sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

A gran rebelión dos alimentos

SOGAMA 1
Sogama aposta por darlle vida aos alimentos, para que eles mesmos lancen un SOS co obxectivo de non acabar no lixo. AGN
Sogama lanza este sábado, no Día Mundial do Medio Ambiente, unha nova campaña contra o desperdicio alimentario. España tira ao lixo 7,7 millóns de toneladas de comida ao ano, un problema no só ambiental senón tamén económico e social. E por iso cómpre atallalo desde a información e a concienciación.

A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) aproveita a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, como cada 5 de xuño, para lanzar unha campaña de concienciación que, nesta ocasión, pon o foco no desperdicio alimentario, un problema serio que trascende do ambiental para afectar tamén ao económico, o social e incluso o moral. E é que resulta difícil de explicar que medio planeta tire toneladas de alimentos ao lixo mentras outro medio non ten acceso a moitos deles. 

Para achegar o seu gran de area na loita contra ese desequilibrio nace A túa comida ten algo que dicirche, unha iniciativa coa que Sogama saca á luz datos que evidencian a necesidade de poñer freo a un problema que cada vez vai a máis. Un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano desperdícianse; e esta porcentaxe tradúcese, no caso de España, en 7,7 millóns de toneladas anuais, posicionándose como o sétimo país da Unión Europea que máis comida refuga. O 70% dos españois asegura comprar máis alimentos dos que realmente precisa e o 18% dos adquiridos van directos ao lixo sen preparar. 

Os números son claros e non rematan aí. Cada habitante desperdicia ao ano 175 quilogramos de comida, co gran custo económico e ambiental que isto supón. De feito, precísanse 130 litros de auga ao día por persoa só para producir a comida que refugamos, coa particularidade de que o custo do desperdicio alimentario do planeta equivale ao PIB de Suíza. 

No eido ambiental, non hai que esqucer que reducindo a comida que non se aproveita tamén se minimizan as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.

SOGAMA2

ACTUAR NO FOGAR. E nun plano máis moral, Sogama lembra que cos alimentos que se desperdician en Europa poderíase dar de comer a 200 millóns de persoas. Pero facendo unha análise máis profunda cómpre reflexionar e tomar conciencia de que, cando se tira un alimento, tamén se tira todo o traballo e gasto, tanto económico como de recursos, que supuxo a súa produción: o esforzo dos agricultores, as sementes, o combustible, a auga ou a enerxía, entre outros. 

E aínda que o desperdicio se produce en toda a cadea dos alimentos desde a súa produción ata o consumidor final, son os fogares os grandes xeradores deste problema xa que é neles onde se tira o 42% de toda a comida desbotada.

E antes xa nin sequera chegan ao circuíto comercial outros alimentos descartados simplemente por non cumprir cos canons estéticos predeterminados; é dicir, os denominados alimentos feos, malia que a súa calidade e valor nutritivo é exactamente igual que o daqueles que serían guapos

Sogama 4

EIXOS DA CAMPAÑA. Nese contexto nace A túa comida ten algo que dicirche, unha campaña de Sogama e a Consellería de Medio Ambiente conformada por unha serie de pezas divulgativas a través das cales se pretende dar a coñecer esta problemática aos cidadáns, sensibilizalos para poder atallala e alentalos a que articulen os mecanismos necesarios para diminuír a cantidade de comida que cada día acaba no cubo do lixo. 

Calcúlase que cada persoa tira ao lixo 175 kilos de alimentos anualmente, cun custo económico que equivale ao PIB de Suíza

Con tal fin, deuse voz aos propios alimentos a través da personificación dos mesmos, sendo os verdadeiros protagonistas desta iniciativa. Eles falan, maniféstanse e defenden os seus dereitos para ser aproveitados e reutilizados, xa que ningún quere acabar no lixo. Consideran que todos poden dar o mellor de si, polo que piden que, antes de ser refugallos, se lles dea outra oportunidade.

SOGAMA4

 Así as cousas, e coa pretensión de que a mensaxe chegue a distintos públicos, a campaña está conformada por un vídeo dun minuto de duración, cinco microvídeos de 20 segundos, diferntes banners e unha serie de soportes didácticos a través de diversos formatos: un calendario de alimentos de tempada —froitas, verduras e peixes—, consellos para reducir o desperdicio alimentario, unha guía de boas prácticas para facer a compra e conservar os produtos, a planificación dos menús e compra semanal, tempos de conservación no frigorífico e receitarios descargables, entre os que figura o propio de Sogama ‘Para repañar o prato’, no que se recollen suculentos menús elaborados integramente a partir de sobras de comidas. Toda a información está na páxina web www.sogama.gal.

A gran rebelión dos alimentos
Comentarios