Uns meses de despedidas a importantes creadores

Entre outubro e decembro faleceron Darío Xohán Cabana, Carlos Valcárcel, Paco Pestana e Víctor Corral, catro puntais da cultura lucense
Darío Xohán Cabana. AEP
photo_camera Darío Xohán Cabana. AEP

O FIN DE ano levou catro grandes creadores lucenses. Darío Xohán Cabana, escritor e tradutor, faleceu o 17 de novembro, doce días antes que o fotógrafo Carlos Valcárcel. O escultor Paco Pestana finara no mes de outubro, o día 11, dun xeito súbito e inesperato. En decembro, Víctor Corral.

Darío Xohán Cabana, que morreu aos 69 anos na súa casa do núcleo lugués de Romeán, levara unha vida de fidelidade á terra, ao galego, á literatura e aos amigos. As súas facianas artísticas eran amplas e comprendían novelas, poemarios, ensaios, libros de divulgación, tradución de clásicos italianos e franceses, e mesmo a edición dos seus propios libros, como foi a tradución da Divina comedia, que xa lle valera a Medalla de Ouro de Florencia nunha versión anterior.

A querencia política víñalle dos pais, uns labregos progresistas. Tamén a literaria. O pai, Ricardo, lía e lía novelas populares do Oeste. O marxismo e o independentismo prenderan nel no xeito difuso no que unha ideoloxía pode prender nun rapaz. En 1968 concreta esa nebulosa ao ingresar na UPG, onde militaría ata que a fin dos 80 pasou á FPG. Neses primeiros anos de compromiso empeza a publicar na revista sindical Adiante.

En 1969 edita o primeiro libro de poesía, Verbas a un irmao, que abre unha triloxía de arraigo na terra xunto a Home e terra e Romanceiro da Terra Chá.

Despois de estudar bacherelato en Lugo marchara a Vigo para entrar na editorial Castrelos, xunto ao galeguista Xosé María Álvarez Blázquez.

O propio poeta asumía que o seu peor defecto eran "os ataques de cólera". Os seus fillos sufriron algúns cando estaba traballando na tradución da Divina comedia (1990 e 2014) de Dante, un labor que requería a obstinación e minuciosidade que Cabana posuía.

O autor casara con Amelia en 1974. En 1983 publícase A fraga amurallada (premio Cidade de Ourense). Cabana sitúa a súa muller na coautoría: "Ela non escribiu nin unha soa palabra, pero leuna comigo e díxome en todo momento que era o que debía escribir e o que tiña que escribir".

En 1975 regresa a Lugo. Vendeu libros polas casas durante catro anos. Bota un ano como liberado da Central Sindical Galega ata que en 1982 se fai policía municipal en Corcubión. Tras outros catro anos volve novamente a Lugo como empregado municipal. Ao primeiro encárgase de atender instalacións como o Gustavo Freire ata que pasa a ocuparse de publicacións no Concello, o posto no que se xubilou.

A maiores de tarefas intelectuais amaba a carpintería, que facía nun obradoiro ao lado da casa. Tamén elaboraba un encrucillado diario para prensa, labor que desenvolveu durante 34 anos. Cando non sabía que facer publicaba libros en Edicións da Curuxa.

Darío Xohán Cabana ten a marca de ser o escritor máis galardoado da literatura galega, con máis de sesenta premios. El Progreso concedeulle un recoñecemento polos 75 anos do diario.

O cumio da súa carreira foi a obtención da Medalla de Ouro de Florencia en 1991. O premio fiorentino foi o nirvana que acadou tras anos e anos traducindo para o galego literatura clásica italiana, obras como Divina comedia de Dante e O cancioneiro de Petrarca. Como novelista o seu logro foi escribir Galván en Saor.

Fotografía ►A testemuña do rural

Carlos Valcárcel Tras décadas pegado á lente da cámara, Carlos Valcárcel faleceu aos 92 anos. As tabernas, as feiras e estradas, as viúvas e cativos que traballaban en lugar de ir á escola desapareceron hai tempo. Daquel pasado quedan as instantáneas de Valcárcel, deixando constancia de que existiu esa época en branco e negro xa rematada onde os carros eran tirados por bois, había que ir de bonito á feira e a semana da zorza anunciábase en letra grande xunto ao nome do pobo na entrada.

Valcárcel exerceu de bancario de oficio e fotógrafo pola obriga da súa conciencia. De método autodidacta, soubo desde cedo a necesidade de comprender a química que agocha o método fotográfico.

Foi o fotógrafo máis premiado de Lugo no ámbito nacional e internacional, pero o seu soño sempre fora ter un libro das súas imaxes. Fíxoo realidade o ano pasado con Carlos Valcárcel. Fotografía etnográfica 1960-1980.

Posuía unha memoria á altura da que tiñan as súas cámaras. Podía dicir quen o convidara a un café 40 anos atrás nunha taberna de calquera lugar, como un recordo que sementara no momento de quitar a foto.

Na súa casa instalara un cuarto de revelado, como deses das películas con luces vermellas e produtos químicos sinónimo de caveira. Alí gastaba as horas que non botaba no banco, de safari fotográfico ou cos seus moitos fillos. Nas fins de semana saía en coche coa compañía de Eduardo Ochoa, Valentín Roldán e Hipólito Galán. Percorrían as pistas secundarias da provincia ata que marchaba a luz, como se fose unha excursión dun día, e non soltaban a cámara nin para comer, porque o instante perfecto dura menos dun segundo. Nas viaxes sempre foi copiloto porque resistiu ata o seu fin sen sacar o carné.

Escultura ► A fantasía surrealista

2O escultor e artista plástico Paco Pestana faleceu en outubro en Lugo. Os seus soños de neno eran ser "lexionario, boxeador e mineiro". Ao final, atravesou esas vidas e unha decena delas máis como hostaleiro, técnico agrario, hippie, artista e comisario de arte. Nacera en Peredo (Castroverde) en 1949, nunha familia acomodada de labradores. Hai unhas semanas foi nomeado fillo predilecto do concello.

Paco Pestana chegara a Lugo con 11 anos estudar o bacharelato; primeiro á casa dunha amiga dos seus pais e despois estableceuse nun piso fronte ao xardín de San Roque. Fixo o servizo militar no Sáhara como lexionario, onde puido practicar a súa afección ao boxeo. Lograra cumprir dous dos seus soños.

O vendaval de Maio do 68 levárao un tempo a Holanda e chegou a montar un bar, O Agarimo, na rúa de Salvador de Madariaga, de Lugo. O local, situado xunto ao cuartel da Garda Civil, era un ámbito para respirar liberdade. As consumicións pagábanse a vontade do cliente.

A seguinte experiencia libertaria foi fundar unha comuna en Negueira de Muñiz. O fracaso do modelo fixo que baixase ás minas de Asturias. O seu primeiro intento foi ofrecerse cunha melena, unha capa e un bastón. O capataz aconselloulle dedicarse a escribir poesía. Cambiou o seu aspecto e conseguiu o traballo noutra. Así culminou as súas tres vocacións.

Estivo traballando para servizos agrarios públicos pola zona da Fonsagrada durante uns meses. Impartía coñecementos sobre maquinaria e técnicas de cultivo. De regreso a Lugo desenvolveu a súa inclinación cara á arte e a poesía.

O seu amor pola natureza e polos animais foi unha constante que está presente en toda a obra que empezou a desenvolver entón. Nas súas pezas marcou unha liña caracterizada pola mestura de elementos dispares sempre envolvidos nas tramas do humor, a fantasía e a teatralidade. Era tan coñecido pola súa elegancia como pola súa bicicleta branca.

Víctor Corral, a carón dunha das esculturas do seu xardín, feita con pedra de Miraz.A arte despediu tamén este mes ao escultor Víctor Corral. Tras facer exposicións, comenzou a construír a súa casa museo en Baamonde, onde ten esculturas de pedra e bronce no xardín, y de madeira, marfil, e bronce no interior. Na igrexa de Baamonde hai un castiñeiro centenario coa Virxe do Rosario tallada por el no seu interior.