A USC concede 68 axudas a alumnos para a investigación no Campus Terra

Ata o próximo día 23 aínda se poden presentar solicitudes á convocatoria de 27 destas bolsas
Un grupo de bolseiros do Campus Terra. EP
photo_camera Un grupo de bolseiros do Campus Terra. EP

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) concede este curso 68 axudas en total nas tres convocatorias dirixidas aos alumnos do Campus Terra para que comecen a investigar. A última, que oferta 27 bolsas, ten aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o próximo día 23.

Estas axudas pretenden fomentar a iniciación a investigación en estudantes que estean a realizar estudos correspondentes ao último curso dos graos que se imparten nas facultades ou escolas do Campus Terra ou ben que no presente ano académico estean a cursar un mestrado cuxa investigación garde relación con algún dos eixos de especialización deste campus: produción vexetal e agricultura sostible; produción e saúde animal sostibles; alimentación segura e saudable; xestión forestal sostible; novas tecnoloxías: TICs, ómicas...; cambio climático, biodiversidade e infraestruturas verdes; one health ou historia e cultura no mundo rural.

A USC oferta estas bolsas a través do convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades polo que se regula o campus de especialización Campus Terra.

A delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, explicou que outra das pretensións deste programa de bolsas, no que se contempla a concesión de tres axudas por cada una das liñas ou áreas de especialización, é "favorecer novas vocacións científicas entre o alumnado universitario, ademais de propiciar canles acaídas para que o estudantado se inicie en tarefas de I+D".

CONTÍA. As novas axudas que se ofertan, das que a súa contía máxima ascende a 2.576 euros brutos, permitirán aos beneficiarios comezar a súa carreira investigadora en ámbitos temáticos ligados cos estudos de grao ou mestrado que están a cursar, ao tempo que facilitará a súa futura orientación profesional ou científica no marco de proxectos vinculados con grupos de investigación do Campus Terra.

López Mosquera salientou o reforzo das vocacións científicas, pois o 93% dos que xa recibiron estas bolsas de investigación teñen interese por continuar ou desenvolver a súa carreira científica na sede universitaria lucense.

A duración das bolsas ofertadas nesta nova convocatoria será de catro meses, do mesmo xeito que a edición anterior, e os beneficiarios percibirán o importe íntegro da achega, nun pago único ao comezo da súa experiencia científica. As persoas que opten a estas axudas deben presentar na súa solicitude un proxecto de investigación asociado ou relacionado con calquera dos eixos de especialización do Campus Terra.

A delegada do reitor da USC para o Campus Terra tamén salientou que o grao de satisfacción entre os 41 bolseiros que xa gozaron ou aínda se están a beneficiar destas axudas de I+D é "moi elevado", segundo se desprende das enquisas de valoración realizadas a este colectivo, que puntúa esta primeira experiencia investigadora cunha cualificación media de 4,64 puntos dun máximo de 5.

O prazo de presentación de solicitudes da última convocatoria está aberto ata o día 23. Os interesados deberán dirixilas a Área de Xestión da Investigación, a través da sede electrónica da USC. Logo recibirán a través de correo electrónico as instrucións sobre como achegar a documentación que se indica na convocatoria, dispoñible no taboleiro electrónico da USC.

Comentarios