Lugo desenvolve unha estratexia innovadora de adaptación ao cambio climático

obxectivo. O municipio camiña cara un cambio de paradigma a través da implementación dunha planificación con actuacións para conseguir tecidos urbanos resilientes neutros en carbono
La alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, junto a Dimas Ramos y una parte de los miembros del comité de LIfe Lugo+Biodinámico. XESÚS PONTE
photo_camera La alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, junto a Dimas Ramos y una parte de los miembros del comité de LIfe Lugo+Biodinámico. XESÚS PONTE

O EXECUTIVO de Lara Méndez está a dar pasos nos últimos seis anos cara un proceso de transformación do municipio de Lugo executando unha estratexia urbana innovadora de adaptación ao cambio climático. Trátase dunha segunda transformación, porque a primeira veu principalmente da man dos cambios de mobilidade no centro histórico —que coincide co recinto amurallado—, coa súa peonalización para crear mais espazos, e máis amables, para as persoas, que serviu ademais para pór en valor o rico patrimonio da cidade e a consecución dos nosos tres Patrimonios da Humanidade: a muralla, a catedral e o Camiño Primitivo).

Durante o mandato pasado se seguiron dando pasos significativos nesa peonalización co fin de protexer o Patrimonio, así como medidas vinculadas á redución da contaminación medioambiental e acústica na contorna da muralla, convertindo a mesma en zona 30.

Pero nesta segunda transformación xa non se fala só de nova mobilidade, senón da adaptación e crecemento da cidade fundamentado nun urbanismo sostible, é dicir, Lugo camiña cara un cambio de paradigma a través da implementación dunha estratexia innovadora de planificación urbana con actuacións de escala intermedia de barrios ou áreas residenciais para conseguir tecidos urbanos resilientes, neutros en carbono e adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático.

Esta estratexia, que está a ser recoñecida nos ámbitos nacionais e internacionais —Lugo é o único municipio elixido de Galicia, xunto a Pontevedra, no Cumio Climático (Acop)— presentouse a finais de maio no Congreso Nacional de Medio Ambiente, considerado o maior encontro ambiental do país e que reuniu durante catro días a máis de 1.200 expertos de toda España. A Comisión Europa publicita a estratexia lucense como caso de éxito e exemplo de cambio das cidades postpandemia, extrapolable a cidades de tamaño medio, e a Federación Española de Municipios y Provincias (Femp) premiou a recuperación do Humidal das Gándaras polo seu impacto e ser exemplo para outras cidades. A estratexia desenvólvense a través de varios proxectos moi ambiciosos:

DUSI Muramiñae

Con este proxecto Lugo afronta por primeira vez accións de calado para que a trama urbana deixe de vivir ás costas do Miño, e faino mellorando a accesibilidade cara a contorna do Miño por varias vías.

Estas consisten na mellora dos accesos a esa contorna a través dun dos barrios máis emblemáticos de Lugo, O Carme, situado ao lado da muralla, onde se están a executar, entre outros proxectos, accións de humanización do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX, a peonalización da Calzada Romana, a ampliación do paso soterrado da N-VI, a execución dunha nova pasarela sobre a N-VI, e a unión de oito barrios da cidade co Miño a través dunha senda ciclista verde de 14 quilómetros que circunvala a cidade, o primeiro proxecto ambicioso de carril bici que afronta Lugo.

LIFE Lugo+Biodinámico

A Comisión Europea publicita este proxecto como caso de éxito e exemplo de cambio das cidades pospandemia, extrapolable a cidades de tamaño medio, xa que as accións que se están a desenvolver en Lugo a sitúan na vangarda do Urbanismo Sostenible.

O seu ámbito de actuación é o Cinto Verde que envolve a cidade, do oeste ao noroeste, seguindo os cursos fluviais do Miño, Rato e Fervedoira. O Concello actúa en máis de 50 hectáreas da cidade: 29,5 onde se constrúe o Barrio Multiecolóxico e 21 hectáreas onde se creou un novo bosque urbano.

É un proxecto ambicioso porque se basea no uso de recursos naturais como a madeira como elemento construtivo que non só permite unha construción máis sostible senón que busca darlle un impulso ao sector forestal, onde a provincia de Lugo é líder, aportando á madeira valor engadido grazas a un novo uso vinculado coa innovación. As principais accións deste programa son: Edificio Impulso verde; Primeiro barrio multiecolóxico de España; Estudo de zonas de confort climático; Pioneiro catálogo de solucións sostibles; Novo bosque urbano; Innovadores hortos urbanos e Impulso Verde.

O primeiro edificio público da comunidade construído en madeira 100% de Galicia será un referente na loita contra o cambio climático e será capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. O seu modelo de construción implicará un aforro de consumo enerxético dun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes (de formigón e aceiro), e dun 54% respecto aos de nova construcción, e reducirá as emisións de CO2 un 90%.

O edificio é o primeiro en España e un dos poucos no mundo que acade a prestixiosa certificación de proxecto FSC (Forest Stewardship Council). Este visado garante que toda a madeira utilizada, igual en estruturas que en encofrados, procede de fontes xestionadas segundo estritos estándares de sustentabilidade tanto ambientais como sociais. Garante que a obra non contribúe á deforestación e aposta por un produto local, á vez que ofrece máxima eficiencia e convértese en ferramenta activa de loita contra o cambio climático.

O Impulso Verde é o xerme do primeiro barrio multecolóxico de España, o primeiro que se constrúe empezando de cero con solucións sustentables tanto desde un punto de vista urbanístico, como edificatorio e de novos espazos públicos baseados no concepto de Aldea Urbana, onde se busca, ademais, cambio nos hábitos de vida, máis saudables.

O futuro está nas mans das cidades que integren o verde urbano, a enerxía renovable, a eficiencia enerxética, a mobilidade menos motorizada e a economía circular, que é o que representa este barrio. Contempla ademais espazos verdes e libres que multiplican por cinco a superficie fixada no PXOM de Lugo.

O 45% das vivendas serán públicas, xa que un dos fins e articular políticas de vivenda municipais para atender as necesidades da veciñanza.

No tocante á planificación zonas de confort climático residencial, Lugo aposta polo deseño dos barrios neutros en carbono en función das variables climáticas, nas edificacións e nos espazos públicos, para reducir as emisións contaminantes e o consumo de recursos materiais, auga e enerxía e crear unha rede acolledora de espazos no exterior confortables para a veciñanza.

Ademais, Lugo elaborou un catálogo de solucións de deseño sustentable a diversas escalas, constituído como un referente nacional xa que inclúe por primeira vez fórmulas para calcular a melloría que suporía a súa aplicación en termos de emisións, consumo enerxético, captación de C0 2, etc.

Así mesmo, o Concello creou un bosque urbano de 21 hectáreas para a posta en valor dos recursos naturais locais (biodiversidade) e fíxoo entre dous polígonos industriais. O bosque integra frondosas autóctonas para madeira de calidade; cultivos enerxéticos para bio combustibles; un souto de castiñeiros, un Arboretum de 5 hectáreas (hábitat galego) e a recuperación do Humidal das Gándaras, que será declarado Espazo Natural de Interese Local (Enil).

Unha investigación da UPM (Universidade Politécnica de Madrid) destaca o alto impacto en termos de pegada ecolóxica, biocapacidade e almacenamento de CO2 deste bosque urbano, que axudou a mellorar o ámbito onde se sitúa, entre os dous polígonos empresariais.

Co desenvolvemento de 1,5 hectáreas de innovadores hortos urbanos se busca mellorar a calidade de vida dos residentes a través da creación de espazo de convivencia e de produción de alimentos, que á súa vez suporá efectos positivos a nivel ecolóxico, unha mellora na estrutura espacial urbana e a concienciación das futuras xeracións nas prácticas ecolóxicas. Ademais destes dous programas, o programa Smart City do Concello tamén está vinculado ao uso das novas tecnoloxías para a mellora medioambiental.

Por outra banda, Lugo é pioneiro xa que conta coa primeira redes de biomasa de Galicia, que autoabastece a unha zona deportiva con varias instalacións e está a traballar na renovación e eficiencia enerxética de nove inmobles municipais.

Ademais destes proxectos significativos nos que está a traballar Lugo nesta mellora urbana na loita contra o cambio climático, o Concello impulsa accións de peonalización nos barrios, ampliación dos espazos verdes e xardíns cun enfoque de espazos interxeracionais e recuperacións integrais de barrios, entre outros.

Lugo Transforma

Lugo está a apostar pola economía verde na cidade a través do Lugo Transforma, estratexia tamén apoiada nos proxectos anteriores:

Lugo Transforma é unha estratexia pioneira en galicia no ámbito municipal, coa que se mobilizarán 12 millóns de euros a través da constitución dun fondo público emprendedor para a captación de novos investimentos para a cidade, atraer empresas e crear emprego sostible. É o maior investimento que desenvolve Lugo en toda a historia para diversificar o seu tecido produtivo.

Articularase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco. Deberán ser proxectos de alto valor engadido, tanto de empresas pequenas ou medianas, así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto social e ambiental.

Comentarios