Os traballos de rehabilitación do soto da Praza de Abastos comezarán o xoves

O mercado tradicional celebrarase temporalmente na Praza da Soidade
Carpa habilitada na Praza da Soidade para a celebración do Mercado Tradicional. EP
photo_camera Carpa habilitada na Praza da Soidade para a celebración do Mercado Tradicional. EP

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza de Lugo, Cristina López, informou do inicio dos traballos de rehabilitación do soto da Praza de Abastos, que terá lugar o vindeiro xoves. Cristina López explicou que "esta rehabilitación permitirá completar a renovación da Praza de Abastos, que se unirá á peonalización de Quiroga Ballesteros para que a veciñanza de Lugo conte cunha zona emblemática da cidade completamente renovada". "Buscamos unha Praza de Abastos na que todas as veciñas e veciños poidan ir facer as súas compras nun entorno amable e accesible", apuntou

A rehabilitación do soto foi contratada por 586.625 euros, e un prazo de execución de 75 días. O proxecto inclúe a renovación de instalacións e servizos, como electricidade, auga, telecomunicacións e calefacción, ademais de mellorar a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.

Cristina López explicou que "as obras de peonalización de Quiroga Ballesteros e a rehabilitación do soto da Praza vanse executar de xeito coordinado para para garantir en todo momento os accesos á praza e os espazos de carga e descarga, tratando de reducir as molestias ao mínimo para a veciñanza e os postos".

MERCADO TRADICIONAL. Desde a área de Participación habilitouse unha carpa na Praza da Soidade, na que a partir do venres 19 se colocarán as distintas vendedoras do Mercado Tradicional, que ten lugar nas mañás dos martes e dos venres, entre as 8:30 e as 14:30 horas.
 

Comentarios