"A xente o que me di é que en Lugo cada vez se vive mellor"

Mercedes Rosón Ferreiro naceu en Lugo hai 60 anos, viviu ata os catro en Becerreá, a onde volve cada 15 días, é subdirectora de Cultura da USC e este é o terceiro goberno de Compostela do que forma parte. É tamén a número dous do PSOE santiagués, onde soou para alcaldable, e nesta entrevista fala de problemas e potenciais que comparten a cidade onde naceu e a que habita
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Mercedes Rosón Ferreiro. LUIS POLO

Como está Santiago despois do verán de récords de peregrinos e de turistas que acaba de pasar?

Foi un verán intenso e anúnciase un outono tamén cunha importante chegada de visitantes, pero agora estamos xa tamén coa vida estudantil e a cidade empeza a recobrar o seu aspecto identitario de cidade universitaria e tamén Patrimonio da Humanidade.

Esa presión levou o seu goberno a regular as vivendas turísticas.

É un fenómeno recente e interesante, que é universal, chegou a Compostela como a todas partes, pero aquí xera máis tensión pola escala da propia cidade, que non é moi grande. Esa é a nosa fraxilidade, e fai que sexa necesario que se protexa non unicamente a cidade histórica senón o resto da cidade. No 2019 atopámonos que esa expansión das vivendas turísticas empezaba a colonizar a cidade enteira. Reaccionamos moi rápido falando coa universidade, con colectivos estudantís e veciñais, con inmobiliarias que estaban denunciando a falta de vivenda de alugueiro tradicional para familias e estudantes..., e en decembro xa iniciamos o traballo para modificar o PXOM e ordenar ese uso. Non as estamos prohibindo, queremos que existan, pero evitando esa concentración tan intensa que está condicionando a vida e desdebuxando a cidade. 

En Lugo estamos nunha fase anterior, pelexando para que veñan máis visitantes. Aínda que as diferenzas con Santiago son obvias e nunca chegará a ter ese volume de turistas, que receita daría para non cometer erros?

Lugo, que é a miña cidade, alí nacín e pasei momentos inolvidables, ten un patrimonio e un relato impresionante. Creo que é unha cidade marabillosa, onde a xente é feliz. Teño moitos parentes e moitos amigos, algúns deles que foron para alí sen moitas expectativas e agora non queren irse a outro sitio. Ten un patrimonio marabilloso, non só a muralla, a cidade toda, cada vez que se levanta unha pedra aparece algo valiosísimo. Eu, que pertenzo á comunidade universitaria, sei da xoia que hai no Vicerreitorado, hai que sacarlle aínda máis partido.

Precisamente hai uns meses xurdiu a posibilidade de facelo, con motivo do arranxo do adro da catedral, pero non se fixo. Perdeuse unha oportunidade?

Non podo opinar nin quero tampouco. É algo valiosísimo, que nos conta a historia da cidade nas súas orixes, pero está nunha zona tremendamente sensible, en contacto coa catedral. É moi difícil tomar unha decisión ante semellante disxuntiva. Calquera das opcións é boa. Xa sabemos o que hai alí. E sempre se está a tempo para estas cousas e hai formas. Vas por Florencia, por exemplo, e por debaixo do Duoma está a antiga catedral.

De momento un dos problemas do centro histórico de Lugo é a perda de poboación, por falecemento, por búsqueda de vivendas con máis servizos, polos ruídos... A rehabilitación de vivendas para uso turístico pode ser unha oportunidade?  

Claro que si, é unha oportunidade e eu o que faría sería regulalas, porque é unha actividade económica e precisa unha licenza urbanística, un permiso. Con calma, pero é mellor anticiparse. 

Un problema dalgúns centros históricos é o exceso de vehículos nas zonas peonís, como sucede en Lugo e en Santiago. Hoxe pouca xente cuestiona as peonalizacións, pero somos laxos no control efectivo do tráfico nelas?

Aquí imos deixar de selo dentro de nada, estamos traballando nun programa europeo que ten que ver co control dos coches, tanto os turismos como os de reparto de mercadorías. Temos que controlalo polo tema medioambiental e porque nos preocupa tamén a xestión de todos eses vehículos.

É concelleira de urbanismo. En Lugo hai queixas pola demora na concesión de licenzas. Canto tardan aí os permisos?

Hai algunhas que están moi ben. Depende de como se presente o expediente. Se este está ben e completo vai como un foguete, se non tarda un pouco máis, e despois hai expedientes máis comprometidos porque precisan informes doutras administracións públicas. Estou bastante satisfeita porque creo que se está sendo máis dilixente e aspiro a mellorar considerablemente. As administracións locais temos problemas compartidos e un, froito da gran crise da última década e das normativas que impediron durante moitos anos repoñer os efectivos, é a redución do persoal por xubilacións, e iso desestrutúranos os servizos.

Vén moito por Lugo?

Agora menos. Ía moito cando vivía o meu tío Antonio, que era como un segundo pai. Agora a onde vou é a Becerreá, cada quince días e sempre que podo.

Tamén é concelleira de cultura. Que lle contan os seus amigos e parentes da vida cultural de Lugo? 

Eu creo que está mellorando moito. Vexo que a posta en marcha do Vello Cárcere foi algo importante para a cidade. Está aí o tema do novo auditorio, pero non quero falar diso. Lugo sempre tivo unha vida cultural interesante e dáme a sensación, polo que me conta tamén a xente, que sempre hai algunha cousa. O que me transmiten os meus primos e os meus amigos é que cada vez se vive mellor en Lugo, que as cousas van ben.

"Gobernar co BNG foi unha experiencia fantástica e creo que foron anos de moito éxito na xestión"

Como Lugo no anterior mandato, neste o PSOE goberna en minoría en Santiago. Rosón xestiona cinco áreas.

No pasado gobernou co BNG, como agora o PSOE en Lugo. Que aprendizaxe sacou vostede?
Creo que foron anos de moito éxito na xestión e de moito crecemento. Foi unha experiencia fantástica dende a perspectiva humana e política. E moi leal tamén. Non hai ningún problema por gobernar en coalición.

Compensa a facelo en minoría?

En minoría é moitísimo, moítisimo máis complicado, e máis nun mandato coma este, de crises tan inesperadas como as que vivimos. 

Ao fin repite Xosé Sánchez Bugacomo candidato á alcaldía.

Si, dilatouse un pouco a decisión.

E vostede repetirá? Que hai dese suposto acordo para relevalo na alcaldía durante este mandato?

Nunca houbo ese acordo, iso é un falar. Houbo un acordo para recuperar o goberno de Compostela.

Esa pode ser a fólla para o próximo? Sempre tivo peso no partido e na última reestruturación gañou máis, cunha vicesecretaría única.

Non, a oposición sempre fixo uso de cousas como a existencia de dous grupos, pero aquí o que fixemos foi poñernos a traballar dunha forma moi responsable, comprometida e leal.

Comentarios