Vanessa Somoza: "Demasiadas veces tiven problemas para pagar o aluguer"

A pintora sarriana Vanessa Somoza encabeza o cartel de Unidas Podemos por Lugo ao Congreso para, di, defender a clase traballadora

Vanessa Somoza. SEBAS SENANDE.jpg
photo_camera Vanessa Somoza. SEBAS SENANDE

É a terceira vez que a militante de Esquerda Unida Vanessa Somoza concorre a unhas eleccións. En 2015 foi na lista de Alternativa Cidadá de Esquerdas ao Concello de Lugo e pouco despois, segunda na lista de En Marea ao Congreso. Agora esta pintora sarriana repite como cabeza de cartel de Unidas Podemos para, di, defender a clase traballadora.

Por se acaso, a quen estou a votar: a un representante de Lugo ou a un do seu partido? 

Aos dous, non son cousas antagónicas. Eu son luguesa e son traballadora e, como tal, defendo os intereses de Lugo e os da clase traballadora. 

Temos máis de media España sen habitantes. Que está disposta a facer persoalmente para que os partidos, incluído o seu, non deixen de lado esa parte do país?

O meu partido non lle fai o baleiro a ninguha parte e moito menos ás zonas que perden habitantes. Na última década abandoaron o noso país 251.722 persoas por non ter expectativas de futuro, nós propoñemos a revitalización do rural por medio do financiamento, incluíndo, entre outras medidas, unha rede rural de transporte sustentable, o acceso á banda ancha, un programa de emprego específico e o desenvolvemento de medidas normativas e orzamentarias para garantir os servizos básicos en tódalas poboacións. 

No caso de Lugo, o problema do mundo rural é o leite. Por que debería votarlle a vostede un gandeiro lucense? 

Porque propoñemos unha reforma da PAC, establecer un prezo mínimo para protexer aos pequenos e medianos produtores, a profesionalización da actividade agraria das mulleres rurais e a titularidade compartida das explotacións, o mantemento das axudas directas e da axuda adicional do fondo de crise ás explotacións lácteas. Queremos impulsar a cooperativización do sector e o apoio ás organizacións de produtores de leite para negociar prezos. E avanzar na mellora da transparencia da transmisión do valor ao longo da cadea de subministración. 

Pode achegar algo de luz ao futuro dun empregado de Alcoa? 

Por suposto, garantindo os prezos competitivos, xustos e estables para a industria electrointensiva e as renovables, reformando o mercado eléctrico e a baixada de prezos en xeral e creando unha empresa pública de enerxías renovables. Tamén evitando a deslocalización das multinacionais que recibiran axudas, cunha obriga de permanencia de 10 anos. E desenvolvendo dende o Estado unha política activa de participación nos sectores estratéxicos. 

Durante unha tempada tiven que voltar á casa dos meus pais ao verme sen traballo nin prestacións

Alta velocidade, estación intermodal, liñas interiores, porto seco de Monforte... Está Lugo a tempo de evitar o descarrilamento das súas infraestruturas ferroviarias? 

Por suposto, debemos garantir que Fomento e Adif cumpran as súas promesas con respecto ás conexións de Lugo por tren, modernizando e vertebrando a provincia co resto da Península e con Europa dun xeito ecolóxico, actualizando e mellorando as liñas de proximidade e o tren convencional e traendo a alta velocidade con garantías de seguridade ferroviaria. 

Lugo segue sendo a única provincia con mar sen Autoridade Portuaria, asumímolo xa como unha peculiaridade para conservar? Estaría disposta a votar a favor dunha iniciativa deste tipo expuxésea o partido que a expuxese, mesmo en contra da disciplina de grupo? 

Temos que pular pola autoridade portuaria e estou segura que o meu partido así o fará. 

Teño 75 anos e a miña pensión como único ingreso. Se o seu partido chega ao Goberno, en abril do ano que vén cobrarei máis ou menos do que cobrei este mes?

Cobrará como mínimo o SMI, porque non podemos permitir que a metade das pensións galegas contributivas e todas as non contributivas sigan sendo inferiores a 650 euros. Hai que asegurar unha pensión pública e digna para todos os nosos pensionistas. 

A Lugo que lle convén, un Estado recentralizado ou un federal?

Un Estado federal desde o recoñecemento á realidade plurinacional e baseada na libre vontade das partes en unirse nun proxecto común, onde as nacións e os pobos se vinculen entre eles de forma solidaria. Neste marco o recoñecemento da singularidade nacional de Galicia debe ir acompañado de transferencia de competencias, dereitos e autonomía. 

Somos terra de acollida e de convivencia e non debemos esquecer o noso pasado emigrante

Se o seu partido deixase liberdade de voto, votaría vostede a favor de limitar o dereito ao aborto ou de reformar as leis contra a violencia de xénero? 

En canto ao dereito ao aborto, en ningún caso votaría a favor de limitalo. Con respecto ás leis de violencia machista penso que é necesaria unha reforma: por unha banda, débese protexer de maneira integral ás mulleres e aos seus fillos e fillas e introducir unha lei de garantía xudicial de escoita e atención ao menor. Nós comprometémonos cun plan estatal de loita contra as violencias machistas cunha dotación anual de 600 millóns de euros para garantir a execución inmediata do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, á vez que se avanza no desenvolvemento doutras medidas complementarias de prevención e protección.

Xa damos por feito que todos van gañar con tanta folgura como para gobernar en solitario. Pero se por unha sorpresa resultase que son necesarios pactos, con que socios se sentiría vostede máis cómodo: Vox, PP, PSOE, PNV, ERC ou JpC? 

Aspiramos a gobernar pero de necesitar pactos serán sempre de acordo ao programa, que é de esquerdas e para os traballadores. 

A inmigración é un problema ou unha solución? 

Nin unha cousa nin outra, debemos asumir que vivimos nun mundo de multiculturalidade no que tódalas persoas temos os mesmos dereitos e obrigas. Somos terra de acollida e de convivencia e non debemos esquecer o noso pasado emigrante. 

Tivo vostede algunha vez problemas para atopar piso ou para pagar o aluguer? 

Demasiadas veces, de feito durante unha tempada tiven que voltar á casa dos meus pais ao verme sen traballo nin prestacións. Temos que facer efectivo o artigo 47 da Constitución para garantir que toda a cidadanía teña acceso a unha vivenda digna, por iso levamos un paquete de medidas que abarcan dende un parque público de vivenda, a paralización dos desafiuzamentos e a regulación dos prezos de aluguer. 

Unha cuestión de ideoloxía pura: sanidade e educación radicalmente públicas ou moderadamente privatizadas? 

Radicalmente públicas, gratuitas, laicas e de calidade. 

Debe ir Ángel Hernández a prisión pola morte da súa dona? 

De ningún xeito, o que é unha vergoña é que pola negación do PSOE non teñamos aprobada unha lei de eutanasia que tería evitado moito do sufrimento de Ángel, da súa muller e de centos de persoas en situacións semellantes. 

É vostede capaz de desentrañar un recibo eléctrico? 

Non. 

Cre na eficacia da prisión permanente, revisable ou non?

O Estado debe ser social antes que penal.

En caso de dúbida, que vai primeiro, a política ou a economía? 

A política, porque a economía depende da ideoloxía.

Comentarios