Uns 3.500 estudantes participarán en Lugo nunha nova edición de Correlingua

Na edición deste ano participan entre as diferentes actividades 200 centros e 18.000 alumnos de toda Galicia

Presentación do Correlingua en Lugo.JORGE LÓPEZ
photo_camera Presentación do Correlingua en Lugo.JORGE LÓPEZ

A deputada de Cultura, Pilar García Porto, foi a encargada de presentar este venres no Pazo de San Marcos o Correlingua 2019, co que se persegue promocionar o uso do galego no alumnado da ESO e de Bacharelato, que mobilizará no mes de maio a máis de 3.500 estudantes na provincia de Lugo.

Nesta ocasión, o Correlingua arrinca coa lema O galego é a fórmula, explicou García Porto, quen estivo acompañada polo portavoz do goberno local de Lugo, Miguel Fernández; a concelleira de Educación de Monforte, Mariña Doutón; o secretario nacional de CIG-ENSINO, Xesús Bermello; a secretaria da Mesa pola Normalización Lingüística, Mónica Pazos; o presidente das-PG, Xoán Costa, e o da Asociación Cultural Correlingua, Anxo Terán.

Ademais de presentar a nova edición do Correlingua e avanzar o programa de actividades deste ano, no que participarán 200 centros educativos con 18.000 alumnos de toda Galicia, fíxose entrega aos alumnos vencedores nas categorías de vídeo, cómic e elaboración de manifesto.

A deputada invitou a todos os alumnos a ser "militantes activos na defensa da nosa lingua e, ao mesmo tempo, das nosas tradicións e a nosa cultura".

"O galego é o noso sinal de identidade, non podemos deixalo morrer, e vós sodes a semente para que siga crecendo día a día, en cada escola, nas vosas familias ou cos vosos amigos. Hai que amar, coidar e consentir a nosa lingua, porque sen ela non temos futuro", dixo García Porto.

A provincia de Lugo acollerá tres actividades do Correlingua no mes de maio, en Ribadeo, o día 7; en Lugo, o 8; e en Monforte de Lemos, o 13.

En todas as localidades participantes lerase o manifesto desta edición, baixo o título Temos química coa nosa lingua, realizado polos alumnos de 4º da ESO de o IES Carral, da Coruña.

Comentarios