A Xunta dá un novo pulo á rehabilitación de vivenda no barrio da Tinería

Desde o ano 2009 rehabilitáronse 24 edificios e adxudicáronse un total de 57 vivendas. A posta en valor do Pazo de Dona Urraca e a Casa da Torre son proxectos inmediatos
A rehabilitación do barrio da Tinería ten como obxectivo dinamizar esta zona da cidade situada en pleno casco histórico. XESÚS PONTE
photo_camera A rehabilitación do barrio da Tinería ten como obxectivo dinamizar esta zona da cidade situada en pleno casco histórico. XESÚS PONTE

A Xunta de Galicia sostén que o seu compromiso coa rehabilitación residencial na cidade de Lugo e, en concreto, do barrio da Tinería queda patente nas cifras, cun total ata o momento de 24 edificios rehabilitados e 57 vivendas adxudicadas desde o ano 2009.

O Goberno galego mantén o seu obxectivo de dinamizar esta zona de Lugo e segue avanzando para que vexan a luz os proxectos para a rehabilitación e posta en valor do Pazo de Dona Urraca e da Casa da Torre.

Así, a finais de xaneiro, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estará en disposición de facer entrega de cinco vivendas.

Casa da Torre

En concreto, no caso da Casa da Torre, o antigo Hospital de San Miguel, aprobouse definitivamente o estudo de detalle solicitado polo Concello de Lugo, polo que desde o Executivo autonómico agárdase que, unha vez salvadas as dificultades urbanísticas iniciais, este proxecto poida desbloquearse en breve, coa licitación por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) do novo contrato de rehabilitación.

UI-8: Pazo de Dona Urraca

No relativo ao edificio do Pazo de Dona Urraca, atópase apegado ao ámbito da Unidade de Intervención 8 (UI-8) do Pepri, sen que hoxe dispoña de acceso desde unha zona pública, polo que a súa rehabilitación deberá ir parella ao desenvolvemento da UI-8.

A comezos de ano está previsto que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asine co Concello de Lugo o acordo que inclúe, entre outras cuestións, a delimitación deste ámbito, os inmobles a adquirir polo Concello e outras cesións a realizar por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

Programa Rexurbe

Tamén na zona do barrio da Tinería e no marco do Programa Rexurbe, orientado á recuperación dos cascos históricos das diferentes vilas e cidades galegas, estase a facer unha aposta importante pola adquisición de inmobles e a súa rehabilitación para destinalos a vivenda de promoción pública.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do IGVS, adquiriu tres inmobles que darán lugar a entre dúas e tres vivendas –unha vez estean completamente rehabilitados–, cun custo da compra de 84.117 euros e unha previsión para a súa rehabilitación de preto de 400.000 euros.

Nestes momentos, xa está licitada a redacción dos proxectos e dirección de obras para a rehabilitación de dous destes tres inmobles adquiridos, situados nos números 18 e 22 da rúa Catedral, actuación á que se destina un investimento de 28.500 euros. Unha vez aprobado o deseño licitaranse as obras, cunha duración estimada dun ano. Os edificios pasarán a formar parte do parque de vivendas de promoción pública que xestiona en Lugo o IGVS.

Construción de vivenda protexida

Ademais dos proxectos de rehabilitación en marcha na cidade, a Xunta tamén aposta por incrementar o actual parque público residencial de Lugo a través de novas promocións.

A tal fin, licitou no mes de xullo por 464.341,90 euros a redacción do proxecto e da dirección de obra para a construción de 58 vivendas de promoción pública (VPP) no barrio do Castiñeiro, concretamente en Lamas de Prado (unha actuación cun orzamento previsto de 7,8 millóns de euros).

Ademais, no novo concurso de solo residencial para promoción de vivenda protexida convocado por Xestur a finais do pasado mes de novembro, incluíronse dúas parcelas en Garabolos con capacidade para albergar 141 e 161 vivendas aproximadamente. O prazo para presentación de ofertas está aberto ata o 23 de marzo de 2023.