Viernes. 19.04.2019 |
El tiempo
Viernes. 19.04.2019
El tiempo

Un forno romano «único» é a clave para probar a existencia dunha mina de ouro nas Catedrais

Estado actual do forno danado polo mar nas Catedrais.
Estado actual do forno danado polo mar nas Catedrais.
MariñaPatrimonio suma apoios para urxir á Xunta a que lle deixe intervir no xacemento que está a piques de ser destrozado polo mar

A sociedade civil da comarca, nomeadamente o colectivo MariñaPatrimonio en colaboración con outras asociacións, está disposta a sufragar cos seus propios cartos, os preto de 4.000 euros que custaría a intervención arqueolóxica necesaria para salvar «un forno romano único no mundo», como sinala o portavoz da entidade, Manuel Miranda. O achádego, que está inventariado, permanecía no esquecemento e urxe actuar nel porque «non aguantará outro inverno a forza da oleaxe», asevera o mariñán, que conqueriu polo momento o apoio doutras oito agrupacións, para percorrer este litoral o vindeiro día 22 e con iso reclamarlle permiso á Xunta para intervir. Esta caldeira é unha peza clave para constatar «a existencia dunha mina de ouro romana nas Catedrais porque todos estes achádegos están relacionados e uns aportan información sobre os outros».

Miranda alerta: «Corremos o risco de perder un valioso patrimonio. Se ó final desaparece o forno, polo menos hai que tentar obter agora toda a información».

Sabedores de que ía desaparecer -os temporais do ano pasado deixaron a metade intacta e algúns restos cerámicos-, os integrantes da asociación mariñá contrataron, pola súa conta, a dous arqueólogos especializados en cerámica antiga, un deles de Lugo, para presentar unha solicitude e un proxecto de intervención inmediata perante ao Servizo Provincial de Costas e tamén da Dirección Xeral de Patrimonio.

Ámbalas dúas administracións teñen a obriga legal de actuar no xacemento, pero dado que non aguantará moito tempo, MariñaPatrimonio decidiuse a actuar. «Ofrecémenos a costear a intervención, pero necesitamos o permiso por escrito, porque de palabra xa nolo deran, sobre todo da Xunta», matizan. «O Goberno non ten vontade pero a sociedade civil está disposta a intervir», insiste.

Onte, aos oito colectivos que xa o apoian, como Ollomao ou Francisco Lanza, sumóuse o presidente dos Amigos dos Museos de Galicia, o arqueólogo Felipe-Senén López, quen propón abrir nas Catedrais un punto de atención aos visitantes como o que ten a Calzada dos Xigantes, no Ulster: «Un centro que presuporía oferta e demanda de empregos», opina. Adega tamén incorporou a idea de protexer o forno e a mina de ouro, na alegación que presentou ao plan que a Xunta ultima para o enclave.

PROXECTO. O proxecto que presentou en 2014 MariñaPatrimonio, contempla «facer unha cata de tres por tres metros; recoller a cerámica que hai, mirar o que quedou do forno -quedaron dúas columnas e estructuras do emparrillado-; debuxar esa información e estudar de que época data e despois tapalo con sacos de terra e rochas para protexelo».

Un estudo arqueolóxico posterior determinaría se pagaría a pega acometer máis intervencións: «Quizais haxa que desmontalo e levalo para outro sitio», apostilla Miranda, para quen o máis importante é garantir que o xacemento quede documentado, «antes de que o mar o desfaga».

Segundo o ceramólogo que o analizou, é único no mundo por estar ó lado do mar. «Os romanos tiñan un catálogo de pezas e neste forno que tamén é romano, fabricaban grandes vasixas, de case un metro de alto, as dolium, que servían para transportar cousas», segundo Miranda, que apunta a que a autenticidade radica en que «empregaron técnicas de cerámica dos castrexos indíxenas, porque non se ven marcas do torno romano, senón dunha especie de peiteado que facían nas pezas». Sobre a mina de ouro, non se aprecian galerías excavadas na rocha.

Un forno romano «único» é a clave para probar a existencia dunha...
Comentarios