Os galegos reciclan cada vez máis

A colaboración cidadá na separación de residuos prosegue a súa liña ascendente, redundando na consecución de maiores taxas de reciclado na comunidade galega.

De feito, as cantidades de envases lixeiros (envases de plástico, latas e briks) procedentes da recollida selectiva do contedor amarelo recepcionadas na planta de clasificación de Sogama, incrementáronse, durante os primeiros sete meses do 2013, e respecto ao mesmo período do ano anterior,en case un 3 por cento, pasando das 11.852 procesadas no 2012 ás 12.205.

Isto non fai máis que evidenciar a maior preocupación da cidadanía pola súa contribución á recuperación de refugallos e, por suposto, o impacto positivo das diferentes campañas de concienciación de cara a que Galicia se aproxime, con paso firme, ás taxas medias de reciclado a nivel estatal e europeo.

Deste xeito, non se alcanzarán só maiores beneficios ambientais, que tamén, senón económicos, xa que os concellos reciben ingresos polos residuos que conseguen remitir á industria recicladora, o que lles permitirá pagar menos a Sogama pola xestión e tratamento do lixo en masa.

Pero, ademais de verse incrementadas as cantidades de envases lixeiros recepcionadas no complexo medioambiental de Cerceda, no marco das caracterizacións realizadas durante o primeiro cuatrimestre do 2013, a calidade da bolsa amarela mellorou en 1,47 puntos, baixando do 29,66 por cento de materiais incorrectamente depositados no contedor amarelo durante o ano 2011, ao 28,19 por cento durante o ano 2012.

Separemos ben, reciclemos mellor
O obxectivo da Consellería de Medio Ambiente é continuar avanzando nestas cifras, de aí a importancia das actividades de información, concienciación e sensibilización social na materia, e que nestes momentos teñen o seu máximo expoñente na campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor”, que promoven conxuntamente con Sogama, Ecoembes e os Sistemas Integrados de Xestión de Pilas.

Iniciada a mediados do pasado mes de xullo, atópase circulando de forma itinerante por numerosos concellos galegos, prevendo visitar nun ano os máis de 160 que así o solicitaron.

A través dun aula móbil, monitores cualificados explican, a pé de rúa e a todos os transeúntes interesados, as claves para colaborar no sistema, especificando os residuos a depositar nos distintos contedores habilitados nas vías públicas e resolvendo as dúbidas que ao respecto estes poidan presentar.

Non obstante, está comprobado que o recipiente de cor amarela, un dos que xeran maior confusión entre a poboación e que se destina a albergar envases de plástico, latas e briks, é fonte de erros para moitos cidadáns ao identificalo con todo tipo de plásticos e non unicamente cos envases e envoltorios. Estas e outras cuestións son clarificadas no marco desta iniciativa educativa, cun marcado carácter pedagóxico, abordando as cuestións que, ao longo destes anos e froito da experiencia, se teñen evidenciado como máis problemáticas, sendo susceptibles de modificación.

Comentarios