Sogama premia un proxecto mediambiental dunha escola de Outes

Co seu proxecto Pensando en R, o CEIP Emilio Navasqüés de Outes (A Coruña) proclamouse gañador do concurso de innovación educativa convocado conxuntamente pola Sociedade Galega do Medio Ambiente e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no marco do programa Recíclate con Sogama, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia e a través do cal se pretende transmitir ao alumnado as destrezas, aptitudes, habilidades e capacidades básicas para a convivencia.

Neste sentido, e dado que a protección e conservación do medio ambiente constitúe un ingrediente básico no desenvolvemento integral das persoas, a compañía non dubidou en formar parte desta iniciativa, acollendo no seu programa a un total de 16 centros educativos de infantil e primaria das catro provincias galegas.

Todos eles demostraron un gran interese en torno á xestión sostible dos residuos, que se plasmou nas múltiples actividades que ao longo dos últimos meses levaron a cabo. Para facilitar o seu cometido, Sogama proporcionoulles, a principios do presente ano, illas de reciclaxe conformadas por tres contedores de 120 litros de capacidade, destinados a acoller, no caso do amarelo, os envases de plástico, as latas e os briks; no azul, o papel e cartón; e no verde convencional, a fracción resto. Ademais, a todos os colexios que dispoñían de comedor escolar, facilitóuselles un composteiro de 360 litros de capacidade no que foron introducindo os restos orgánicos xerados coa pretensión de obter un abono natural co que poderán fertilizar os seus xardíns e hortas.
 

CRITERIOS PARA A VALORACIÓN DAS CANDIDATURAS


As candidaturas presentadas a través das memorias finais aportadas polos distintos centros participantes, e nas cales recollían os proxectos desenvolvidos, foron avaliadas, en base aos criterios establecidos na correspondente convocatoria, por un xurado conformado por representantes da Consellería e Sogama. Ademais do traballo vinculado á consecución dos principais obxectivos do Plan Proxecta, tívose moi en conta a calidade do material depositado pola comunidade educativa nos recipientes que conforman as illas de reciclaxe, ou, o que é o mesmo, as porcentaxes de impropios (residuos incorrectos) detectados nos distintos contedores tralas caracterizacións periódicas realizadas a cargo de persoal especializado ao servizo desta empresa pública.

Tamén a capacidade para lograr a implicación das familias, facendo posible que a selección en orixe das distintas fraccións que compoñen o lixo puidese traspasar as barreiras da escola e extrapolarse aos fogares dos alumnos e contorno social máis inmediato, mereceu especial atención, así como a estratexia de cara a captar a colaboración e participación dos respectivos concellos nas actividades levadas a cabo.


PREMIOS

Todos estes aspectos foron especialmente relevantes no caso do CEIP Emilio Navasqüés de Outes,  logrando o primeiro posto na clasificación, seguido polo CRA de Monterrei e CEIP Manuel Masdías de Ferrol, que se fixeron co segundo e terceiro premio respectivamente.

Mentres que o gañador recibirá un vale de 1.000 euros canxeable por material educativo para o centro, ademais de entradas para que todos os seus alumnos poidan gozar dunha xornada de lecer no Aquapark de Cerceda, o segundo e terceiro clasificado foron galardoados con vales por valor de 700 e 300 euros que, ao igual que o vencedor, poderán utilizar na adquisición de material educativo.

Ademais, a empresa tamén quixo recoñecer o labor daqueles colexios que, malia non obter ningún dos tres premios, destacaron polo seu esforzo e traballo. É o caso do CEIP Coirón Dena de Meaño (Pontevedra), o CEIP de Oca, en A Estrada, e o CPI Ramón Piñeiro de Láncara (Lugo).

 

Comentarios