Malia importantes avances ucraínos na fronte nas últimas semanas, a contraofensiva non avanza nin de lonxe coma se esperaba. A única comparativa posíbel foi a da primavera de 2022 cando os ucraínos botaron os rusos de todo o norte; ou a de hai agora un ano cando en semanas reconquistaron Jersón. Nada que ver co que está a acontecer agora na rexión de Zaporiyia e que fai prever unha guerra enquistada e longa.
Rusia, consciente disto, volve atacar onde máis doe agora que chega o frío, as infraestructuras enerxéticas, imprescindíbeis aquí para pasar o inverno. Ademais, e dende que o Kremlin rexeitara ampliar o acordo do Mar Negro estamos a ver ataques diarios ás infraestrucutras agrarias e aos portos que serven para exportar o cereal. Ucraína foi quen de sacar parte do gran almacenado mesmo despois da ruptura do acordo. Recentemente arriscando a través do Mar Negro mais tamén, en moita menos cantidade e a un prezo máis elevado, a través do Danubio. Esta pasada noite (do luns ao martes) Rusia volvía atacar os silos e as instalacións portuarias do Danubio. Atreveuse mesmo a máis, atacou a alfándega ucraína da fronteira con Rumanía: as portas da Unión Europea e da Otan nin máis nin menos. Nunca antes se atrevera a tal, agás o incidente de novembro do ano pasado no que os restos dun mísil mataran dúas persoas ao caeren en Polonia, preto da fronteira. Daquela tanto Unión Europea como a Otan fixeran dalgún xeito a vista gorda, envalentonando se cadra a Putin para achegarse cada vez máis ao territorio europeo, como no caso da madrugada do martes. Dende o lado romanés os transportistas gravaron cos seus móbiles como os camións do outro lado ardían tralo ataque.
Ucraína é o graneiro de Europa. O seu sector primario era case o 17% da súa economía antes da guerra. A zona mineira por excelencia, o Donbás xa non pode contar ao estar ocupado case por completo. E a zona que aínda mantén Ucraína está casi totalmente arrasada. Os inmensos campos de millo, trigo e xirasois do resto do país están estes días a ferver de traballo. Enormes colleitadoras separan o gran da palla, mais o destino de tanta comida aínda é incerto. Nos silos aínda queda cereal da colleita do ano pasado e sen poder darlles saída o desastre está asegurado.
Eses tres produtos sós supuñan antes da guerra o 41% das exportacións totais do país, podedes imaxinar o golpe á economía. Agora Rusia trata de asfixiar a Ucraína por todas as frontes posíbeis. Unha asfixia, que como a perda de centos de miles de homes na fronte de batalla, ha marcar varias das seguintes xeracións do país. A idea, imaxino, é forzar un hastío tal na poboación que remate cun cambio político no país. Pero se algo teñen demostrado os e as ucraínas neste ano e medio é determinación e resistencia, a ver canto dura.