O baixo índice de participación marca as eleccións en Marrocos

Finalmente a taxa de participación dos comicios celebrados onte en Marrocos só chegou ata un 41%, 11 puntos por debaixo da rexistrada no 2002, o que volve poñer no punto de mira o desencanto da sociedade marroquí ante as eleccións. Estas cifras confirman unha tendencia á baixa que se leva producindo dende 1984, cando a porcentaxe de participación foi dun 67,43%.

Dende entón a abstención foi aumentando gradualmente até alcanzar os datos deste ano, que representan todo un récord. Aínda así, o primeiro ministro de Interior, Chakib Benmusa reiterou que este índice de participación "é o normal con relación ós que se rexistran en certos países democráticos".

Estas son as segundas eleccións que se celebran baixo o reinado do rei Mohamed VI dende a súa chegada ó trono, en xullo de 1999. Uns 15,5 millóns de marroquís estaban chamados a elixir ós 325 membros da Cámara de Representantes, nuns comicios onde participaron 33 partidos políticos e 13 listas de independentes.

O PXD, favorito nas enquisas
As formacións políticas participantes dividíronse en tres grandes tendencias: os islamistas, entre os que se atopa o PXD, os partidarios da actual coalición gobernamental e a esquerda non oficialista.

O partido islamista de Xustiza e Desenvolvemento (PXD) aparece como gañador nas primeiras enquisas aínda que os resultados definitivos non ser coñecerán ata mañá.

O PXD confía en ser o máis votado dos 33 partidos políticos que se presentan, pero a sorpresa podería vir das zonas rurais, onde o Movemento Popular (MP, de centro-dereita), conta con grande apoio, principalmente nas rexións de fala bérber.

Nas eleccións de 2002, cando a participación non superou o 52%, o PXD logrou facerse con 42 escanos, o que o converteu no principal partido de oposición, detrás do Istiglal (de orientación nacionalista) e a Unión Socialista de Forzas Populares (USFP), membros da coalición gobernamental.

No caso de que gañe os comicios, o PXD deberá formar unha coalición para gobernar, xa que o sistema proporcional en vigor non permite unha maioría absoluta a ningunha formación.

Namentres, os tres partidos de estrema-esquerda formaron coalición para procurar mellorar os seus resultados electorais, cun programa centrado na necesidade dunha reforma urxente da actual Constitución, xulgada de "antidemocrática".

A Constitución, verdadeiro obxectivo
Constituído como unha monarquía constitucional no ano 1956, o Goberno de Marrocos procurou amosar o estilo propio dun estado democrático pero o reinado de Hassan II caracterizouse por un afastamento entre a monarquía e os partidos políticos. A chegada ó poder de Mohamed VI supuxo unha esperanza para conseguir as ansiadas reformas e durante os primeiros anos recoñecéronse diversos dereitos ás mulleres.

Porén, o atentado de Casablanca marcou un punto de inflexión dentro da política interior: supuxo un marcado retroceso nos dereitos civís cun aumento da censura ou reclusión de xornalistas. Este suceso puxo tamén de relevo o crecemento da aceptación das ideoloxías islamistas, que comezaron a ofrecer unha vía de escape ante os problemas do país.

Actualmente o 11% da poboación vive baixo o umbral da pobreza e o 14,9% das persoas de entre 15 e 34 anos atópanse no paro. Estes dous ámbitos seguiran a ser dous eixes fundamentais para o futuro goberno.

Estas eleccións estiveron marcadas tamén polas sospeitas de falla de transparencia, con compra de votos ou o emprego de bens estatais non autorizados durante a campaña. Iso si, por primeira vez na súa historia, Marrocos invitou a medio cento de observadores internacionais seleccionados polo Nacional Democratic Institute, relacionado co Partido Demócrata de EEUU (posición que tamén reflicte o interese dos norteamericanos por potenciar un sistema que supoña un freo ó avance do islamismo en Oriente Próximo)

Ningún dos partidos en liza pon en entredito a monarquía, pero os analistas sinalan que o verdadeiro cambio debería afectar á monarquía, para rebaixar os seus poderes: o nomeamento do primeiro ministro é competencia exclusiva do rei Mohamed VI, sen necesidade de respectar os resultados dos comicios. As voces comezan a pedir que a atención debería centrarse na reforma constitucional e non nunhas eleccións "baleiras".

Comentarios