Xosé María Arias: "Se alguén sube ao tractor, levo o volante"

O alcalde de Castroverde ofrécese como alternativa para "volver á area"

Xosé María Arias. SEBAS SENANDE
photo_camera Xosé María Arias. SEBAS SENANDE

Por que un alcalde veterano como vostede se decide agora a tentar liderar o PSOE de Lugo?

Eu dou este paso porque creo que podo unir a unha gran parte do partido que cre que o partido é outra cousa que estar dirixido desde unha institución. Son dos que creo que o día que se perda a institución daremos volta atrás e teremos que volver a traballar desde cero. O partido sempre ten que estar vivo de cara ao militante. Este partido, desde hai oito ou seis anos, vén arrastrando unha lousa; se vas á sede encontras uns traballadores, por certo exemplares, pero non encontras a ninguén porque non hai partido. Onde hai alcaldías é máis fácil, hai máis equipo; onde non hai estamos baleiros e logo sorpréndenos aos catro anos que nos costa facer as listas ás municipais. Desde unha institución non se dirixe un partido e oio a Álvaro (Santos) que estivo na xestora e fala do consello de alcaldes. Iso non é un invento, iso está recollido nos estatutos desde hai tres anos. Si que está ben o consello de alcaldes, pero pregúntome polo resto de militantes na provincia aos que non chegas e que só se visitan cada catro anos. O partido é algo máis grande ca unha institución e hai que volver á area, pero non cunhas primarias, senón no día a día.

Vese coma unha persoa de consenso para tentar coser o partido, como dicía Susana Díaz?

Véxome con esa capacidade. De feito coñécenme, saben como son. Son unha persoa de carácter, pero de palabra, e considero que rodeado dun bo equipo podo facer un partido grande.

Ve posible a integración dalgunha das tres candidaturas?

Eu o que lles quero deixar claro aos militantes é que Xosé María púxose á fronte dunha candidatura que está para poder votar o día 3. Agora ben, se alguén se quere sumar e subirse ao tractor, Xosé María leva o tractor e o volante. Aos que anden inventando por aí, digo que esta é a miña palabra, o día 3 Xosé María está aí. Hai partido.

Con que apoios conta para tratar de gañar esta partida?

Non me gusta dar nomes. Teño moita xente de agrupacións, militantes, tivemos avais suficientes, pero agora quero os votos e vou tentar visitar todas as agrupacións para explicar o partido que eu quero e o que me pide a xente que teña o partido.

Que é o primeiro que faría de saír elixido?

Empezaría a tomar contacto coas diferentes agrupacións porque as municipais están aí. O meu obxectivo é tratar de manter a Deputación e as alcaldías que temos e conseguir máis. E mellorar os resultados onde o PP ten maiorías aplastantes.

Debe haber cambios na xestión do goberno da Deputación?

Eu non me vou meter na xestión do goberno. Teríame gustado que fose mellor do que foi, pero estase traballando ben e facendo moitas cousas. Eu quero diferenciar o traballo dos cargos institucionais do partido do traballo orgánico que se leva a cabo nese mesmo partido.

Comentarios