jueves. 24.10.2019 |
El tiempo
jueves. 24.10.2019
El tiempo

"A terra é do Concello, pero o cultivo é noso e non podemos declaralo"

José Domingo e José Manuel Cancela, veciños de Tirimol. MARÍA G. MORADO
José Domingo e José Manuel Cancela, veciños de Tirimol. MARÍA G. MORADO
José Manuel Cancela di que para moitos veciños de Tirimol foi unha sorpresa saber que as terras que traballaban eran do Concello. Piden á administración local que regularice as cesións de uso para poder cortar a madeira con permisos e declarar os cultivos para a PAC

Cando faleceu o pai de José Domingo, veciño de Tirimol, e este actualizou a información patrimonial, atopou unha escritura segundo a cal, a mediados do século pasado, o proxenitor adquirira dúas parcelas do chamado monte de Seivane. Porén, como sucedía moitas veces, semella que o pai de Domingo non as rexistrou e no Catastro eses terreos seguen a figurar como monte de dominio público municipal. José segue a facer uso delas, tenas a piñeiros, pero non terá maneira de obter o permiso de tala que a Xunta comezou a esixir hai uns anos para autorizar cortas porque non pode demostrar que é dono do solo.

É unha das moitas casuísticas que se dá co monte nesta parroquia situada a carón do polígono do Ceao, na que a proximidade á cidade fixo que os cambios de propiedade das terras foran aínda maiores ca noutros lugares do municipio, sen que en moitos casos haxa certeza de como se fixeron esas transaccións. "Nalgunha época había 30 hectáreas de monte e a última vez que fun ao Catastro había 9", explica José Manuel Cancela, outro veciño de Tirimol. Segundo o inventario municipal, de 2017, non chegan a oito.

Cada lugar da parroquia tiña asignado un trozo de monte e a sorte de cada un foi distinta. En Ramil, os veciños litigaron co Concello e unha sentenza de 1987 fíxoos donos do terreo. O lugar que hoxe ocupa o polígono do Ceao era parte do monte de Bagueixos. "Algúns veciños cobraron as parcelas", di Cancela. No monte da Brea, que en tempos se dedicaba case na súa totalidade a labradío, construíuse unha urbanización hai anos, conta este veciño, e no de Seivane, a terra está maioritariamente a piñeiros e a prados. Un deles trabállao el, en arrendamento a outro veciño, aínda que, como o resto de parcelas, é de titularidade municipal. "A titularidade é do Concello, pero a produción é nosa", recalca. "Moita xente non o sabía, igual por non fixarse cando pagabas a contribución, e foi unha sorpresa cando apareceu rexistrado como monte do Concello", relata.

"O problema é grandísimo -asegura-, porque non podes meter os prados para a PAC sen autorización do dono. E a Xunta tampouco che dá permiso para cortar a madeira pola mesma razón", sinala.

En Tirimol non queda moita actividade agraria, e os poucos gandeiros que hai van "aguantando" coa terra da que dispoñen, pero noutras parroquias a presión é maior e os veciños traballarían con gusto terras que son do Concello e que están sen aproveitar, asegura o concelleiro do PP Manuel López. Este levará ao pleno municipal unha iniciativa para que o Concello moviliza esas terras e formalice as cesións de uso alí onde xa as hai.

O Concello 'quixo' facer os veciños donos das fincas cando lles pediu que as limparan
Exemplo da nebulosa na que están algúns terreos que o Concello ten ao longo da zona rural é que, nalgunha ocasión, ata a propia administración errou á hora de atribuír a propiedade. José Manuel Cancela, de Tirimol, lembra como, non hai moitos anos, chegou á parroquia un funcionario do Concello con cartas para os veciños nas que se lles mandaba limpar de maleza fincas de propiedade municipal.

Eran parcelas que traballaban os veciños e que moitos consideraban propias, pero sobre os papeis non son súas senón da administración local, que sería por tanto a responsable de mantelas en condicións. "Xa que non son nosas, que as limpe o Concello", alegaron. O asunto non tivo máis voltas e a administración seguiu permitíndolles traballar as fincas, pero sen documentos que lles dean seguridade xurídica, lamentan.

Cancela foi un dos veciños que, en varios momentos ao longo dos últimos anos, mantivo conversacións con políticos e funcionarios municipais para tratar de regularizar a situación. Desistiu porque había departamentos con visións distintas, asegura.

"Nalgún momento parecía que o asunto estaba encauzado. Había funcionarios moi ao tanto da situación e recoñecían que isto era unha pataca quente para o Concello. Falouse de facer unha comunidadade... Pero logo o tema pasou a Patrimonio e alí xa empezaron a poñer problemas. Dicían que podía ser prevaricación, que o Concello tiña que defender o seu patrimonio...", relata Cancela. "O Concello ten a obriga de defender o seu patrimonio pero tamén ten o deber de mantelo en bo estado", matiza o concelleiro do PP Manolo López.

"A terra é do Concello, pero o cultivo é noso e non podemos...
Comentarios