A Xunta reforza a oncoloxía en Lugo

O PET-TC adquirido para o Hula cubre as necesidades asistenciais dos pacientes da provincia, cun investimento que supera os 2 millóns
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, segundo pola dereita, nas instalaciones da nova unidade de braquiterapia do Hula. AEP
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, segundo pola dereita, nas instalaciones da nova unidade de braquiterapia do Hula. AEP

A Xunta de Galicia xa ten adquirido o PET-TC que instalará no HULA. A adquisición desta avanzada tecnoloxía supuxo un investimento de 1.379.400 euros. A instalación do PET-TC precisa a realización de complexas obras para poder crear no Servizo de Medicina Nuclear unha área específica para esta alta tecnoloxía. A Xunta de Galicia xa ten en marcha estas obras no Hula, nas que está a investir 1 millón de euros. Isto supón que o investimento final para instalar o PET-TC do Hula ascenderá a 2,4 millóns de euros.

O PET-TC co que será dotado o Hula é un equipo de última xeración, provisto dos últimos avances no diagnóstico e seguimento do cancro e doutras enfermidades, que posibilitará detectar tumores antes de que sexan apreciados por outras técnicas diagnósticas.

Ademais, permitirá atender no Hula a todos os pacientes da provincia de Lugo que precisen este método diagnóstico, sen necesidade de que teñan que desprazarse a outros centros hospitalarios, como o de Santiago ou Coruña. Ao redor de 1.500 lucenses necesitan cada ano someterse a unha proba PET-TC, polo que unha vez instalado no Hula, evitaráselles ter que desprazarse fóra da súa provincia. A incorporación dun PET-TC ao Hula permitirá atender na provincia e coa tecnoloxía máis avanzada a todos os pacientes que o precisen, cun equipo de gran precisión e resolución no diagnóstico de procesos oncolóxicos, campo de actuación principal da tecnoloxía PET-TC, pero tamén no eido da neuroloxía-demencias ou da cardioloxía. O equipo está dirixido, principalmente, ao diagnóstico por imaxe das enfermidades oncolóxicas e das patoloxías neurodexenerativas.

Permite detectar tumores en estadíos moi precoces

O equipo co que será dotada a Unidade de Medicina Nuclear do Hula é un PET-TC de última xeración, un sistema integrado que aúna a tecnoloxía PET cun tomógrafo computerizado (TC). Polo tanto, nun mesmo equipo combínase a tecnoloxía PET, que ofrece información metabólica e funcional dos tecidos, e as prestacións dun TC (Tomografía Computerizada), que facilita imaxes anatómicas de alta resolución, fusionando as vantaxes diagnósticas de ambas técnicas.

A tecnoloxía PET (Tomografía por Emisión de Positróns) é actualmente un dos sistemas de diagnóstico máis avanzados que existen, pola súa capacidade para visualizar o funcionamento e metabolismo dos tecidos, ata o punto de poder observar o comportamento anómalo das células antes de que estas conformen un tumor observable polos sistemas diagnósticos convencionais. Deste xeito, a tecnoloxía PET permite detectar as patoloxías cando aínda non presentan un signo físico, o que supón unha mellora moi importante na detección precoz e prevención do cancro e doutras enfermidades e, polo tanto, das expectativas de vida do paciente.

Así pois, o equipo co que contará o Hula ofrecerá amplas posibilidades diagnósticas nos ámbitos da oncoloxía, a neuroloxía e as enfermidades cardíacas.

No eido do cancro, preséntase como un instrumento moi eficaz na detección e localización de tumores, incluso antes de que cheguen a ser visibles anatomicamente con outras técnicas de imaxe. Tamén permite coñecer o estado, características e grao das formacións tumorais, así como predicir a resposta a tratamentos con quimioterapia.

Na ampla relación de tumores que se poden detectar e estudar mediante PET-TC figuran os de pulmón, cabeza, fígado, ósos, mama, esófago, páncreas, colorrectal, ovario, e cancros linfáticos, entre outros.

En neuroloxía, a Tomografía por Emisións de Positóns posibilita o estudo de trastornos neurolóxicos e a detección e estudo de enfermidades neurodexenerativas, como o alzhéimer, o párkinson e a epilepsia.

No ámbito da cardioloxía, este equipo permite analizar a viabilidade miocárdica e estudar a enfermidade isquémica.

Comentarios