Veciños de Campos Novos denuncian que un soar crea problemas de salubridade

Denuncian que a maleza invade a beirarrúa e nalgúns puntos chega ata a calzada

Soar abandonado en Campos Novos. VICTORIA RODRIGUEZ
photo_camera Soar abandonado en Campos Novos. VICTORIA RODRIGUEZ

Os veciños da rúa Campos Novos denuncian os "problemas de salubridade" que lles ocasiona o estado no que se atopa un soar  moi próximo ás súas vivendas,  que leva anos en estado de abandono.

Segundo apuntan, a maleza invade a beirarrúa e nalgúns puntos chega ata a calzada, polo que resulta complicado transitar pola zona. Na leira acumúlanse ademais multitude de plásticos e desperdicios, que afean completamente a imaxe da rúa.

Os afectados explican que no soar abandonado hai insectos e avespas. "É un perigo pasar por diante porque non sabes o que te vas atopar. Ás veces saen as ratas e velas correndo pola estrada. E unha vez", apuntan, "chegamos a ver unha raposa pequena buscando comida por toda a leira".

Os residentes piden ao Concello que tome medidas canto antes e obrigue ao propietario a levar a cabo a limpeza do soar ou que utilice os medios municipais para acondicionalo e pór fin a unha situación que consideran "insoportable".

Comentarios