"Xa non soño con motos"

A autora Marica Campo interveu nas 'Catas literarias' que se celebran no MIHL. Este verán regresará á narrativa cunha novela curta na que a muller terá protagonismo
Marica Campo, coa sua irmá Tareixa, este xoves no MIHL.
photo_camera Marica Campo, coa sua irmá Tareixa, este xoves no MIHL.

Marica Campo é unha muller interesada na vida, que sitúa a súa literatura -trascendente para os escritores- no mesmo plano ca súa cociña ou por baixo da súa biblioteca. «Eu leo moito e escribo pouco, ler é moito máis divertido ca escribir», asegura a autora.

Porén, onte tocoulle regresar ao papel de escritora ao protagonizar a ‘Cata literaria’ no Museo Interactivo de Historia de Lugo (MIHL). Debía falar sobre a súa obra, que é tan ampla e variada coma a súa animada conversa.

Antes de comezar o encontro cos lectores, manifestábase «tranquila», tanto porque «son moitos anos de costume» como «porque cada vez che importa menos quedar ben ou mal». A súa experiencia nos actos literarios é ampla; de feito, afirma ter «máis obra en pregóns, presentación de libros e prólogos» ca en ficción propia. «Sempre fun onde me chamaron», argumenta.

A súa intervención no MIHL estivo armada arredor das «razóns para ser escritora galega hoxe». Entre esas razóns, mencionou que «escribir é usar os materiais da vida», pero esa vida non responde necesariamente á experiencia propia. «Ás veces vén das lecturas e ás veces dunha experiencia dunha persoa que me confesou algo; escribo sobre as cousas que me preocupan», indica a autora.

Unha mostra de que a súa literatura non reflicte necesaria ou unicamente a súa experiencia é que nunca escribiu sobre motos, unha das súas maiores paixóns. O seu pai era afeccionado, pero prohibiulle montar por temor a un accidente; aínda que iso non impediu que o fixese ás súas costas. Hai moitos anos que non sube a unha moto, pero antes atravesaban a gran velocidade pola súa mente mentres durmía. «Xa non soño con motos», confesa.

Antes tamén soñaba con fumar. Agora tampouco, porque non lle marchou «a gana de fumar, pero si a vontade». Apagou o último cigarro co remate do 2012. Como escribía ao tempo que fumaba tardou uns meses en adaptarse a facelo coas mans desocupadas doutra actividade.

«Sempre cheguei tarde para publicar», di Marica Campo como explicación ao ritmo co que van aparecendo os seus libros. O último é ‘Noutra dimensión’, unha novela para rapaces de 2011.

Consciente de que traballa «mellor baixo presión» vén de aceptar unha encarga para escribir «unha novela curta, unha ‘nouvelle’»,que é súa estensión favorita, que debe entregar este verán.

Antes de renunciar a unha chea de horas de lectura para poder escribir esa novela, debe decidir cal das historias que ten pensadas vai usar nesa obra. A muller, seguro, terá unha presenza destacada porque Marica Campo escribe sobre o que lle preocupa.

Hai tamén cuestións que lle preocupan sobre as que non escribe. Paradoxalmente, unha desas cuestións é a poesía. Recoñece que se atopa «dubitativa» a respecto dos seus poemas, mesmo «desencantada», aínda que segue lendo poemarios.

A escritora culpa parcialmente desa desilusión á que non logra «desprenderse da métrica e da rítmica para facer verso libre». Aínda que pareza o contrario pola sona das súas formas clásicas, Campo insiste en que ten «máis poemas en verso libre ca en soneto ou sextina». Malia esa preeminencia, a poetisa é máis recoñecida como autora destas.

A sextina é unha estrofa de seis versos endecasílabos u octosílabos de notable complexidade que ela desenvolve sen dificultade. «Foi un amigo quen me animou». Coma sempre lle pasa.

Comentarios