O torneo escolar de Nadal leva o xadrez a Praza de Abastos

O prazo de inscrición na competición, que se celebrará o día 19, estará aberto ata o venres

Presentación do Torneo de Xadrez Escolar de Nadal. EP
photo_camera Presentación do Torneo de Xadrez Escolar de Nadal. EP

Conta atrás para que Lugo celebre o Torneo de Xadrez Escolar de Nadal, que encherá de peóns, cabalos e raíñas a Praza de Abastos o domingo día 19. O prazo de inscrición estará aberto ata as oito da tarde do venres 17.

O evento está organizado pola Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento e a Escola Luguesa de Xadrez e contará con varias categorías: sub 8, sub 10, sub 12, sub 14, sub 16 e absoluta.

O torneo foi presentado polo director da Escola Lucense de Xadrez, Pablo Castro, acompañado do concelleiro de Educación, Felipe Rivas, e da edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López. "Tratase de integrar unha disciplina como o xadrez nun espazo privilexiado como a recentemente restaurada Praza de Abastos", apuntou Rivas, quen engadiu que se converterá o entorno da rúa Quiroga Ballesteros "no lugar que Lugo merece para expansión do coñecemento".

O torneo será totalmente de balde e os emparellamentos realizaranse a través do programa informático Swiss Perfect. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría e agasallos para todos os participantes.

A competición celebrarase o domingo 19 de decembro pola tarde. As persoas interesadas en participar deberán realizar a inscrición, entregando o formulario ao monitor da Escola Luguesa de Xadrez ou escribindo un e-mail a [email protected]. Os participantes teñen que estar federados nalgún equipo, e de non estalo a Escola Luguesa de Xadrez farao de balde no seu clube.