Sol ou sombra, mar ou montaña: verán á carta con Lugo de fondo

Sol ou sombra, mar ou montaña, aventura ou descanso. Chega o momento do ano de facer o que prace e cadaquén ao seu xeito.

Martín Barreiro, físico lucense. AEP
photo_camera Martín Barreiro, meteorólogo lucense. AEP

Por moi colapsada que estea a axenda, raro é quen non fai un circuliño nalgunha data para darse un respiro no verán. O tempo escasea e eses pequenos bocados, aínda que sexan contados, saben a gloria. 

Calquera plan é bo para saír da rutina. Ás veces, as vacacións consisten en poder tomar con máis calma a tarefa diaria. As ansias dos lucenses para o tempo de lecer son tan diversas coma os seus gustos persoais. As opcións son infinitas e non hai que ir moi lonxe para atopar esa chispa que axuda a recargar as baterías que se foron esgotando nos días de frío.

Media ducia de rostros coñecidos de Lugo desvelan os seus plans para os vindeiros meses. Todos diferentes, todos apetecibles.

MARTÍN BARREIRO. O meteorólogo lucense de RTVE, Martín Barreiro, xoga con ventaxa porque pode intuír o tempo que vai facer. Bromea con iso e di que a el non lle importa. "Vou a Galicia con todas as consecuencias. Faga frío, choiva ou faga sol. Sempre se agradece o bo tempo para desfrutar das vacacións, pero iso non inflúe na miña decisión. Eu a Lugo vou sempre".

Martín Barreiro regresa a Lugo para pasar as vacacións e non lle importa o tempo que faga

Conta que pasará gran parte das vacacións "coa familia e cos amigos". "Estarei a maior parte do tempo en Lugo e na Mariña. Irei surfear á praia, que me encanta, e estou mirando para facer unha escapada a Portugal", planea.

O home do tempo de RTVE explica que non se poden facer previsións a longo prazo, pero que se espera "un verán máis cálido do normal, aínda que polo norte non se notará tanto como noutras partes". Para ir concretando plans nos vindeiros meses, haberá que estar atentos ás análises meteorolóxicas de Martín Barreiro.

Xoán Guerreiro, pintor.
Xoán Guerreiro, pintor. AEP

XOÁN GUERREIRO. O pintor Xoán Guerreiro xa inaugurou a súa tempada estival. Máis que coller vacacións, Guerreiro o que fai é cambiar de lugar de traballo. No inverno pinta en Lugo e no verán faino en Xove

Xoán Guerreiro marchou de Lugo en canto cheirou o bo tempo coa intención de aproveitar ata o último segundo. Non vai deixar de traballar, pero en Xove faino a outro ritmo e coas ondas como música de fondo. "En Lugo, cando quero ver o mar teño que desprazarme en coche. En cambio, cando traballo na costa miro pola ventá e se vexo que fai sol saio dar unha volta sen perder tempo ningún", explica.

Xoán Guerreiro traslada o seu lugar de traballo a Xove no verán para estar cerca do mar

A diferenza está no Cantábrico e na paixón que o pintor sente por el. "Non vou parar de traballar no verán, pero será no estudio de Xove para desfrutar máis do mar. Agora hai moitas máis horas de luz e iso dáme marxe de tempo para todo".

"Práceme tanto pintar que desfruto do traballo como a maioría da xente fai coas vacacións", apunta. Nos próximos meses ten previsto rematar os cadros para a mostra que inaugurará en Lugo o vindeiro outubro. Sen moita présa, pero sen pausa.

Paco Martín
Paco Martín, escritor. AEP

PACO MARTÍN. O escritor Paco Martín non perde a ocasión de bromear e cando se lle pregunta se este verán irá de vacacións di: "Desde que me xubilei, levo unha chea de anos de vacacións".

Non lle falta razón, pero tampouco é certo de todo porque inactivo non estivo nunca. De feito, conta que ten previsto publicar "unha novela para fin de ano e no verán haberá que revisar algo".

O seu plan para o tempo de estío é quedar en Lugo, na casa, pero tal como o presenta parece unha proposta atractiva. "A min gústame estar en Lugo. Empecei a ir fóra de vacacións cando xa era moi adulto, pero de neno e de rapaz sempre pasei o verán no río Miño e pasábase moi ben. Ademais, estás cerca de moitos sitios e é doado facer saídas. Antes non. Cando era pequeno ir a Foz era unha excursión. Levábante as señoritas do catecismo nun autobús", lembra.

Paco Martín revisará unha nova novela e desfrutará con calma de Lugo, a familia e os amigos

Desas excursións si que fará algunha. "Irei ver a neta a Santiago e ao mellor vou algún día dar un paseo pola Coruña", apunta. Pero non necesita moito desprazamento para buscar un momento de lecer que lle resulte pracenteiro. 

Paco Martín teno claro: "Cuba está ben, pero alí xa estiven e agora mesmo non lle vexo moita diferenza ao que faría aló do que podo facer aquí. Sentas a tomar unha cervexa cos amigos que quedaron en Lugo coma ti. Criticas aos que non están, aos políticos..." 

Son luxos que se pode permitir quen vive a vida a un ritmo pausado e xa leva andado moito mundo. "Nunca me gustou estar moito tempo fóra da casa. Antes no verán marchaba dúas semanas, pero separadas. Ía a Cambados porque alí non hai praia e non hai que andar esquivando parasoles. Cómese e bébese ben. Era un sitio cómodo para quedar cos amigos e sempre organizabamos unha comida".

Pero coas viaxes que realmente desfruta o escritor é coas que se fan fóra do verán. "Setembro ou maio son meses que me gustan para viaxar porque non hai demasiado calor. Nesas datas soía ir moito por Extremadura, que me encanta, e polas serras andaluzas, Ronda, Cádiz", conta.

Porén, a debilidade de Paco Martín é San Sebastián. "É posiblemente a cidade máis bonita do mundo e encántame a súa xente. Estiven varios anos de mestre en Guipúzcoa e dende entón volvo sempre que podo tres ou catro días. En setembro, outubro, marzo, abril"... calquera momento do ano é bo para desfrutar dun lugar que agrada e dun ambiente que enriquece.

Rubén Arroxo
Rubén Arroxo. XESÚS PONTE

RUBÉN ARROXO. O tenente de alcaldesa de Lugo, Rubén Arroxo, non ten previsto descansar moito nas vacacións. O seu tempo de lecer está repleto de plans e son moi diversos.

De entrada, unha viaxe a Alemaña. Tal vez por deformación profesional, este político do BNG di que se interesará polo "funcionamento e evolución das cidades europeas que visite".

Rubén Arroxo viaxará a Alemania, fará rutas polos Ancares e traballará nas súas colmeas

Rubén Arroxo é un gran deportista e non esquece os adestramentos nin sequera nas vacacións. Ademais, aproveitará para facer varias rutas de sendeirismo polos arredores de Lugo e ten previsto tamén "subir a varios picos das montañas dos Ancares".

No seu listado de plans figura tamén ler varios libros que ten pendentes e facer "pequenas operacións de mantemento" nas súas colmeas. Moitos e variados proxectos que, sen dúbida, o manterán distraído durante todo o seu tempo libre.

tomé
José Tomé. SEBAS SENANDE

JOSÉ TOMÉ. É presidente da Deputación, alcalde de Monforte e secretario provincial do PSOE en Lugo, pero onde realmente demostra a súa pericia é ao lograr compaxinar as tres axendas para ter unha semana libre no mes de agosto. Todo un reto.

José Tomé irá á praia a desconectar e reserva tempo para as festas de Monforte

Neses días, José Tomé aproveitará para facer unha das cousas que máis lle pracen: "Pasear pola praia e descansar nalgunha terraza". Explica que para el esa é "a mellor maneira de desconectar".

Para escoller praia, ten o corazón dividido. Acostuma a pasar uns días nas Rías Baixas e tamén lle gusta visitar A Mariña. Non perde de vista Monforte e na súa axenda están marcadas en vermello as festas de agosto.

eLENA CANDIA
Elena Candia. XESÚS PONTE

ELENA CANDIA. A vicepresidenta do Parlamento galego e presidenta do PP de Lugo, a mindoniense Elena Candia, quere aproveitar o verán para "seguir coñecendo a provincia, que ten de todo".

Di que non descansará moito tempo seguido, "algún día solto", por iso non organizou unha longa viaxe. Pero non renuncia a aproveitar ata o último minuto do seu tempo libre. "Lugo ten praia, interior, actividades culturais de gran nivel, inmellorable gastronomía..." Non faltan opcións, nin para o descanso nin para a distracción.

Elena Candia buscará na provincia de Lugo opcións diversas para pequenas escapadas

Elena Candia comenta que este "é un ano de moito traballo" e no verán, aínda que a actividade parlamentaria se reduce, o traballo nos partidos políticos non dá moita tregua. Neste caso, aproveitar as opcións de lecer máis próximas é unha escolla moi intelixente.

Os plans de Martín Barreiro, Xoán Guerreiro, Paco Martín, Rubén Arroxo, José Tomé e Elena Candia son diversos, pero teñen algo en común: sen renunciar a alternativas, valoran os recursos de Lugo para aproveitar ata o último minuto do seu prezado tempo de ocio.

Comentarios