viernes. 20.05.2022 |
El tiempo
viernes. 20.05.2022
El tiempo

A praza

Postos de peixe seco no mercado central de Odesa. MM
Postos de peixe seco no mercado central de Odesa. MM
Falta peixe no mercado de Odesa. Para os mariñeiros é case imposible pescar, con 20 buques rusos ameazantes e a costa minada

O mercado central é o corazón de Odesa. É un dos que máis sona ten de todo o país. Os vendedores veñen de toda a rexión. Non parece que haxa escaseza de nada, de nada agás de peixe. Alexei, un rapaz novo e o único peixeiro varón no seu corredor, dinos que hai semanas que só vén un par de días traballar. Non hai peixe fresco.

Os rusos teñen arredor de vinte buques ameazando a cidade no mar Negro, ademais a costa está minada polos propios ucraínos por se os rusos decidiran desembarcar, así que para os pescadores é case tarefa imposible o de saír ao mar. O pouco peixe que lles chega é de fóra, e Alexei recoñece que non é o máis fresco que ten vendido. Moitos dos postos están pechados.

Aquí hai moita tradición de comer peixe afumado ou seco, eses postos son os que máis abundan e están todos abertos.

Todo o noso percorrido pola praza facémolo escoltados por un par de membros das defensas territoriais. Este é un lugar concorrido, aínda que nos comentan que o negocio estes días non chega nin á metade do que antes da invasión.

A ameaza dun ataque que poida desestabilizar a cidade vai connosco onde queira que vaiamos, e por iso os dous homes que non se separan de nós. Así non é doado que a xente queira falar connosco.

Os últimos días de febreiro foron de moitísima venda neste mercado e en todos os supermercados do país. A xente viña aquí aprovisionarse de todo polo que puidera pasar. Logo o negocio caeu en picado. Agora estase recuperando algo, pero con parte da poboación fóra da cidade as vendas non poden ser coma antes.

Aquí os vendedores e vendedoras non berran. Se pasas ao seu carón si que intentan colocarche algo de xénero, pero esta é unha praza moito máis caladiña que as nosas. Valentina vende verduras. Ela non ten ningún problema en falarnos, é moldava pero o seu home, o propietario do posto, é de aquí. Ela non vai marchar a ningures sen el. Dinos que agora ten de todo, e casi todo local. Que hai unhas semanas casi só tiña patacas, agora mesmo chega a verdura do estranxeiro e amósanos uns fermsos pementos vermellos de España.

Nas últimas horas ser español aquí só leva a un tema de conversa: o blogueiro prorruso detido en Tarragona. Eu hei de dicir que me enterei por eles. Aquí están moi pendentes de cada xesto, de cada compromiso que o resto do mundo fai para con Ucraína. Xa o viviramos coa visita do presidente Sánchez, a reapertura da embaixada ou o envío de armas.

Eu entérome de moitas destas cousas pola xente de aquí que nos dá as grazas, como se nós foramos os embaixadores do país.

É certo que este tipo de novas axúdannos no noso traballo. Fainos un chisco máis accesible a unha xente que xa de por si é algo reacia a falar con estranos, imaxinade neste tempo de guerra no que cada foráneo é un espía en potencia.

Cos ataques rusos contra as infraestruturas ferroviarias, e malia estar Odesa preto das fronteiras moldava e romanesa, a preocupación engadida agora a todas as demais é que a distribución de xénero poida sufrir un novo varapao.

A praza
Comentarios