Un veciño da Ponte: "É un espectáculo ver os xabaríns deitados na horta"

Os animais durmen entre a maleza e visitan as hortas desta zona da cidade tódalas tardiñas, dende hai uns días con crías

Xabaríns nun parque infantil da Avenida de Magoi. EP
photo_camera Xabaríns nun parque infantil da Avenida de Magoi. EP

Manuel Pin criouse nunha aldea e para el o xabaril non é un animal estraño, pero o que nunca pensou foi ver un exemplar, que pouco menos que lle daba pola cintura, deitado con toda a cachaza na súa horta da Calzada da Ponte, sen que nin os berros nin os acenos cun pau o intimidaran. "É un espectáculo ver animais tan grandes dese xeito", afirma este lugués, que recibe a visita dos xabaríns cada tardiña. "Miña sogra, que é quen vive na casa, xa non quere durmir alí", asegura.

Dende hai uns días, os exemplares adultos van acompañados de crías, xa que hai femias que xa pariron. Os animais teñen tomada a horta da sogra de Manuel. "Prantamos coles e levantaron todo. Estamos agardando a ver se marchan para volver a prantar", explica. Non marchan porque -di-, pola parte de atrás das casas da Calzada da Ponte hai "un xistral". Son terreos con moita maleza na que está comprobado que hai camadas que dormen entre ela. "Desbrozaron por debaixo da N-VI, pero non do lado de riba e tódolos días á noitiña saen. O pastor alemán que temos desfaise [a ladrar] con eles", explica o veciño da Ponte, que ten medo a que os xabaríns boten abaixo o cancelo que separa a horta da casa e corran risco o can e as persoas.

Manuel sinala o perigo que supoñen os animais tamén para os condutores. "A noiva do meu fillo non tivo un accidente de casualidade na N-VI, porque cruzan para o lado de abaixo", afirma.

O goberno pídelle á Xunta que motive por escrito os posibles riscos para dirixirse aos donos dos terreos con máis rapidez e firmeza

Igual que sostén a Xunta, Manuel cre que, mentres non se elimine o silveiral, os xabaríns non van marchar da zona. O Concello cre que isto pode axudar e niso está, di, pero considera que esta acción por si soa non é suficiente para controlar a poboación de xabaríns e pode que incluso non dea resultado sempre. "Por detrás do Mercadona da Fonte dos Ranchos hai unhas fincas que se desbrozaron o ano pasado, teñen algo de herba alta e hai mostras de que durmen entre ela, non lles fai falta maleza. É inviable desbrozar hectáreas e hectáreas, ou desbrozar determinados espazos, como as carballeiras de Sanfiz, como nos pediu a Xunta, que ademais son lugares nos que non adoita medrar moito a maleza", explica o concelleiro de medio ambiente, Daniel Piñeiro.

O edil lembrou que nese lugar os terreos son privados e asegurou que o Concello está tramitando as comunicacións aos propietarios para ordenarlles que limpen as fincas, pero insiste en que é un proceso laborioso e que, ademais, non dá resultados inmediatos, xa que a normativa establece prazos para o cumprimento e para a imposición de medidas coercitivas.

A Xunta ve prioritaria a eliminación de maleza e freou usar gaiolas e caza con arco ao iren á Fiscalía colectivos animalistas

A Xunta sostén que a Lei do Solo recolle "un procedemento excepcional de urxencia" que habilitaría ao Concello para limpar eses terreos privados e urbanizables, pero o goberno local discrepa. Piñeiro sostén que, para poder actuar en terreos que non está urbanizados, ten que haber un risco motivado. Non discute que a presenza de xabaríns poida chegar a selo, pero asegura que a Xunta debe poñelo por escrito. Do contrario, o servizo municipal de urbanismo e medio ambiente non ten mecanismos para actuar doutro xeito a como o está facendo, a través da ordenanza de medio ambiente, di Piñeiro. "A min é o que me din os técnicos", afirma.

O Concello está a punto de enviarlles aos propietarios deses terreos situados entre a Calzada da Ponte, a Ronda do Carme e a N-VI as comunicacións para que eliminen a maleza das súas fincas. Son unhas vinte parcelas. "Houbo que ir alí con GPS, reunir a información catastral, identificar os propietarios e facer o informe", xustificou o concelleiro.

Quince días de prazo
É o que teñen os propietarios para cortar a maleza das súas fincas unha vez reciben a comunicación municipal. É frecuente que moitos non executen o traballo ata que reciben a súa notifiación, na que se lles advirte do inicio dun expediente e dunha primeira multa, de 1.000 euros, se non fan o traballo en quince días.

Promotores inmobiliarios
Son algúns propietarios das silveiras situadas entre a Calzada da Ponte, a Ronda do Carme e a N-VI. Nin estes nin outros propietarios particulares, cos que o Concello xa contactou, amosan disposición de limpar as fincas de xeito voluntario, sen recibir antes a comunicación municipal.

Gaiolas
A Xunta anunciou hai semanas que probaría a capturar xabaríns con xaulas, para logo sacrificalos. Porén, a denuncia de varios colectivos á Fiscalía freou esta e outras posibles accións, como a caza con arco. A Xunta ve prioritaria a eliminación da maleza.

 

Comentarios