Xesús Mato: "Chamábanme 'o cura da rúa' porque pasaba máis tempo fóra da igrexa que dentro"

Nunca, na súa vida, contou con que lle darían a Medalla Castelao. Agora, que a vai recibir o día 28, afirma que este galardón o honra por estar en compañía de Castelao e do seu amor a Galicia.

Xesús Mato, Medalla Castelao 2018. J. VAZQUEZ
photo_camera Xesús Mato, Medalla Castelao 2018. J. VAZQUEZ

FOI UN rapaz de aldea que, como el mismo di, accedeu á única universidade que había daquela para a xente pobre e que era o seminario, o sitio onde aqueles rapaces, aos que se lles daban ben os estudios, chegaban algún día a curas. Xesús Mato, ou Padre Mato para moitos, foi un deles.

Pero tamén foi quen puxo en marcha a primeira emisora da Cope en Galicia, quen fundou Fuxan os Ventos e quen facilitou a integración social a moitos discapacitados físicos a través de Auxilia. Por todo isto e máis —incluída a súa loita pola cultura e a lingua galegas—, este rapaz de 85 anos, nacido na aldea de Cabo de Vila en San Martiño de Castro, Paradela— fíxose merecedor dunha das medallas Castelao que anualmente concede a Xunta de Galicia.

O de ser cura foi vocación ou foi unha casualidade máis da vida?

Foi pola circunstancia de que só podía estudar para cura. Meus pais tiñan seis fillos e non había moitas posibilidades de facer outras carreiras nin de estudalos a todos. Meu avó fora mestre de ferrado, dos que lles pagaban en gran, e preparou moita xente para a emigración e aos que iban traballar ás minas de Asturias. Quizais por iso, a min mandáronme á escola con 5 anos, para o cal tiveron que pedir un permiso especial. E rompín a ler na etiqueta dunha botella de viño de Sansón, que lles regalaban daquela ás mulleres que acababan de parir, para repoñer forzas. E foi así como empecei a ler e a estudar.

Rompín a ler na etiqueta dunha botella de viño de Sansón, que lles daban ás mulleres que acababan de parir

Vocación logo non tiña...

Bueno, eu era o sancristán da parroquia pero mandáronme para o seminario de Lugo porque daquela era a universidade da xente pobre e se querías estudar, era o que había. Eran uns tempos moi malos, eran os anos da posguerra. A Guerra Civil foi moi dura. Lembro que alí, á aldea, viñeron deter xente e eu facía moitas preguntas que ninguén quería contestar. No ano 1946, con 14 anos xa, funme para Lugo. Para entrar, preparoume o cura da parroquia, que me deu pasantía en Portomarín durante mes e medio. Eu e os meus compañeiros estreamos o edificio no que está agora o Concello.

Como lembra o Lugo ao que chegou con 14 anos coa súa visión dun neno de aldea?

Recordo que era polo San Froilán e que a min me gustaba moito andar en bicicleta. No Seminario, pasei doce anos. Ordeeime sacerdote en 1958, aos 26, e déronme como destino Lalín.

De que se ocupou en Lalín?

O bispo Ona de Echave, que estaba daquela na diocese de Lugo, encargoume o reto de montar a primeira emisora de Galicia da Cope alí, en Lalín. A xente pensaba que a emisora sería para retransmitir a misa e rezar o rosario. E empezamos así pero, pouco a pouco, fomos ampliando a programación. Tamén nos chegaron a prohibir, nun principio, dar noticias pero fómolos convencendo e, ao primeiro, conectabamos con Radio Nacional para despois acabar xa dando información local e social. En Lalín, ademais da emisora da Cope, tamén montei a polifónica e un grupo de teatro.

Cando puxemos a primeira emisora en Lalín, a xente pensaba que só era para retransmitir a misa e o rosario

Ou sexa, que vostede traballou máis fóra da igrexa que dentro dela...

A min chamábanme 'o cura da rúa', precisamente por iso.

Foi tamén dos primeiros en usar o galego na liturxia?

Non fun eu só. A apertura da Igrexa, que saiu do Concilio Vaticano II, fixo tamén moito por iso. Antes do concilio, a propia Igrexa prohibía falar en galego. Lembro que o castigo máis grande que tiven no Seminario foi, precisamente, por iso, por falar galego. Alí estaba prohibido usalo.

En que consistiu o castigo?

Foi un castigo gordo. Puxéronme de xeonllos na clase mentres pasaba, por diante miña, toda a comunidade. Polo demais, en Radio Popular tardei moito en falar en galego. Desde 1967 ata 1972, facía os programas en castelán. Ofrecéronme tamén ser director da emisora da Cope que se abriría en Lugo en 1967 pero non quixen, prefería ser libre para facer programas.

Entrei no seminario de Lugo porque era a universidade á que iba a xente pobre

Algunha vez lle dixeron que vostede podía ser un daqueles curas roxos, que houbo a finais dos 60 e principios dos 70, por ese interés que tivo sempre por promover a cultura galega e ser tamén un gran dinamizador social?

Cura roxo, non. Cando se empezou a levar o galego á liturxia foi despois da morte de Franco e a diocese de Lugo foi das poucas que fixo cursos de galego para curas. A raíz diso, foise implantando nas parroquias cada vez máis, especialmente dos anos 80 para acá. Era lóxico, a min non me cabía na cabeza falar coa xente en galego fóra da igrexa e entrar para dentro e falarlles en castelán!

Como naceu o grupo que vostede fundou e que fixo historia, Fuxan os Ventos?

Fuxan naceu xa, en certa maneira, no ano 1968, cando había os concursos de panxoliñas da Sección Femenina. Eu estaba daquela no colexio menor feminino Santísimo Sacramento, era o asesor relixioso alí, e fíxose un coro feminino. Por outra banda, tamén había rapaces do colexio masculino, o Eijo Garay, que cantaban moi ben. Un Nadal, convidei aos rapaces que viñesen cantar coas pequenas. Cantáronse panxoliñas en galego e tamén en castelán e de aí saiu Fuxan e tamén o espectáculo Galicia canta ao neno, en 1972.

Foi o primeiro disco que fixo Fuxan os Ventos?

Non, Fuxan tardou en sacar o seu primeiro disco. Non se fixo ata 1976 e ese primeiro disco foi Fuxan os ventos. Entre outras cousas, tardamos porque a Mini e a Mero tocoulles ir á mili. Despois, viñeron O tequeletequele, Galicia canta ao neno, Sementeira e Quen a soubera cantar.

Enfrentáronse moitas veces coa censura gubernativa?

Censura había, tíñanos que dar unha autorización o Goberno Civil para cantar as cancións. Fuxan os ventos, por exemplo, é unha canción reivindicativa pero non se metía con ninguén e permitírona. Desde o principio, foi todo un éxito. En só tres meses, Fuxan tivo 32 actuacións en concellos e teleclubs. No ano 1977, creouse outro grupo, Saraibas, para reemprazar a Fuxan en moitas actuacións, xa que nos viamos desbordados. Tamén daquela empezaron a facerse as romaxes dos cristiáns galegos. Empezamos a facelas en Irimia, na serra de Meira, onde nace o Miño, como símbolo de Galicia.

Estar en compañía de Castelao, aínda que sexa só compartindo esta medalla, sempre é unha honra

Pero a idea de Fuxan os Ventos de cantar en galego non tivo nada que ver con outros grupos como, por exemplo, Voces Ceibes, cunha mensaxe política?

Non, esa non era a idea de Fuxan. Cando empezou o grupo, parecía unha barbaridade poñerse a cantar en galego e os rapaces o que cantaban eran cancións de distintos países ata que nos decatamos de que Galicia tiña unha enorme despensa de cancións! Tamén entramos en contacto con algúns poetas que empezaban daquela como Marica Campo ou Darío Xohán Cabana. E, ao final, iban saíndo as cancións, sorteando a censura e traballándoas con picardía. A censura prohibía unhas cantas e pasaba outras. Así estivemos ata os anos 1978 e 1979, tempo despois de que morrese Franco! As censuradas non as cantamos siquera e outras que se cantaron, cantáronse a medias. Realmente, a verdadeira Transición galega foi entre os anos 1975 e 1980.

Fuxan, a Cope e tamén Auxilia. Como chegou a interesarse polos discapacitados físicos?

Habería tamén que engadir que formei parte dunha asociación de apostolado na estrada. Faciamos unha campaña de verán para evitar accidentes porque daquela as estradas eran moi malas e a xente empezou a veranear, polo cal comezou a haber moitos accidentes e moitos mortos. Auxilia creouse no ano 1972 e cambiou as historias persoais dos discapacitados físicos. Hai un lema que di: "Fai o que creas e faino con entusiasmo" e, precisamente, eu quería estar libre daquela, sen ser director de Radio Popular en Lugo, para estas cousas. Auxilia cambioulle a vida a moita xente que, ata daquela, vivía condenada a quedar nas casas sen poder insertarse no resto da sociedade. Foi unha obra bonita que segue aínda en Lugo.

Pero foi cousa da Igrexa ou foi idea súa fundar Auxilia?

A min Auxilia veume feita. Foi idea dun cura de Ourense que puxera en marcha un proxecto semellante e quería facer o mesmo en Lugo, para o cal chamoume a min. Experimentei un tempo en Barcelona cunha iniciativa similar e así foi como naceu Auxilia, con 140 discapacitados que, ata daquela, non saían das casas.

"O mellor regalo que me deu a vida foi unha parroquia rural"

 Elixa: Fuxan, Auxilia, a Cope...?

Non teño preferencias. Simplemente, me impliquei en cousas que daquela vin necesarias. Sen máis. O importante foi manter ese diálogo co pobo en todo momento, nuns proxectos e noutros.

Cambiaría moitas cousas da Igrexa, ten que camiñar cos tempos

Sempre estivo volcado con proxectos culturais e sociais e só exerceu de cura en Lalín e Pedrafita. Como chegou á montaña luguesa?

Pois, aló polo ano 1983, empecei a substituír os domingos a un cura que levaba varias parroquias en Pedrafita. Iba alá os domingos, despois da misa na radio. E, ao final, pasei vintesete anos na montaña. Ocupábame de varias parroquias de Pedrafita como, por exemplo, Liñares, Hospital da Condesa, Padornela, Fonfría... e tamén dunha do Courel, Teixeira. Era a vida de ti a ti. O mellor regalo que me deu a vida creo que foi ter unha parroquia rural. Deixei as parroquias hai oito anos, en 2010, pero foi unha experiencia moi bonita.

Cambiaría moitas cousas da Igrexa actual?

Cambiaría moitas cousas na Igrexa de hoxe. O fundamental para min é que responda aos tempos e non quede ancorada no pasado. Non se pode culpabilizar só a Igrexa da escaseza de vocacións, pero si ten algo que ver porque a Igrexa ten que camiñar coa sociedade, cos seus tempos.

A que se dedica agora?

Vivo en Portomarín, onde coido a dúas irmás maiores ca min que están enfermas.

E como se sente trala concesión da Medalla Castelao?

Nunca contei cunha medalla na miña vida, pero agradezo que se acordasen de min. Tamén lle agradezo moito aos amigos que están representados nesa medalla.

Bueno, pero faríalle ilusión non si?

Ao final da vida, non che poden facer ilusión xa moitas cousas. O mellor da medalla é ese vínculo co galego, coa evolución social e intelectual e con ese amar a Galicia que representou Castelao. E estar en compañía de Castelao, aínda que sexa só compartindo esta medalla, sempre é unha honra.