Víctor Álvarez chega ao Concello mentres di que "a crise en Lugonovo acabou"

"É unha etapa moi bonita na vida dun lucense·, sinalou o concelleiro que substitúe a Iñaki García

Víctor Álvarez. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Víctor Álvarez. VICTORIA RODRÍGUEZ

O edil que este luns tomou posesión do seu cargo, Víctor Álvarez, que recolle a acta que deixou vacante por dimisión Iñaki García, afirmou antes de entrar no pleno do Concello de Lugo que "a crise" no seo de Lugonovo (En Marea) xa "se acabou".

"É unha etapa moi bonita na vida dun lucense, tomar posesión para ser concelleiro de Lugo. Vou con toda a ilusión que se pode ter e cunha responsabilidade que tomo moi en serio, para representar á xente que nos deu o seu voto parar levar a cabo unhas políticas no Concello", dixo Víctor Álvarez aos medios de comunicación.

Álvarez é, en realidade, o segundo concelleiro que se incorpora ao grupo municipal de Lugonovo a mediados de mandato, dado que a de dimisión de Iñaki García estivo precedida pola do portavoz e número 1 da lista nas pasadas municipais, Santiago Fernández Rocha.

"Penso estar á altura das circunstancias, polo menos vou tentalo. O meu agradecemento a toda a xente que me puxo aquí para realizar este labor", engadiu Álvarez.

En canto á situación de Lugonovo, afirmou que "as crises empezan e acábanse, e agora acabouse". "Agora o que temos por diante é moito traballo. A crise xa a esquecín e estou noutra etapa", concluíu.

Comentarios