Lunes. 22.04.2019 |
El tiempo
Lunes. 22.04.2019
El tiempo

Adeus ao 'Gallego' Fernández

José Ramón 'Gallego' Fernández. EP
José Ramón 'Gallego' Fernández. EP

O xeneral e ex vicepresidente José Ramón Fernández, todo un heroe para o réxime cubano, morreu aos 95 anos

O xeneral e heroe da República de Cuba, José Ramón Fernández Álvarez, coñecido popularmente na illa como "Gallego Fernández" e un dos dirixentes históricos da Revolución máis lonxevos, finou o pasado domingo día 6 aos 95 anos na Habana, segundo informou o xornal Granma. Fernández renovou a súa acta de deputado á Asemblea Nacional nas eleccións celebradas en 2018 e tamén era asesor do presidente dos Consellos de Estado e de Ministros do país caribeño, así como integrante do Comité Central do Partido Comunista de Cuba (PCC).

Fillo de emigrantes asturianos, naceu en Santiago de Cuba en 1923. A partir do golpe de Estado de Fulgencio Batista en 1952, participou en diversas actividades e movementos conspirativos ata a súa detención en 1956. Xulgado en Consello de Guerra, foi condeado a prisión e estivo na cadea ata o triunfo da Revolución, o 1 de xaneiro de 1959. Foi ascendido capitán en 1959, a comandante en 1961 e a xeneral de brigada na reserva en 1996.

Como membro das Forzas Armadas Revolucionarias destacou na defensa da illa contra o desembarco norteamericano en praia Girón, que tivo lugar en 1961 como tentativa de invasión de Cuba por parte de Estados Unidos, e que provocou a crise da Baía de Cochinos. José Ramón Fernández foi deputado na Asemblea Nacional do Poder Popular dende 1976 ata o seu pasamento e asumiu a vicepresidencia do Consello de Ministros de Cuba dende 1978 ata 2012.

Tiven a oportunidade de coñecer persoalmente ao “Gallego Fernández” en 1991, durante a miña primeira viaxe a Cuba como enviado especial. Impresionoume moito a súa presenza e o respecto e admiración que lle profesaban os seus colaboradores que, de xeito unánime, loubaban a súa traxectoria e o importante papel que desenvolveu na súa longa etapa como ministro de Educación (1972-1990). Na fotografía, estamos xuntos durante unha recepción oficial á prensa no Pazo da Revolución, o 9 de novembro de 1991. 

Como político comprometido con Galicia e con Asturias, a súa figura foi determinante nas relacións do Goberno cubano con ámbalas dúas comunidades, o que demostrou en moitas ocasións, especialmente na organización da visita institucional de Fidel Castro a Galicia en 1992, para coñecer a terra dos seus devanceiros. Como consecuencia deste compromiso co norte peninsular, en 2009 concedéuselle a Medalla de Ouro de Asturias, mentres que en 2004, durante a súa derradeira viaxe a España, recibiu o título de Fillo Predilecto de Oviedo, que lle fora concedido no ano 2000.

Adeus ao 'Gallego' Fernández
Comentarios