O VI Premio Stephen Hawking rexistra a participación de dous institutos lucenses

O certame, que ten como obxectivo o fomento da vocación científica, ábrese dende a súa creación ao alumnado de bacharelato dos centros de ensino galegos e dos centros estatais do programa do Bacharelato Internacional
Amparo Alonso. XURXO LOBATO
photo_camera Amparo Alonso. XURXO LOBATO

O IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, coa colaboración da Xunta a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e co apoio de empresas e entidades como Finsa, Ternera Gallega e Feiraco, está a celebrar neste 2024 a sexta edición do seu Premio Stephen Hawking.

Este ano presentáronse 54 proxectos asinados por estudantes procedentes de 11 institutos. Ao certame, que está aberto a centros galegos de ensino galego e centros estatais implicados no programa de Bacharelato Internacional, concorre o alumnado de institutos de sete concellos galegos (Santiago, A Coruña, Lugo, Nigrán, Ourense, Brión e Trives) e dous de fóra de Galicia (Madrid e Soria). 

En Lugo, o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes achega ao certame un total de catro traballos, mentres que o IES Lucus Augusti achega un.

No conxunto de Galicia, os proxectos –que se poden presentar de forma individual ou en grupo– están asinados por preto de 80 alumnos.

Este ano as bases contemplaron que os traballos presentados xirasen ao redor de dous grandes eixos temáticos. O primeiro deles, a figura e a contribución ao eido da intelixencia artificial de Amparo Alonso Bentanzos, científica que preside neste 2024 o xurado. O segundo, as ideas básicas que suxire o lema desta edición do Premio: INTELIXENCIAS.

Dentro destes parámetros, concorren proxectos vencellados aos campos da Bioloxía e da Xeoloxía, da Física e a Química, das Matemáticas, do ámbito tecnolóxico, das Ciencias Sociais e mesmo traballos de índole artística.

Nas bases do premio recomendouse que, independentemente da área de coñecemento escollida, os proxectos participantes estivesen adaptados en estrutura e en contido aos parámetros dun traballo de investigación que puidese culminar nun artigo susceptible de ser publicado en revistas científicas.

Exposición pública e entrega

O venres da próxima semana, 19 de abril, celebrarase no IES Plurilingüe Rosalía de Castro a xornada de exposición pública e entrega. A actividade comezará ás 9.00 horas coa recepción do alumnado asinante dos traballos participantes que, ao longo da mañá, presentará as súas propostas diante do tribunal, presidido por Amparo Alonso Betanzos.

Xa pola tarde, ás 19.00 horas, procederase a facer público o fallo do tribunal e a entrega do galardón nun acto aberto que se celebrará no Auditorio do IES Rosalía de Castro.

Comentarios