Un grupo animalista faise cargo de dous equinos desatendidos en Castelo

Unha egua e un poni descansan desde este venres nun refuxio en Santiago
Os equinos, cando ían ser cargados para marchar cara Santiago
photo_camera Os equinos, cando ían ser cargados para marchar cara Santiago

Nogoya e Pikachu descansan desde este venres no seu novo fogar, o refuxio que a asociación animalista Vacaloura ten en Santiago, unha finca de case seis hectáreas de superficie. Alí pasarán os seus últimos anos de vida porque este grupo non da en adopción as reses que ten ao seu coidado.

Hai un mes e medio denunciábase o estado de desnutrición que padecían esta egua e este poni, que ata onte estiveron nuns terreos do barrio lucense de Castelo. O seu dono levaba días sen ir darlles de comer e o 31 de decembro ingresaba en prisión por contas que tiña pendentes coa Xustiza.


Inés Trillo. Presidenta de Vacaloura:
"Acollémolos por respecto, por xustiza e para axudarlles a que teñan unha vida digna ata o final dos seus días"

Noelia Rodríguez. Voluntaria: 
"Cada día percorría co meu marido uns 40 quilómetros en total para traerlles dúas veces comida: penso, millo e pan"


A situación chegou a ser aínda máis alarmante porque cos equinos convivían dous cans e un acabou papando a outro debido a fame que pasaba.

O adeus de Nogoya e Pikachu, que foron cargados nun remolque, foi supervisado este venres por un inspector veterinario do servizo de gandeiría da Consellería de Medio Rural.

A egua e o poni xa presentaban un mellor aspecto. Desde principios de xaneiro, mentres non se atopaba unha solución ao problema, Noelia Rodríguez, unha voluntaria lucense, acudía dúas veces ao día xunto ao seu marido, Beni Rodríguez, a darlles de comer. "Recorría uns 40 quilómetros en total para alimentalos con penso, pulpa de remolacha, millo e pan", lembraba. Facíao porque coida aos animais abandonados que vai atopando.

Desde Santiago desprazouse cun transportista a recoller a egua e o poni a presidenta de Vacaloura, Inés Trillo, logo de que a parella do dono das reses aceptara entregarllas.

UNHA VIDA DIGNA. Esta animalista sinalaba que se facían cargo dos equipos "por respecto, por xustiza e para axudarlles a que teñan unha vida digna ata o final dos seus días". Inés Trillo, que presentou senllas denuncias contra o propietario por vía administrativa e xudicial, confía en que este caso "sente un precedente" para que as administracións públicas "tomen en serio" este tipo de situacións e fagan que se cumpra a lei.

Comentarios