Berlín, cidade poshistórica

Poucas cidades europeas viviron tantos ciclos de construcción, destrucción e reconstrucción como a capital alemana. Bicéfala e esquizofrénica, nostálxica e postmoderna, Berlín acumula unha herdanza urbanística na que se superpoñen estratos dos últimos trescentos anos: dende o monumentalismo neoclásico prusiano ate os rañaceos transparentes da reunificación, pasando pola arquitectura burguesa decimonónica, as ruinas da Segunda Guerra Mundial ou o urbanismo socialista da República Democrática Alemana. A actual Berlín acepta todas estas cicatrices, pero tamén fai o posíbel por enfeitalas. Non todo o que se ve data da época que aparenta.

A caída do Muro provocou un intenso proceso de transformación urbana no que se ocuparon os baleiros e se restauraron edificios. Xa antes, nos anos oitenta, os urbanistas da RFA e da RDA reconstruíron e amañaron barrios enteiros tentando recuperar a súa imaxe de preguerra. Naqueles anos, os traballos de renovación urbana tiñan como obxectivo conmemorar o 750 aniversario da fundación da cidade (1307-1987), mentres que as intervencións posteriores á caída do Muro buscaban eliminar a fenda que separaba o Leste do Oeste. Tanto nun caso como noutro, o sentido da reconstrucción era semellante: seleccionar a través da arquitectura o relato histórico no que se quere apoiar o presente da cidade.

A xulgar polos seus resultados, as sucesivas “reconstruccións críticas” de Berlín preferiron o neoclasicismo prusiano e a planificación decimonónica ao legado dos nazis e dos comunistas. Nesas escollas, a arquitectura funciona como un vehículo de transmisión ideolóxica que tenta intervir na memoria colectiva. Neste sentido, os políticos e urbanistas da reunificación traballaron para reivindicar aqueles episodios históricos cos que prefire identificarse o tardocapitalismo triunfante, é dicir, coa pompa monárquica do Reino de Prusia e coa opulencia burguesa da revolución industrial.

A memoria dos políticos fronte a memoria dos cidadáns
Berlín sería unha cidade poshistórica, tal e como explica o profesor de arquitectura Carlos García Vázquez no seu libro Ciudad Hojaldre, porque reinventa e manipula en presente un legado histórico xa desaparecido. A súa aura de gran capital europea é un producto desa arquitectura cosmética, orientada a difuminar os baleiros que deixou o Muro encaixando neles os monumentos da reunificación. Tratábase de “coser” a cidade, construíndo espazos abertos e simbólicos que lle devolvesen a continuidade aos territorios de fronteira. Iso explica a disposición Leste-Oeste dos novos edificios gubernamentais de Regierungsviertel (o barrio gubernamental), ou tamén o novo deseño de Postdamer Platz como porta de Berlín-Oeste: os elevados bloques de apartamentos que a RDA construíu en Leipziger Strasse prolónganse nos rañaceos comerciais que as corporacións transnacionais ergueron nesa praza.

Postdamer Platz foi, precisamente, unha desas zonas irrecoñecibeis trala Segunda Guerra Mundial fendida ao longo da Guerra Fría polo Muro. O seu novo deseño, planificado por Renzo Piano, é a mostra máis exlícita desa arquitectura posmoderna de centro comercial que se pode atopar na cidade. Só o Sony Center de Helmut Jahn responde, en parte, a un deseño propio do noso presente, malia a referencia da súa cúpula circense. O resto de edificios e rúas, asinados todos eles por arquitectos relevantes, tentan seducir aos cidadáns evocando a arquitectura do pasado. Berlín transfórmase aquí nun parque temático onde as grandes compañías celebran e incitan impúdicamente ao consumismo.

Neste mundo de apariencias e simulacros ate o Muro se pode banalizar. O Checkpoint Charlie, un antigo paso de control entre o sector soviético e mailo estadounidense, converteuse nunha atracción turística con tenda de souvenirs incluída: os anacos do Muro véndense insertados en tarxetas postais, provocando tal inflacción de reliquias que hai algunhas que xa se venden con certificado de autenticidade.

O merchandising da Guerra Fría tamén inclúe moitos obxectos e referentes da vida cotiá procedentes da RDA, dando orixe á Ostalgie, á nostalxia do Leste. Este fenómeno comezou coa reproducción das vellas insignias militares soviéticas ou xermano orientais para logo dar o salto cara a sociedade civil, convertendo as marcas dos seus produtos de consumo en iconos pop. A Ostalgie é sen dúbida inxenua e parcial, pero serviu para sacar á superficie outra memoria colectiva distinta á das institucións. Mentres que a reunificación optou por eliminar ou neutralizar os símbolos máis visibeis da Alemaña do Leste, son precisamente os seus antigos cidadáns os que manteñen vivas algunhas das súas lembranzas.

A identidade berlinesa actual sitúase, polo tanto, nun equilibrio inestábel entre esas dúas memorias: dunha banda, a memoria arquitectónica que ofrecen as institucións e as empresas, que deciden qué espazos se deben conservar e cales transformar; doutra, a memoria íntima dos seus habitantes, asociada con obxectos e iconos da súa vida cotiá. Estes dous niveis conviven no presente, e basta con reparar en pequenos detalles para identificalos. En Postdamer Platz, por exemplo, nunha mesma ollada caben os rañaceos postmodernos e mailo Ampelmann, o simpático boneco dos semáforos orientais que indicaba aos cidadáns da RDA cando cruzar a rúa e seguir camiñando cara o socialismo. A súa presenza, importada no niño do capitalismo transnacional, indica que a reunificación tivo un dobre sentido: O Oeste absorveu ao Leste, pero o Leste levou canda sí súa propia equipaxe.

Comentarios