Marcos Méndez: "Todo está en mans dunha persoa cun carácter impredicible: Putin"

O xornalista lucense dará unha charla este mércores ás 19.30 no patio central do Vello Cárcere, onde relatará en primeira persoa a súa experiencia na guerra de Ucraína
Marcos Méndez. AEP
photo_camera Marcos Méndez. AEP

O xornalista lucense Marcos Méndez viviu en primeira persoa a invasión rusa en Ucraína. A pé de trincheira relatou para a opinión pública o día a día do conflito armado que sacudiu as bases da democracia, e para o que aínda non se albisca unha solución polo afán imperialista de Putin. Despois de permanecer durante 80 días en territorio ucraíno xa prepara a súa volta como correspondente de guerra dentro de pouco, xusto a tempo para cubrir a chegada do armamento prometido pola Otan ás tropas ucraínas.

Marcos Méndez falará de todas estas cuestións e resolverá as dúbidas dos asistentes á charla Ucraína: unha guerra sobre o terreo, que terá lugar hoxe, a partir das 19.30 horas no patio central do Vello Cárcere. O acto está organizado pola Asociación da Prensa de Lugo, o Colexio Profesional de Xornalistas e o xornal El Progreso. Durante a charla, o comunicador Marcos Méndez responderá ás cuestións que lle formulen os xornalistas Dolores Cela, José Luis Ramudo e José Manuel Freire, redactor xefe de El Progreso.

Foi a súa estadía en Ucraína a experiencia máis dura da súa vida profesional?
Non creo que fose a máis dura, nin moito menos, xa tiven catro ou cinco experiencias ben fastidiadas. Vivín 80 días traballando moito, así que se teño que cualificar a vivencia cunha palabra esta sería experiencia, en todos os sentidos, tanto a nivel persoal como profesional.

Poderíase dicir que esta guerra marcou o seu futuro profesional?
Nos 46 anos que teño pensaba que nunca me vería nunha coma esta. Marcoume a min e aos compañeiros que tiven alí. Falamos a miúdo deste asunto. Moitos deles viviron moitas guerras, pero esta aseguran que marca. Tampouco sei dicir se me marcou para ben ou para mal. Non es a mesma persoa cando volves da guerra.

Na súa opinión, pode haber unha solución a este conflito?
É moi complicado porque está nas mans dunha persoa cun carácter impredicible, como é Vladimir Putin. Con este home pasa o mesmo que pasaba no tempo no que gobernaba Trump en Estados Unidos, os dous son moi impredicibles, Ucraína ofreceulle a rexión do Donbas pero, se cadra, xa non é dabondo para el. Tanto para os xornalistas como para os analistas internacionais e os políticos é moi difícil determinar cal é a solución deste conflito. Realmente está todo en mans dunha persoa.

Trata ben a Unión Europea aos refuxiados desta guerra?
Ser un refuxiado xa é unha desgraza, sexa na guerra que sexa, e nunca son tratados suficientemente ben. É moi difícil entender a súa situación se non a vives, se non convives con eles. Está claro que a Unión Europea fixo un esforzo neste caso concreto, o mesmo que países que sempre foron máis reticentes a apoiar os refuxiados, como é o caso de Polonia, sobre todo. Tamén penso que nunca é dabondo a axuda que se lle dá aos refuxiados de guerra. Tampouco sabemos durante canto tempo van estar estas persoas acollidas noutros países, así como en España. Hai que ter en conta que os refuxiados que temos aquí son, na súa maioría, mulleres en idade reprodutiva e nenos, que son case o músculo do país. Manexar o tema dos refuxiados non é só onde van vivir ou como educamos os nenos, senón que vai ser deles.

"A UE ten exércitos e ten armas. Estase vendo atacada e é lóxico que as empregue, que é para o que están"

É lóxica a preocupación da Unión Europea por reforzar actualmente a súa defensa e tamén as súas fronteiras con Rusia?
É unha preocupación lóxica. A Unión Europea ten exércitos, ten armas, e tenas para algo, entón estase vendo atacada aínda que non sexa dentro das súas fronteiras. Por iso, é lóxico que empregue esas armas, que é para o que están en realidade.

Dicía antes que estaba a piques de voltar a Ucraína, cando ten previsto facelo?
Será este verán pero a data exacta aínda non a coñecemos, estámola barallando de momento.

Seguramente pode coincidir a súa volta a Ucraína coa chegada do novo armamento enviado pola Otan para combater na fronte. Preocúpalle esta situación?
Seguramente chegarán as armas que a día de hoxe aínda se está discutindo que cheguen. Dentro dunhas semanas, podería producirse un cambio neste conflito bélico e gustaríame tamén estar alí para contalo.

Estivo durante 80 días en Ucraína. Deulle tempo a facer amizade con algúns dos combatentes ou coa poboación civil?
Polo meu traballo, coñeces a moitos combatentes ucraínos pero por un espazo de tempo moi limitado. Coa xente coa que tes máis relación é cos compañeiros de profesión. Ao traballar para un medio audiovisual sempre teño que ter un compañeiro cámara e sempre intentei que fose un cámara local, ucraíno. Tamén falas moito cos condutores que te levan ata as cidades atacadas e cos tradutores. Diariamente, deixas moita xente atrás coa que falas e traballas.

É tan duro o día a día na fronte como se aprecia nas imaxes que se ven pola televisión?
A actividade diaria na fronte é o que se ve nas televisións. Nin máis nin menos. Hai moitas localizacións ás que nós non podemos ir porque resultan moi perigosas ou ben porque non nos deixan os militares ou os dirixentes. Pero grazas ás cámaras Go Pro, que levan os soldados ucraínos nos cascos ou no chaleco antibalas, podemos ver os combates corpo a corpo diarios rúa por rúa, no interior dos edificios. Son lugares onde os xornalistas non poden acceder e vemos esa loita. Logo o que é a fronte da batalla non é unha liña heteroxénea, senón que vai recuando e avanzado ao longo dos días. É a unión de moitos puntos onde existen ataques dos dous bandos. É o que é. Disparos, vida e morte.

Que puntos vai tocar na charla de hoxe que terá lugar no patio central do Vello Cárcere?
Basicamente, vou tratar de responder as preguntas e dúbidas que me formulen tanto os compañeiros do Colexio de Xornalistas como da Asociación da Prensa de Lugo e dos xornalistas de El Progreso. Tamén poderá facer as preguntas que desexe o público que veña á charla no Vello Cárcere.