De Vacas: "As creacións saen mellor arredor dunha boa mesa e un bo almorzo"

Actúan o venres ás 21.00 horas na Horta do Seminario ► Tamén o día 10 ás 21.00 no escenario Ponte Romana

De Vacas. EP
photo_camera De Vacas. EP

SE HAI ALGO máis galego ca unha vaca é a retranca. E Paula Romero algo sabe de ambas cousas, xa que a segunda serviulle para montar a primeira xunto a Inés Salvado, Faia Díaz e Guillerme Fernández. De Vacas botou a correr amodiño, pero agora xa non hai quen as pare. Nin unha pandemia. 

Saíronlles moitos imitadores no confinamento. A xente collía unha canción coñecida e veña, a tirar para adiante con ela. 
Supoño que o confinamento foi, para moita xente, un momento de creación, de deterse e poñerse a facer cousas que non te pos a facer nun estado normal. Todo o que sexa creatividade, nós encantadas. 

Algo tamén aproveitaron... 
Non había moita máis opción ca quedar cada unha na súa casa e subimos o Sobreviviré facendo unha tortilla de patacas, que formaba parte da vida cotiá. 

O cotián é algo común na súa traxectoria. Cal é o punto xusto entre o humor e a música? 
Primeiro deixamos que flúan as ideas, que saia todo, aínda que ao principio pareza absurdo ou extremo. Logo imos construíndo algo que se adapte ao que queremos contar, e como todo proceso creativo, algunhas cousas desbótanse e outras permanecen. Toda esa creación xorde normalmente arredor dunha boa mesa cun bo almorzo. Temos un sentido do humor parecido, o que tamén nos leva a atopar lugares en común. 

Hai cómicos que incorporan a música ao seu espectáculo e músicos que xogan co sentido do humor. Hai que poñer etiquetas? 
O noso punto de partida é a música. Nós somos un grupo de música. Logo aproveitamos a xesticulación ou a presentación de cada canción en clave de humor porque é a nosa maneira de facer as cousas. Como cambiar de idioma e cantar en coreano ou romanés ou falar dunha canción de Marta Sánchez, que fai himnos, converténdoo no himno da menstruación. Porque facía moita falta falar da menstruación. 

Hai moitos temas dos que aínda é moi necesario falar, sexa o formato que sexa. 
Esa é unha das nosas grandes motivacións. Poder contar cousas das que non se fala e cremos que estamos no tempo de que se falen. Logo temos ese punto irreverente do que non podemos escapar e que se ve ben no escenario. 

Sinten que hai moitos tabús? 
Na reacción do público nótase que hai xente que chora coa risa e xente que se escandaliza. Hai todo tipo de reaccións, e parécenos xenial que o público exprese libremente o que sinte. 

Agora que fala da reacción do público, dame a sensación de que gañan e se crecen co directo, e que a xente sae dos concertos máis fan do que chegou. 
É algo que nos din moitas veces. De xente que ao mellor nos viu nun vídeo, vai a un concerto e di que é distinto, mellor. Somos conscientes de que nos crecemos no directo, que entramos nun estado de felicidade e bobera marabilloso que lle chega ao público e desfruta con el. 

Como elixen sobre que temas traballar? Cando unha canción se fai famosa, pensan que igual ten potencial? 
Ás veces si. Iso pasounos co Malamente, que nos pareceu que tiñamos que facer algo coas dúas Rosalías. Pero normalmente tiramos de algo casual, de escoitar tal cousa, ou de recordar unha canción que bailabas de adolescente.

Comentarios