Os veterinarios da provincia de Lugo, en primeira liña contra a covid-19

Máis dun milleiro de profesionais aseguran a saúde pública e a sanidade e o benestar animal coas súas intervención en 67 concellos
A nova xunta directiva do Colexio de Veterinarios de Lugo, co seu presidente José Luis Benedito Castellote. EP
photo_camera A nova xunta directiva do Colexio de Veterinarios de Lugo, co seu presidente José Luis Benedito Castellote. EP

O NOVO ESCENARIO xurdido a raíz do impacto do coronavirus reforzou a visibilidade de determinados colectivos profesionais, especialmente os do ámbito sanitario. Millóns de españois concentrábanse puntuais nas súas fiestras ás oito do serán para renderlles homenaxe a médicos e enfermeiros que, literalmente, estaban a deixar a pel en batallas diarias da que era —e segue a ser— a guerra de todos nós.

Ao igual ca eles, tamén os profesionais da Veterinaria souberon estar, máis ca nunca, á altura das circunstancias e, deste xeito, arrimar o ombro á tarefa incansable que os gandeiros da provincia desenvolveron ao longo destes meses. Mentres a maioría da poboación permanecía illada, os veterinarios continuaban a traballar co triplo compromiso de garantir o abastecemento de alimentos, a saúde pública e a sanidade e o benestar animais.

As necesidades do gando vacún na provincia que lidera a produción de leite en toda España e que aglutina 20 dos 25 concellos con máis vacas de carne, as urxencias que presentan os animais domésticos, o traballo no eido da investigación ou na acuicultura na Mariña son só algúns exemplos de como os veterinarios permaneceron na primeira liña contra os efectos da covid-19.

Seguridade alimentaria
Nun momento histórico no que se dispararon as compras en supermercados e outras superficies comerciais, garantir que a poboación reciba alimentos seguros foi tamén un desafío para estes profesionais. Xa non se trata só de asegurar o abastecemento para darlle saída ao traballo e o esforzo dos produtores da provincia de Lugo, senón tamén de cerciorarse de que o produto final cumpre todos os estándares de calidade. Neste senso é fundamental a inspección e o control sanitario en matadoiros, industrias alimentarias e establecementos de venda.

Do mesmo xeito que os produtores do sector primario de Lugo continuaron a desenvolver a súa actividade (e pode que, probablemente, con máis olladas postas sobre eles ca nunca), tamén os veterinarios despregaron a súa acción ao longo dos 67 concellos coa convicción de dar o mellor de si mesmos para, da man do resto da sociedade, superar unha situación que puxo de manifesto a necesidade de cooperar e colaborar en circunstancias nunca antes coñecidas, tamén dende o ámbito da investigación, eixe fundamental para atallar esta pandemia e, por suposto, anticiparse ao xurdimento de novas.

Nun escenario incerto coma o actual e no que a previsión da evolución dos gromos a curto prazo resulta menos favorable do que a todos nos gustaría, os veterinarios non mirarán cara outro lado. Unha vez máis, volverán demostrar que esa lenda do seu escudo Higia pecoris, salus populi ("a hixiene dos animais é a saúde humana") é moito máis ca un lema: é unha filosofía de vida e un compromiso pleno coa saúde pública e co benestar animal e, por suposto, humano.

A nova directiva impulsa a formación para os colexiados cunha plataforma online

Unha das primeiras medidas que impulsou o equipo dirixido por José Luis Benedito Castellote foi a creación dunha completa plataforma de cursos online para promover a actualización e reforzar a competitividade dos integrantes do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo.

Neste senso, o programa co que se abriu esta ferramenta, que se desenvolveu a mediados do pasado mes de setembro, contou con 125 participantes, quen se achegaron ás peculiaridades do convenio colectivo do sector en senllas sesións, dirixidas a empresarios e a empregados.

Esta iniciativa, na que tamén colaborou o Consello Galego de Colexios Veterinarios, desenvolveuse coa participación da avogada laboralista Marta Gándara e ratificou o interese dos integrantes da entidade diante desta plataforma, pois supón «un salto de calidade que amosa que a dixitalización e a modernización van ser un dos sinais de identidade desta nova etapa», como asegura o seu presidente, José Luis Benedito.

Para os vindeiros días 19, 20 e 22 deste mes de outubro está previsto que se leve a cabo un curso monográfico que tratará sobre a clasificación de canles nos matadoiros, unha acción formativa na que contarán tamén con reputados expertos na materia e cuxo prazo de inscrición se abrirá nos vindeiros días para todas aquelas persoas interesadas a través da web do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo www.colvetlugo.com.
 

Novos convenios de colaboración
A nova xunta directiva tamén avanzou en novos acordos cos que os colexiados poidan beneficiarse de condicións vantaxosas no acceso a servizos, coma os subscritos ou ampliados con Simply Smart, PSN, Ingade, AMA ou Atalaya Comunicación. Tamén estuda propostas con entidades médicas, empresas automobilísticas ou compañías aseguradoras, entre outras.

Comentarios