Veciños de San Xoan do Campo presentan a ofrenda a San Froilán

O bispo de Lugo chama a ser "fecundos, a dar froito de humanidade, paz e xustiza"

Igual que San Froilán se fixo grande máis aló das fronteiras de Lugo e dos séculos e chegou a ser "santo de todos os cristiáns do mundo enteiro, coñézano máis ou menos", calquera persoa pode estar destinada "a unha grandeza humana", afirmou o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, durante a ofrenda ao patrón de Lugo. Por esa razón, o prelado chamou aos presentes na celebración eucarística —lugueses, amigos e visitantes— a ser "fecundos, a dar froito de humanidade, paz e xustiza", algo que se pode facer "de distintos xeitos", sinalou.

Carrasco afirmou que en Lugo hai "unha semente boa", metafórica e literalmente, como se viu nos produtos que un grupo de nenos da parroquia de San Xoán do Campo entregou ao bispo como ofrenda a San Froilán en representación do pobo de Lugo. Coa axuda da alcaldesa, Lara Méndez, os cativos presentaron cestas de frores, noces e cabazas, entre outros alimentos, mentres o prefecto de música da catedral, Luis Castiñeira, facía soar o órgano.

►Máis información na edición impresa de El Progreso deste sábado◄