jueves. 16.07.2020 |
El tiempo
jueves. 16.07.2020
El tiempo

Sogama estenderá o seu programa de compostaxe doméstica a un milleiro de vivendas rurais

Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, estenderá o seu programa de compostaxe doméstica a un milleiro de vivendas rurais unifamiliares. Así o decidiu tralo éxito alcanzado por esta iniciativa desde o ano 2010, momento no que se implantou, de modo experimental, en cinco localidades da Mariña lucense. Desde entón fóronse incorporando progresivamente ao seu proxecto arredor de 1.800 fogares de medio centenar de concellos das catro provincias galegas, onde se repartiron outros tantos composteiros, corroborando os indubidables beneficios do sistema. Tamén os centros escolares foron beneficiarios desta actuación, toda vez que a Sociedade cedeu composteiros a unha trintena, garantindo con isto a difusión, académica e social, das vantaxes do sistema.

Desde a perspectiva ambiental, reciclar a materia orgánica en orixe contribúe a reducir as cantidades de desperdicios a depositar no contedor verde convencional, o que, sen dúbida, posibilita que os concellos reduzana frecuencia de recollida, minorando as emisións de CO2 derivadas do transporte. Así mesmo, obtense un abono natural de alta calidade con excelentes propiedades para o solo, substituíndo aos fertilizantes químicos.

Desde a dimensión económica, porque minimizando as cantidades de residuos a entregar a Sogama, diminúese proporcionalmente o importe da factura que os entes locais deben pagar a esta empresa pública e, por suposto, os gastos derivados do transporte. Neste sentido, debe terse en conta que os restos orgánicos supoñen en torno ao 40 por cento da  composición media da bolsa de lixo, co que o aforro para os nosos petos está asegurado.

E desde o ámbito social, porque se distancian os desprazamentos do vecindario aos contedores, habitualmente bastante alonxados das vivendas debido á alta dispersión da poboación. E aquí cabería subliñar que a fabricación de compost doméstico forma parte da tradición do rural galego, que viu como, desde sempre, se separaron os restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de abono.

Protocolo a seguir
Para a implantación do programa de compostaxe doméstica nos distintos municipios, Sogama optou por seguir un rigoroso protocolo de actuación en todos eles, considerando indispensable o máximo control do proceso para garantir os seus bos resultados. Polo tanto, son os propios concellos interesados os que dirixen a súa solicitude de adhesión á empresa, procedendo á selección das vivendas participantes e designando aos representantes municipais encargados de coordinar todo o proceso no seu ámbito de actuación. Estes adquiren a condición de mestres composteiros e son formados pola Sociedade para tal fin, encargándose de trasladar convenientemente a técnica aos usuarios. De forma periódica, visitan casa por casa para comprobar o traballo dos participantes, corrixir posibles erros e, por suposto, resolver as dúbidas que poidan presentar, tomando boa nota dos seus comentarios e observacións.

De forma paralela, Sogama asume a subministración dos composteiros (habitualmente de 360 litros de capacidade e fabricados con material reciclable e reciclado), así como o material divulgativo de apoio, que toma a forma de carteis para que os gobernos locais poidan dar a coñecer o programa, e de manuais de apoio para o traballo que os cidadáns deben desenvolver nas súas casas.

Así mesmo, Sogama quere asegurar que o compost resultante cumpre con todos os requisitos contemplados pola normativa vixente para ser aplicado na agricultura, de aí que no seu momento encargara á Universidade de Santiago de Compostela a análise científica de diferentes mostras de compost para verificar que o abono resultante se axusta á lei.

Plans de futuro
Dado o éxito do sistema e o aforro medioambiental e económico que entraña, a Sociedade Galega do Medio Ambiente propúxose implantalo e/ou amplificalo durante os próximos meses en determinados concellos, axudándolles a levar a cabo unha xestión máis sostible do lixo producido.

O modus operandi será basicamente o mesmo que o utilizado ata o de agora, posibilitando a máxima implicación das corporacións municipais e axudándoas a levar a cabo un exhaustivo seguimento de todo o proceso para comprobar a súa evolución e, por suposto, os seus resultados.

O éxito desta iniciativa está a ser tal, que moitas localidades en que xa foi instaurada están a solicitar máis composteiros para poder levala a cabo noutras vivendas. O obxectivo non é outro que previr a produción de residuos, diminuír a súa xeración e posibilitar a recuperación e a reciclaxe, reservándose Sogama para o tratamento, mediante a súa conversión en enerxía eléctrica, da parte non reciclable.

Sogama estenderá o seu programa de compostaxe doméstica a un...
Comentarios