Verto: "O ‘Oie gayego’ foi para nós unha bendición un pouco maligna"

Actuación o sábado ás 21.00 horas na Horta do Seminario ► Tamén o fan o domingo á mesma hora na Ponte Romana, así como o luns  na praza Agro do Rolo, en substitución do espectáculo de A Banda da Loba, suspendido por motivos alleos á organización
Verto. EP
photo_camera Verto. EP

A música urbana en galego está a vivir un estourido importante, aínda que Alberto Mira, o Berto de Verto (a outra metade é Fer, e se ve que non lle puxeron Ferto ao grupo porque soáballes a peido) pensa que só é o inicio.

Vaia cambios de ritmo levan. Pétano co Oie gayego, gravaron un disco en tempo récord e freada pandémica.
A pandemia igual nos veu guai porque houbo moita peña que nos descubriu porque os colegas pasábanse música entre eles. E tamén nos serviu para reorganizarmos, agora temos representante e un proxecto a longo prazo que sacaremos o ano que vén.

Outro proxecto novo xa?
Vouche contar só un pouquiño (ri). A idea sería sacar un disco novo cambiando bastante, tirando máis cara outro estilo. Que siga sendo pop, pero cara outro estilo. E con máis tempo para poder facer música de máis calidade.

Non paran!
Pois este mes imos sacar tamén unhas colaboracións e unha delas é un bombazo.

Din vostedes que empezaron a facer música para que bailaran os colegas?
Nunca pensamos que fosemos chegar a isto e estamos moi contentos, pensando que podemos chegar tamén a moitas outras cousas. Queremos sacar a música en galego de Galicia e que se escoite en toda España. O obxectivo é facer esa música pop, desenfadada e que traspase fronteiras. E se non sae, non sae, xa desfrutamos coa animalada de acollida que tivemos en Galicia.

Necesitaba o galego, un idioma se cadra demasiado ligado aos clásicos ou á música máis reivindicativa, un chispazo de puro ocio?
Nós co título do disco —Puro ocio— queriamos precisamente mandar esa mensaxe. Hai unha nova música en galego moi guai, moi tocha, e vai vir un boom. O rapaz co que imos sacar a colaboración é un rapaz novo que ten uns temazos ‘loquísimos’ e penso que van saír máis artistas así.

É necesaria a música máis desenfadada para normalizar a lingua?
Ten que haber música de todos os tipos. Hai moita música política ou música feminista que empodera á muller e é moi positivo. O que pasa é que ata Baiuca ou Boyanka Kostova non había nada deste rollo e ten que existir variedade. Igual a un rapaz de 15 anos, que pasa da política e o único que quere é namorarse e pasalo ben, precisa de cancións así para que vexa que tamén o pode facer en galego.

Teño que preguntarlle polo Oie Gayego.
Igual soa algo pretencioso, pero o certo é que levaba tempo feita e reservámola para cando xa tiveramos un mínimo de oíntes porque sabiamos que ía ir guai. Así que cando nos chamou Luar dixemos: soltamos esta bomba na televisión. Aínda así non sabiamos que o ía petar tanto. Moita peña coñeceunos polo Oie gayego pero ese tampouco é o noso estilo. É unha broma, e a xente igual pensa que iso é o que facemos nós. Como se fosemos dous rapaces que baixan unha base de internet e xa está. Logo xa entran no noso perfil e ven que somos un grupo que se curra as cancións. Foi unha bendición un pouco maligna.

Escoiteilles dicir que Amolecer é a canción máis Verto que teñen. É ese toque máis dos anos 80 o que senten seu?
Sabes o que che dixen antes do próximo disco? (Ri). Pois non fai falta que che diga nada máis.

Volvamos a ese primeiro disco.
Foi un erro. Quixemos tirar do boom do Oie gayego, alimentar á besta. Metémonos moita caña e tampouco quedamos de todo contentos co resultado. É dicir, estamos orgullosos, pero tampouco é un proxectazo. Quedou algo inmaduro.

Igual ese medio paso de non quedar supersatisfeitos e ver os erros do proceso lles vale para facer aínda mellor o seguinte.
​Hostia. Pois si. Nunca o pensara, pero tes toda a razón.