#UnedLife: a alianza lucense a prol do deporte e a saúde

INICIATIVA ► A Uned de Lugo é un referente universitario nacional no eido do desenvolvemento sostible
rbt
photo_camera Comité técnico do Proxecto #UNEDLife.

A UNED de Lugo mira cara o futuro, asumindo novos retos e de aquí nace o proxecto #UnedLife, ao abeiro da celebración do quincuaxésimo aniversario da UNED e dentro do exitoso proxecto #LugoNaturalMente, para traballar a prol do ODS 3, saúde e benestar, que ten coma fin garantir unha vida sa e promover o benestar para a cidadanía.

O proxecto #LugoNaturalMente, que arranca no ano 2019, leva colleitados cinco galardóns a nivel nacional: tres premios consecutivos do Consello Social da Uned que recoñecen a mellor práctica levada a cabo por un Centro Asociado e dous do Observatorio Nacional de ODS. Convertendo a #LugoNaturalMente e á Uned de Lugo nun referente do desenvolvemento territorial sostible a nivel nacional.

O proxecto que arrancou no 2019 #lugonaturalmente xa acadou cinco premios a nivel nacional

Este proxecto, presentado polo reitor da Uned Ricardo Mairal, conta no seu comité técnico con catro profesionais do ámbito universitario e deportivo lucense: Ana Traseira, directora da Uned de Lugo, Carlos García, xestor de administración da Uned Lugo, Salva Arco, xerente da Fundación Breogán e Sara Meijide, responsable de deportes en Radio Lugo Cadena SER.

Presentación do reitor da UNED de #UNEDLife
Presentación do reitor da UNED de #UNEDLife.

O proxecto contará con colaboracións de profesionais do deporte, da saúde, do xornalismo deportivo e da sociedade civil cos que a Uned teceu alianzas.

A raíz deste proxecto é o fomento dunha vida saudable baseada no deporte, da que medran as catro ramas nas que se desenvolverá o traballo desta iniciativa que son as seguintes: a promoción do benestar social, o coñecemento de todas as categorías do deporte lucense, a vinculación das efemérides do calendario coa práctica do deporte e colaboracións tan relevantes como a da Asociación Española Contra o Cancro e a Fundación Breogán.

Entre as moitas conferencias, gratuítas e abertas a toda á sociedade luguesa, previstas no campo da promoción do benestar social, dúas terán lugar xa no mes de decembro: Coido o que como, terá lugar o vindeiro 15 de decembro ás 18.30 horas e será impartida pola nutricionista Ángeles Novo.

Para o día 1 de decembro uned lugo organiza unha actividade específica adicada ao CB Breogán

Como previr a adicción ás tecnoloxías. terá lugar o vindeiro 22 de decembro ás 18.30 horas e será impartida polo psicólogo e especialista en psicoloxía deportiva Denís Fernández.

Realizaranse, ademais, conferencias sobre saúde cardiovascular, escola de lombo e postural, emprego de desfibriladores,... todas elas impartidas por profesionais lucenses de renome.

No tocante ao coñecemento de todas as categorías do deporte lucense, comezaremos cunha actividade especial adicada ao Club Baloncesto Breogán que terá lugar o vindeiro 1 de decembro, ás 19.30 horas, e contará coa participación de figuras de onte e hoxe do club, coma Tito Díaz, Paco Basanta, Salva Arco ou Erik Quintela, entre outros.

Este proxecto quere darlle relevancia a todos os clubs que dende as categorías de base constrúen e promoven cada día a actividade deportiva e con elo os mellores valores para a nosa rapazada. Darase a coñecer o seu traballo mediante de pezas audiovisuais que se difundirán a través de todas as canles de comunicación da Uned de Lugo.

Ningún Aro Sen Rede no CEIP Otero Pedrayo de Rábade
Ningún Aro Sen Rede no CEIP Otero Pedrayo de Rábade.

Outra das áreas de traballo do proxecto é #PlanetaODSLife na que se vincularán efemérides do calendario anual coa práctica deportiva e o eido da saúde dende unha óptica provincial. De feito recentemente a Uned de Lugo foi distinguida co Premio Nacional de Boas Prácticas dos Centros Asociados en España pola súa iniciativa PlanetaODS. O premio reafirma á institución lucense como modelo de concienciación a favor do desenvolvemento sostible pola súa loita contra o cambio climático, divulgación do patrimonio natural e promoción da Axenda2030.

É o terceiro galardón consecutivo outorgado polo Consello Social da Uned a unha boa práctica do centro lucense, cunha dotación de 5.000 euros. A iniciativa premiada está dirixida por Ana Belén Traseira, e Carlos García, e inclúese no proxecto #LugoNaturalMente o cal ten como finalidade concienciar da necesidade de vivir dun modo máis sostible, reforzando o compromiso das administracións e da cidadanía para alcanzar os dezasete grandes Obxectivos da Axenda 2030 que contribúen a preservar o planeta e facer posible un futuro máis próspero para as xeracións vindeiras.

O proxecto premiado consiste na selección de 17 efemérides anuais, coa finalidade de profundar na difusión de cada unha delas, a través dunha peza audiovisual breve e dunha conferencia gratuíta, emitida en directo e diferido a través da canle de Youtube do centro, e impartida por un profesional de recoñecido prestixio. Por exemplo, o día da loita contra o cambio climático contouse coa participación da directora da Cátedra Unesco de Educación Ambiental da UNED.

Implicouse a institucións públicas, empresas, colectivos profesionais, asociacións ou ONG’s de ámbito local para que participen e así poder conformar un coñecemento eficiente de proximidade, contribuíndo deste xeito ao desenvolvemento territorial sostible.

Deuse a coñecer a través desta iniciativa diferentes enclaves do patrimonio natural da provincia de Lugo e mostráronse proxectos que poderían replicarse noutros puntos da nosa xeografía e que contribúen, notablemente, á sustentabilidade e á loita contra o despoboamento rural lucense.

Outra iniciativa novidosa serán os Encontros Gastronómicos Saudables entre deportistas profesionais e cociñeiros lucenses que xuntarán o potencial do produto quilómetro cero lugués, a cociña saudable e a experiencia destes actores neste campo.

Dentro dos programas que xa están en marcha cómpre destacar Ningún Aro Sen Rede coa colaboración da Fundación Breogán e Ecoballution, un exemplo de economía circular que leva aos colexios da provincia o desenvolvemento sostible, a reciclaxe e os valores do deporte.

Tamén está en marcha a colaboración coa AECC coa exposición ‘50 anos cambiando a historia do cancro’ que se amosa no centro de Lugo durante o mes de novembro. A mostra constitúe unha oportunidade para descubrir como é un laboratorio a través das imaxes realizadas polo fotógrafo Míchelo Toro, e os resultados de investigación en cancro máis destacados dos últimos anos que contaron co apoio da AECC. Esta actividade nace froito dun convenio asinado entre ambas entidades e é unhas das moitas que se van a realizar ao longo do curso académico.

Por outra banda, este pasado xoves inaugurouse oficialmente o ano académico da Uned, evento que contou coa presenza do reitor, Ricardo Mairal, e no que Carmen Lence, Ceo do Grupo Lence impartiu unha lección inauguracon o título ‘O futuro é incerto, por iso debes crealo’. No acto, que conmemoraba o medio século de existencia da Uned, tamén se presentou a memoria de actividade da Uned en Lugo, que o ano pasado prestou servizos a case 7.800 alumnos e cuxos estudantes do programa sénior subiron un 82,5%.

Así mesmo, A Uned, a través da Facultade de Psicoloxía, pon en marcha o programa de tratamento ‘Aprende a manexar as túas emocións’ (Amte). Este consiste nun tratamento psicolóxico cognitivo-conductual transdiagnóstico (TCC-T) aplicado a través de internet. Foi desenvolto polo Grupo de Investigación de Psicopatoloxía e Saúde da Uned GI 75, que está dirixido polo profesor Bonifacio Sandín. Conta con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación e vai dirixido a nenos e adolescentes de 12 a 17 anos con síntomas elevados de ansiedade e depresión.