Un barrio afastado, a vinte pasos

Os veciños do Carme, no pleno corazón da cidade, agardan dende hai anos medidas que poñan fin aos vertidos que sufren e que hoxe en día supoñen unha barreira ao Camiño Primitivo e á actividade das hortas que gardan a esencia do Lugo rural. Agardan, dende hai anos, polas medidas do plan Edusi, anunciadas a semana pasada
O abandono de vivendas é unha lacra que afecta directamente a visibilidade do barrio
photo_camera O abandono de vivendas é unha lacra que afecta directamente a visibilidade do barrio

VINTE PASOS separan a catedral de Lugo da herba amoreada trala sega no Regueiro dos Hortos. Tan só vinte pasos son os que afastan o Lugo monumental do Lugo rural, pasos que poderían achegar esas dúas dimensións que identifican e enriquecen á cidade, pero que sen embargo marcan un ritmo vertixinoso de degradación do patrimonio.

O Regueiro dos Hortos, no corazón do barrio do Carme, non pide un regueiro de cartos. Pero agarda ansioso as intervencións da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (Edusi) anunciadas polo Concello de Lugo a semana pasada para que se garanta a salubridade dos veciños. Nada menos que iso.

Os camiños son impracticables para persoas con cadeira de rodas, e moitos peregrinos pérdense na zona


A vinte pasos da catedral, seguindo o trazado orixinal do Camiño Primitivo, que á súa vez aproveitou a vía XIX romana que conectaba á cidade por este lugar, é imposible seguir camiñando. Literalmente. A ruta xacobea fica anegada en augas residuais de vertidos que aínda non se controlaron na zona, xa recoñecida como Patrimonio da Humanidade.

Belén, unha traballadora do barrio que a cotío pasea ao seu can pola zona, advírtello a Mari Luz Lurigades, veciña da cidade que se animou a coñecer ese tramo do Camiño Primitivo. "Está cortado", ao que Mari Luz responde: "Non entendo como pode estar isto así despois de tanto falar do Lugo monumental".

Non é a primeira vez que Belén fai esta advertencia, ou que alerta a alguén en cadeira de rodas de que o camiño é intransitable. Tampouco a primeira que o ollo quere comprobar o que custa concebir. Sen embargo, tamén son moitos os motivos de que a elixa como zona de paseo. A un paso do centro é posible disfrutar dun entorno rural, cunha grande variedade de árbores froiteiras, camiños empedrados ou lousados que separan hortas traballadas. En definitiva, dez minutos de paseo por un lugar de enorme riqueza etnográfica, paisaxística e cultural, que xa no século XII dispoñía deste nome, Regueiro dos Hortos, por acoller as hortas do Cabido, o bispo ou o hospital, segundo conta Adolfo Abel Vilela. Un lugar vivo, "e que debe manterse como é, pero arranxado", indica. Para ela, de Vigo, "Lugo ten un tesouro rural no medio da cidade, pero é incrible o desaproveitado que está este potencial".

A rúa do Carme e o Regueiro das Hortas son tamén un regueiro de casas abandonadas, algunhas en estado ruinoso. Pero tamén de hortas coidadas que contrapoñen a súa xeometría coas liñas da cidade. De feito, son os veciños, os poucos que alí quedan e os que dende outros puntos da cidade se achegan para coidar das súas fincas, os que arranxan os camiños, cortan a herba e limpan os muros.

"Non hai máis que mirar", indica Mercedes López, unha das que vive alí, cando se lle pregunta polas necesidades do barrio. "Disto ninguén se lembra. Nin sequera temos auga da traída", indica. O seu medo é que incluso arda a maleza dalgunha das fincas que ten ao lado, un medo que semella imposible que poda albergar alguén que vive a eses poucos pasos do centro.

Case coma metáfora do barrio, a igrexa está pechada, e só abre o día 16 de cada mes para unha misa ás 19.30. Diante dela, á sala de exposicións Porta Miñá achéganse cada mes máis turistas. A historia da cidade, que este espazo expositivo narra, é tamén obxecto dun dos proxectos do Edusi, que terá por obxectivo realizar excavacións arqueolóxicas e musealizacións in situ. "Non basta só con declarar algo Patrimonio da Humanidade, hai que facer ao respecto", indica Belén. Todos agardan que os vinte pasos deixen de ser tan longos.