lunes. 16.05.2022 |
El tiempo
lunes. 16.05.2022
El tiempo

'Terra' agora farase oír

Los alumnos, interpretando 'Terra'. XESÚS PONTE
Los alumnos, interpretando 'Terra'. XESÚS PONTE
Un total de 150 nenos interpretarán a canción de Tanxugueiras, traducida agora á lingua de signos

Elixiuse Terra —a canción que Tanxugueiras quixo coar en Eurovisión— porque este tema fixo moito máis pola proxección lingüística do galego en só uns meses que moitas das políticas de normalización da Xunta. Pero buscábase, á vez, ser orixinal e alguén propuxo, no claustro de profesores, traducila á lingua de signos. Ninguén prevía que unha das mestras do Ceip Menéndez Pelayo Paula Sancosmed, de Música— soubese comunicarse en lingua de signos. Pero así foi e aí comezou este proxecto que verá a luz a finais da próxima semana cunha actuación conxunta dos alumnos de cuarto, quinto e sexto de Educación Primaria.

"Ningún dos nenos signara antes pero todos aprenderon moi rápido. De feito, o proxecto xurdiu xusto antes da Semana Santa e durante as vacacións mandeilles aos nenos por correo dous vídeos, para que fosen ensaiando nas súas casas. Un, dando unhas nocións básicas sobre a lingua de signos, e outro, no que había unha interpretación miña da canción ‘Terra’ xa signada. Eles volcáronse coa idea e ensaiaron moito. Mesmo aproveitaron os recreos para facelo!", comenta Paula Sancosmed.

Os rapaces non só cantan coas mans senón que tamén bailan unha coreografía, baseada no baile tradicional galego, deseñada pola profesora de Educación Física do centro, Judit Quintela.

A montaxe compleméntase, ademais, coa aportación que fan os nenos de primeiro a terceiro de Primaria que, neste caso, traducen a letra de Terra a pictogramas, a linguaxe dos autistas.

ENTUSIASMO. Os rapaces do colexio Menéndez Pelayo están moi entusiasmados con este proxecto, que ensaian duramente estes días cunha máscara e unha gorra postas. "Con esta iniciativa, os nenos aprenderon, en lingua de signos, a letra da canción Terra pero tamén sementouse un interese nos rapaces por esta forma de comunicarse. Algún deles preguntoume como se diría ‘Non á guerra’ en lingua de signos!", di Paula.

Esta profesora opina que debería haber, alomenos, unha actividade extraescolar que ofrecese a aprendizaxe de lingua de signos. "O colectivo de xordos sempre estivo moi illado. A xente afástase do descoñecido e sería importante que todos os nenos aprendesen o mínimo para comunicarse", comenta.

Paula sabe do que fala. Precisamente ela empezou a aprender lingua de signos o curso pasado cando no colexio do Corgo se atopou cun neno en Infantil que era xordo. Coa axuda dunha intérprete, Montse Flores, logrou comunicarse co pequeno. Agora, atopa, ademais, outras vantaxes na lingua de signos como o desenvolvemento da motricidade fina ou un apoio para a aprendizaxe das letras en caso de dificultades.

'Terra' agora farase oír
Comentarios