Una muestra de Cántigas e Aturuxos exhibe discos, partituras y contratos

O material relacionado co coro que marcou a cultura lucense entre os anos 1915 e 1936 está exposto no Centrad de Lugo
Unha das partituras da mostra.
photo_camera Unha das partituras da mostra.

O Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) de Lugo acolle dende onte a mostra ‘Primeiras gravacións lucenses. Cántigas e Aturuxos 1918’, que está composta por actas fundacionais, partituras, discos de gramófono, contratos discográficos, fotografías e recompilacións de aparicións en prensa.

A deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, lembrou a Cántigas e Aturuxos como «o coro que marcou a historia musical e cultural non só da cidade de Lugo, senón de toda a provincia dende 1915 ata 1936, dúas décadas nas que a agrupación musical acolleu a máis de trescentos lucenses e nos que se involucraron persoeiros como Bal y Gay, Sariñena ou Isaac Correa Calderón».

«Orixe do galeguismo máis ou menos organizado, Cántigas e Aturuxos era o coro máis importante e parcipativo da época, pero sobre todo, é un anaco de Lugo», sinalou a representante provincial.

Esta exposición permanecerá aberta ata o 22 de abril no pavillón 4 do Centrad de luns a venres, de 09.00 a 19.00 horas.

A mostra forma parte dos actos organizados para homenaxear a esta agrupación . Os actos arrincaron coa presentación do libro ‘Coro Cántigas e Aturuxos. Repertorio lucense 1918’, do escritor Ramón González González. Esta obra literaria, acompañada por un cedé que inclúe vinte temas que recuperan os primeiros rexistros sonoros do coro no ano 1918, foi editada por Ouvirmos coa colaboración da Deputación.

Dentro da programación tamén se inclúe a actuación de coros históricos. O coro Toxos e Froles actuará mañá, ás 19.00 horas, no salón de actos da Deputación. A Coral de Ruada; Cantigas e Agarimos, e Cántigas da Terra actuarán o día 28 de este mes, e o 4 e 11 de abril, respectivamente.

Comentarios