Sobre o terreo

Catro horas no Donbás

asdas

Anatoly fala ruso na casa pero tamén ucraíno, di que é ucraíno, que malia falar ruso cre que os rusos teñen unha forma distinta de ser. Sergei tamén fala ámbalas dúas linguas -a dicir verdade, como a meirande parte da xente deste país- el sen embargo di que é do Donbás. Anatoly e Sergei son de Pokrovks, a última vila en mans de Ucraína antes de chegar a Donetsk, a capital da rexión do mesmo nome na que estamos e que canda Luhansk conforman o Donbás: esa zona rusoparlante e de maioría independentista que en 2014, cando Rusia se anexionou ilegalmente a península de Crimea, posicionouse co país veciño. De feito o Donbás é a principal excusa de Rusia para atacar Ucraína.

Di Putin que nesta zona non se repectan os dereitos dos rusoparlantes. Nin Sergei nin Anatoly concordan. Sergei di que a el élle igual Rusia ou Ucraína, pero que non entende esta guerra. Si que fai unha pequena alusión aos "feixistas de Leópolis", di que no Donbás non os queren, pero tampouco esta guerra, recalca. Aos galegos, ou a calquera que sexa dalgunha das nacionalidades históricas -tal e como di a Constitución- de España, estas dúas posturas sonnos familiares. Se en lugar de Anatoly ou Sergei foran Xoán e Manuel sería esta para nós unha conversa do máis normal. É certo, e dígoo por propia experiencia, que tentar explicar/entender estas posturas noutras zonas do mundo onde non hai ese sentimento dobre é moito máis difícil.

Prefiro falar dese dobre sentimento para que todo o mundo se poida identificar e non só de lugares onde se falen dúas linguas. Como galego sempre me deu moitisima rabia -opinión persoal- que se politice a riqueza do idioma. Pero hai que admitilo, o que un fala na casa é parte fundamental do que un é. É algo que nos axuda a explicarnos, quen somos e ao ser algo tan persoal e tan íntimo é unha arma política excepcional. Unha arma envelenada, aquí temos un caso extremo. O idioma ruso e a súa defensa é unha das razóns primordiais que xustifican esta guerra. Levo pasados case 50 días en Ucraína. Sempre falo deste tema cos locais que me atopo, é un dos meus preferidos, seguro que por buscar paralelismos co noso caso. En todos, todos os casos a xente dime o mesmo. A meirande parte dos que coñecín falan ruso normalmente, moitos aprenderon o ucraíno na escola. Na rúa, polo que me din, xa que eu non os distingo, mistúranse os dous idiomas, mesmo nunha conversa. Como en Lugo, vaia.

Chegar a Prokovks non foi doado. Antes de entrar no Donbás fíxeronnos agardar por unha aprobación militar. Tiraron fotos dos nosos pasaportes, acreditacións e coche e só nos permitiron estar unhas horas. Antes das cinco da tarde tiñamos que ter pasado por ese mesmo check point, algo que nunca me pasara. Logo xa en Pokrovks -de 65.000 habitantes- o difícil foi atopar xente, era case coma estar nunha cidade pantasma. Logo atopar alguén que quixera falar connosco "Niet, niet, niet" foi a resposta máis acaída. Desconfían no Donbás da prensa extranxeira. Sergei despediuse de nós convidándonos a pescar e alabando o clima da zona, nese momento 24 graos. Anatoly desencandou a súa bici, non sei ben para que a tiña candada xa que o único que había na rúa eran militares e policías, e cando nos despediamos oímos unha forte explosión, Anatoly sinalou o ceo e fixo o aceno da paciencia, oxalá non a perda nunca.

Comentarios