A planta de recuperación de vidro de Cerceda incrementará a reciclaxe un 80 por cento en Galicia

Isntalaciones de la planta de Cerceda (Galiciaé)
photo_camera Isntalaciones de la planta de Cerceda (Galiciaé)

A planta de recuperación de vidro posta en marcha por Daorje Medioambiente, S.A.U no lugar de Areosa (Cerceda-A Coruña), posta en marcha o pasado mes de xaneiro, incrementará nun 80 por cento a reciclaxe deste material en Galicia.

O centro recibirá o vidro separado no complexo industrial de Sogama de entre o lixo en mesa, estimándose da orde de 14.000 toneladas anuais, ás que habería que engadir a evacuación progresiva de ao redor de 170.000 toneladas acumuladas no depósito de residuos non perigosos ubicado nesta infraestrutura.

Unha vez cribado, o vidro transpórtase á planta de clasificación que Daorje ten en Verín, trasladándoo posteriormente ás vidreiras.

Esta é a primeira vez na súa historia que a Sociedade Galega do Medio Ambiente promove unha iniciativa destas características, coa que obterá beneficios estimados nos 450.000 euros anuais.

Daorje Medioambiente é a firma adxudicataria do servizo por un período de catro anos. Se ben cobrará a Sogama 19,95 euros por tonelada de vidro recuperada, no marco dun acordo formalizado co Sistema Integrado de Xestión Ecovidrio, a empresa pública percibirá 35 euros por tonelada, o que arroxará un beneficio neto de 15,05 euros por tonelada.

Cunha superficie de 300 metros cadrados, a planta contou cun investimento de medio millón de euros, e un prazo de execución e posta en marcha de seis meses.


BENEFICIOS


A nivel medioambiental, a planta reduce en gran medida o volume de residuos destinados a vertedoiro e contribúe a diminuír a contaminación do aire ata nun 20 por ciento debido a que se utiliza menos combustible para fabricar novos envases, minorando a produción de gases no proceso de fundición, así como favorece o aforro de enerxía e materias primas.

Deste xeito, ao reciclar catro botellas de vidro, lógrase que un frigorífico funcione un día completo. Isto débese a que a temperatura necesaria para fundir o calcín é menor á esixida para fundir as materias primas orixinais. Así mesmo, reciclando 3.000 botellas de vidro, afórranse 1,2 toneladas de materias primas, co que se minimiza a erosión do solo por extracción.

A fin de garantir estes efectos positivos, Sogama esixirá a Daorje Medioambiente que acredite, conforme á lexislación vixente, o tratamento e reciclaxe do calcín, para o que lle requirirá a achega dos correspondentes certificados expedidos pola vidreira ou reciclador autorizado, e que necesariamente deberán acompañar a cada factura, onde se rexistrará a orixe e cantidades entregadas. Desta forma xustificarase a trazabilidade do material, garantindo a súa posterior recuperación, que, como non podía ser doutra forma, levarase a cabo conforme á legalidade vixente.

Desde a dimensión económica e social, indicar que a planta posibilitará a creación de cinco empregos (catro directos e un indirecto), coa particularidade de que a infraestrutura de Verín, ao recibir máis material, verá ampliada a súa capacidade, prevendo adscribir á mesma dous ou tres novos operarios.

Comentarios