Xente sen malos fumes

Teñen coche, pero prefiren ir a pé, en bicicleta ou en patinete. Poñen a súa saúde e a do planeta por riba da comodidade.
Juan Carlos Zahera. XESÚS PONTE
photo_camera Juan Carlos Zahera. XESÚS PONTE

O 22 de setembro é o Día Mundial sen Coche. A data pretende chamar a atención sobre a necesidade de reducir os malos fumes. En xogo está a capa de ozono, que é de todos, pero tamén a saúde, que é persoal e intransferible.

Prescindir do coche non sempre é posible, pero a realidade é que se utiliza máis do necesario. Hai un indicador moi fácil de comprobar. Só hai que observar o tráfico en calquera rúa. Cantos coches van ocupados por unha soa persoa? Se a resposta é case todos é que algo estamos facendo mal.

Nos desprazamentos urbanos, o coche utilízase máis por comodidade que por necesidade. Hai alternativas sen fume, como ir andando, en bicicleta ou en patinete, e outras con menor impacto ambiental, como o transporte compartido, público ou privado.

Hai lucenses que levan anos demostrando que moverse pola cidade sen coche é posible e saudable. Din que ese bo hábito ten beneficios directos no seu benestar, reducen os malos fumes que respiramos todos e mesmo chegan antes porque nin dan rodeos nin perden o tempo de aparcar.

JUAN CARLOS ZAHERA. En Lugo é un símbolo. Juan Carlos Zahera é esa persoa que todo o mundo viu algunha vez pasar en bicicleta. Verán e inverno, con sol ou chuvia, sempre sobre dúas rodas. 

Juan Carlos Zahera ten conciencia ambiental desde antes de que se puxera de moda. Viviu un tempo en Holanda e regresou ben aleccionado. "Alí aprendín que as bicicletas non son só para o verán. En Holanda todo o mundo as utiliza e as cidades están adaptadas para os ciclistas. Cando chegaba o inverno, eu vía que a xente seguía indo en bici a todas partes e pensei: este clima non é mellor que o da miña terra, así que en Lugo tamén se pode".

E por suposto que puido. A clave vai na súa mochila. "É tan sinxelo como levar sempre un bo impermeable. Con isto non te mollas e frío non pasas nunca porque a bici produce calor. O único que hai que protexer son as mans e a cara se o aire vén moi frío". Seguindo estas pautas tan simples, leva toda a vida percorrendo Lugo sobre dúas rodas. Primeiro en bicicleta e agora tamén en patinete eléctrico. Confesa que a batería axuda nas costas. "Son bailarín, teño os xemelgos fortes, pero tampouco estou para subir o Tourmalet. Ás veces custa, pero axuda a poñerse en forma", bromea.

Juan Carlos Zahera ten coche, pero móvese sobre dúas rodas por convicción

"Cando se popularizaron os coches, en España rechazamos as bicis. En Holanda mantivéronas e adaptaron as rúas para que puidesen convivir cos vehículos a motor. É cuestión de respecto. Aquí non se fixo así. Desprezamos a bicicleta e todo se pensou para os coches", argumenta.

Juan Carlos Zahera tamén conduce un automóbil, pero resérvao para as viaxes longas cando o transporte público non lle ofrece unha boa conexión. "Agora que os trens están subvencionados aínda utilizo menos o coche. En todo caso, só o uso para viaxar entre cidades. Cando chego ao destino, aparco e saco o patinete que levo no maleteiro para os desprazamentos urbanos".

Hai que ir cos tempos e Zahera non perde unha. "O patinete eléctrico é a solución cando te moves fóra da túa cidade. A bicicleta non é fácil de levar no coche, pero o patinete si, así que agora uso as dúas cousas, en función de onde me teña que mover. O que teño claro é que o coche sempre queda nun estacionamento", explica.

Juan Carlos Zahera está afeito a moverse por Lugo sobre dúas rodas, pero asegura que non sempre é doado. "Lugo aínda non é unha cidade adaptada. É fácil moverse polo extrarradio, pero non polo centro. A mellor cidade de Galicia para circular en bicicleta e patinete é, sen dúbida, A Coruña".

David López. AEP
David López. AEP

DAVID LÓPEZ. Desta mesma opinión é David López, que rexenta LucusBikes, un negocio orientado á venda e aluguer de bicicletas e patinetes eléctricos. Envexa as facilidades para desprazarse sobre dúas rodas na Coruña e aínda ve moitas carencias en Lugo.

O que máis bota en falta son lugares para estacionar. "Unha bicicleta eléctrica non se pode deixar na rúa. Son caras, corres o risco de que desapareza. E as farolas non están pensadas para amarrar bicicletas. A Policía pode multar e, aínda que non o faga, as bicis estorban, poden sufrir danos, alguén pode chocar con elas... Hai que habilitar lugares axeitados para estacionar con seguridade", comenta.

Á marxe deste inconveniente, David López só ve vantaxes nos desprazamentos sobre dúas rodas. "As bicicletas son cómodas, rápidas, facilitan os percorridos urbanos e cunhas boas alforxas podes ata levar a compra".

David López aluga bicis eléctricas para que os turistas poidan percorrer Lugo con axilidade

Este emprendedor tanto vende como aluga vehículos eléctricos. O seu negocio está no casco histórico de Lugo e pretende dar servizo aos turistas que desexan coñecer a cidade. "A bicicleta eléctrica é unha opción perfecta porque permite os desprazamentos áxiles. O patinete tamén, pero o seu uso nas zonas peonís está limitado e coa bici podes circular a pedal".

Apunta que a normativa de uso non está todo o clara que debera porque, aínda que existe un regulamento estatal básico, a aplicación depende de cada concello e varía dunha cidade a outra. "É necesario fixar unhas normas de circulación ben detalladas, ter unhas pautas claras para utilizar cada vehículo de maneira segura e axeitada", afirma. 

Para que motor, batería e tracción humana poidan coexistir nas rúas é necesario un regulamento preciso que delimite o uso de cada un dos vehículos e evite riscos e conflitos entre os condutores.

Pablo Veiga. AEP
Pablo Veiga. AEP

PABLO VEIGA. Iso é o que tamén reivindica Pablo Veiga. Defínese como "ciclousuario" e aboga pola integración da bicicleta no tráfico ordinario. Predica co exemplo e desprázase habitualmente en bicicleta pola cidade.

"Traballo a 20 quilómetros de Lugo e utilizo o coche para ir, pero para moverme pola cidade opto pola bicicleta. Vivo na Piringalla, vaia a onde vaia son entre catro e sete quilómetros, unha distancia asumible para calquera ciclista", comenta.

Insiste en que "en cidades europeas con clima e orografía moito máis adversos que aquí o uso da bicicleta está xeralizado, así que nós tamén podemos, é cuestión de vontade e concienciación".

Pablo Veiga desprázase por Lugo en bicicleta e aboga por integrala no tráfico ordinario

Destaca os beneficios da tracción humana. "É bo para a saúde porque fas deporte, pero tamén é operativo, rápido, ecolóxico. Cantos menos coches circulen, mellor para todos", afirma.

Considera que Lugo é unha cidade accesible. "Eu circulo con total normalidade. Hai que ir con prudencia, pero síntome cómodo". Engade, porén, que o carril bici é mellorable. "É positivo para conectar co río", pero bótase en falta no resto da cidade. "A bicicleta ten que ser parte do tráfico, non estar limitada a unhas determinadas zonas", sostén.

Pablo Veiga forma parte do movemento Masa Crítica, que promove o uso da bicicleta en cidades de todo o mundo. Con este obxectivo, organizan paseos por Lugo o último xoves de cada mes.

Álvaro Santos. XESÚS PONTE
Álvaro Santos. XESÚS PONTE

ÁLVARO SANTOS. Quen tamén prescinde do coche canto pode é Álvaro Santos, concelleiro do PSOE de Lugo. É habitual velo a pé ou en bicicleta pola cidade, tanto para traballar como para pasear. "Cando necesito tempo vou máis na bici porque chego antes ca no coche", asegura. Recoñece que algunhas costas complican os desprazamentos, pero "vas ganando tonificación e ao final non custa tanto".

O covid fíxolle unha mala xogada. "Tiven problemas respiratorios e de fatiga. Iso supuxo un retroceso importante no uso da bicicleta", apunta. 

Álvaro Santos vai a pé sempre que pode e di que iso lle axuda a mellorar o corpo e a mente

Mentres se recupera, desfruta camiñando. "Préstame ir andando a todas partes. Séntame ben para despexar a mente. Ademais, teño intolerancia á glucosa e andar é a mellor maneira de regulala", explica Álvaro Santos.

Sae a camiñar polas mañás, leva o fillo á escola e procura facer a pé todos os desprazamentos laborais que pode. Os percorridos urbanos fainos por saúde e para reducir fumes, pero o que realmente lle presta é camiñar polo monte. "Para a cabeciña é o mellor que hai", comenta.

Andar, empurrar un patinete ou pedalear son deportes sanos, pero tamén hábitos saudables. Son bos para a cabeza e para os pulmóns, tanto para os propios como para os alleos.

Sabías que...
Comezou no 2000
► No ano 2000, a Comisión Europea declarou o 22 de setembro o Día Mundial sen Coche. Nesa primeira edición, as actividades extendéronse durante unha semana e chamóuselle Semana Europea da Mobilidade. 
► Antes de fixar unha data xa houbera iniciativas para concineciar sobre a necesidade de reducir o uso do coche. En outubro de 1994, cidades como Reikiavik (Islandia), La Rochelle (Francia) e Bath (Reino Unido) celebraron o Día sen Coche e no 1997 Gran Bretaña fixou un día a nivel nacional.

Orixes
► A orixe deste día remóntase a 1973, cando os países árabes aliados na Organización de Países Exportadores de Petróleo (Opep) cortaron a subministración aos países europeos que apoiaron a Israel na guerra de Yom Kipur.
► Europa tivo entón que buscar o xeito de reducir o consumo de petróleo. Algúns países optaron por racionar a gasolina e a maioría empezou a promover o uso de medios de transporte públicos e máis eficientes.

En cifras
► En España hai 32 millóns de vehículos, dos cales 24,5 millóns son turismos. 
► No mundo calcúlase que o número de vehículos a motor supera os 1.400 millóns.