Unha lingua para levar

Veterinaria pon en marcha unha campaña a prol do galego nunha facultade na que máis do 70% de novos alumnos son de fóra de Galicia
Reparto de material entre o alumnado de Veterinaria. EP
photo_camera Reparto de material entre o alumnado de Veterinaria. EP

A facultade de Veterinaria acaba de poñer en marcha unha campaña de promoción do galego entre o alumnado no considerado como o centro "máis internacional" do campus lucense, en palabras do seu decano, Germán Santamarina, quen explicou onte durante a presentación desta iniciativa que máis do 70% do novo alumnado procede de fóra de Galicia e "non coñecen a lingua galega ou non están familiarizados co seu uso".

Santamarina, que estivo acompañado neste acto da vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; a profesora Marta López Alonso, e o técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC Xusto Rodríguez, engadiu que o seguinte centro da USC con máis alumnado foráneo é Medicina en Santiago, aínda que indica que a cifra sitúase arredor do 30% do total.

Durante o acto procedeuse ao reparto entre os alumnos de cadernos, lapis e diverso material, ademais de informarlles da publicación de varios vídeos de promoción na canle de Youtube que teñen como protagonistas a estudantes de Veterinaria e que tamén están accesibles desde o web do Servizo de Normalización.

Alén da explicación dos factores que motivan esta acción específica para dinamizar o emprego do galego como lingua na Universidade, que tamén ten o español como idioma oficial, a profesora Marta López Alonso, unha das docentes de Veterinaria que imparte as súas clases en galego, salientou que os obxectivos desta campaña transcenden a cuestión lingüística, "xa que con estas accións máis ou menos simbólicas, tamén buscamos proxectar unha imaxe en positivo do campus de Lugo e, de xeito implícito, da cidade e das súas xentes", comentou.

Mentres, a vicerreitora de Coordinación do campus trasladou os seus parabéns aos promotores desta campaña de difusión do galego, unha iniciativa que continuará ao longo dos próximos días coa distribución de exemplares dun volume que compila un vocabulario específico de veterinaria ou mesmo coa instalación dun photocall no aulario da facultade. Montserrat Valcárcel tivo tamén palabras de agradecemento para os alumnos, docentes e outros titulados xa egresados da facultade de Veterinaria pola súa colaboración para dar vida a esta campaña.

Comentarios