o Partido Pangu. Esa primeira etapa duroulle pouco, só ate 1980, cando foi desprazado do poder por Julius Chan. Somare volveu ao poder entre 1982 e 1985 e logo, por terceira vez, no 2002. A súa actual reelección, aos 71 anos de idade, como líder do Partido da Alianza Nacional, é a primeira que gaña dende o poder. E gañouna, precisamente, fronte a un dos seus rivais históricos, Julius Chan.

Os nomes repítense, pero están baleiros de contido. A prensa xeneralista non nos dá referentes para interpretar que é Michael Somare, quen é Julius Chan. E a Wikipedia cada día é menos fiábel, agora que sabemos que algúns dos seus artigos están intervidos por funcionarios da CIA ou do Vaticano. Difícil saber que pasa por aló.

Outro exemplo: A última nova que tivemos da política australiana foi a terceira reelección de John Howard como Primeiro Ministro, no ano 2004. Dende aquela, pouco, nada. O líder do Partido Liberal leva gobernando dende 1996 e nese tempo só sabemos que Australia organizou as Olimpiadas do ano 2000. Conclusión: hai cousas que importan, como as guerras, os atentados, os desastres naturais, os mortos... ou os deportes. E outras que non, como a vida dun australiano medio. Todo un misterio, un desafío á marxe  da corrente mediática. Moito por descubrir.

Comentarios