Dúas vidas entre leis

Félix Mondelo e Antonio López-Acuña veñen de recibir a medalla de ouro do Colexio de Avogados de Lugo pola súa dilatada carreira e poden falar da profesión cunha ampla perspectiva temporal
Félix Mondelo e Antonio López-Acuña, no acto de entrega da medalla de ouro do Colexio de Avogados de Lugo. AEP
photo_camera Félix Mondelo e Antonio López-Acuña, no acto de entrega da medalla de ouro do Colexio de Avogados de Lugo. AEP

Félix Mondelo é decano do Colexio de Avogados de Lugo. Leva 41 anos de carreira, pero lembra con detalle o seu primeiro caso. "Era un xuízo de faltas por un accidente, en Chantada, pero eu levaba tanto medo como se fora ao Supremo. O meu maestro, Mauro Varela, quedou mirando para min cando me viu saír con tres libros para o xulgado. Debeu pensar: a onde vai este se non lle van deixar usar nada diso?"

Conta que daquela os estudantes de Dereito remataban a carreira e "non sabían nada do exercicio da avogacía. Había que buscar un despacho onde aprender a profesión. Tíñante de pasante, sen cobrar, porque ao principio o único que facías era molestar. Deixábanche ver os casos e co tempo podías ocuparte de algún. Estabas alí un tempo e cando considerabas que xa podías exercer poñías un despacho", explica. Cre que agora adquirir práctica é máis doado porque "cando acaban a carreira teñen que facer un máster de acceso á profesión e despois unha proba".

O meu primeiro caso foi un xuízo de faltas en Chantada e levaba medo como se fora ao Supremo

Cando se enfrontou a aquel primeiro caso tiña as leis frescas, pero faltábanlle ferramentas para desenvolverse nun xuízo. Isto di que aínda o segue aprendendo hoxe. "Todos os días aprendes algo. Hai que estar en constante formación". E está afeito porque cando el empezou ser autodidacta era a norma. "Os despachos eran case todos individuais e había que darlle a todo, agarrarse ao que viña", lembra.

Félix Mondelo Santos, avogado. AEP
Félix Mondelo Santos, avogado. AEP

En Lugo o que abundaban eran os pleitos agrarios, "por lindes, servidumes, os clásicos movementos de marcos". Lembra tamén moitos casos de tema mercantil, "por devolución de letras de cambio, que xa nin se usan; problemas con cheques, que tampouco se ven moito xa", e de dereito de familia, "sobre todo desde a lei do divorcio", ademais dos casos penais.

Empezabas de pasante nun despacho, sen cobrar, porque o que facías era molestar

Cada caso supoñía montañas de papeis. "Aínda que a lei dicía que os actos xurídicos tiñan que ser orais, non se cumpría a non ser nos xuízos penais e había que facer todo por escrito e con copias para todas as partes. Facíase a máquina, con papeis de calcar". Despois, a fotocopiadora desterrou o calco e o ordenador deulle a xubilación á máquina de escribir.

Félix Mondelo cre que na actualidade hai un nicho de traballo na dixitalización dos servizos xurídicos, que pode facilitar trámites e aforrar tempo e diñeiro. Iso si, insiste na diferenza entre un avogado profesional con nome e apelidos que ofrece servizos a través de internet e "unha plataforma de servizos de baixo custo na que non sabes con quen falas e non tes garantía nin de que sexa un avogado".

Na actualidade pode haber un nicho de traballo na dixitalización dos servizos xurídicos

Apunta tamén que os xulgados non son o único camiño laboral para os estudantes de Dereito. "Nos anos 90 había 40 ou 50 colexiados ao ano. Agora o número baixou porque cando rematan a carreira dedícanse a outras cousas: oposicións ou traballos que non precisan colexiación", apunta.

Para Félix Mondelo, atrás quedaron os días nos que lle faltaban horas para traballar. Di que agora está "medio xubilado, rematando casos abertos e collendo só algún novo que me apetece levar"». O ideal para calquera profesional con vocación.

Antonio López-Acuña López. AEP
Antonio López-Acuña López. AEP

Antonio López-Acuña López leva medio século exercendo como avogado e asegura que "a profesión non é o que era". Nos últimos 50 anos asistiu a "unha evolución" laboral con algúns cambios que facilitaron o traballo e outros que non acaban de deixalo satisfeito.

Conta que na avogacía cambiaron ata as formas. "Antes o aspecto era moi importante e había unhas esixencias tremendas. Nos xuízos, os avogados tiñamos que levar camisa branca, gravata negra, chaqueta e zapato negro. A toga, sempre. E ao Supremo había que ir con traxe negro. E ata recordo ter visto nalgún estrado, non posto, senón sobre a mesa, un birrete. Iso non era obrigatorio, pero era un símbolo máis de solemnidade".

Había que vestirse con camisa branca e gravata negra

Chama a atención sobre un detalle: "Era roupa de home porque daquela en Lugo non había mulleres avogadas. Hoxe son maioría e iso foi cambiando. Algunha ao principio tamén levaba gravata, pero non ten sentido, hai que evolucionar". 

Porén, considera que non se deben perder totalmente as formas. "Cando un cliente vai ao xulgado é por algo serio e o avogado debe amosar un respecto polo seu problema. É un momento de solemnidade, non un mercado, e non se pode ir cunha camisa de flores".

A masificación, a competencia atroz e as présas fan que a profesión perda calidade

Pero non só no aspecto cambiou a profesión. Tamén no fondo advirte diferenzas. "A calidade baixou. Antes había menos medios, o traballo era máis artesanal, pero facíase con moito estudo e dedicación. Agora hai masificación, unha competencia atroz, trabállase con présa e moitas veces pérdese calidade".

CONSELLOS. Recomenda ás novas xeracións "moita dedicación, traballo e estudo" porque é necesaria unha actualización constante. "Antes había unha lexislación máis estable e os xuíces tiñan marxe de interpretación, pero hoxe lexislan con moita alegría e oportunidade e os textos duran só uns meses".

Na opinión de Antonio López-Acuña, a clave está en "reciclarse constantemente e traballar moito para acreditarse e para que entre xente pola porta". Valora a especialización cando os avogados traballan en despachos colectivos que permiten esa dedicación, pero considera que "o bo avogado é quen sabe de todo. Pasa coma cos médicos. O especialista sabe moito do seu, pero fóra diso non lle preguntes. En cambio, o de familia ten unha visión global que ás veces é máis útil".

Hoxe lexislan con moita alegría e oportunidade e os textos duran só uns meses

Tras 50 anos nos xulgados, este avogado segue en activo, aínda que "sen tanto estrés", e co seu fillo como compañeiro de despacho. Lonxe queda aquel primeiro caso, aínda que o lembra con detalle. "Era un tema penal, por un roubo. Había un fiscal en Lugo que era duro e iso era bo porque deixaba moito campo para a defensa. Puxen todo o interese e o tempo do mundo e fíxeno o mellor que sabía. Ao saír da Audiencia, o bedel deume unha palmada e díxome: gustáchesme rapaz. Non puido haber cousa mellor. Aquel home que tantos xuízos levaba visto felicitoume".