Traxandaina

Teresa Astorgano: "Sinto medo nas barracas dos nenos"

Unha muller que vive de e pola artesanía. E, por iso, non é quen de deixar pasar as festas sen mercar algún argallo feito a man
Teresa Astorgano, cunha capa contemporánea baseada na lensa antiga de Portomarín e un pano ruso de la. S.S. / V.R. / X.P.
photo_camera Teresa Astorgano, cunha capa contemporánea baseada na lensa antiga de Portomarín e un pano ruso de la. S.S. / V.R. / X.P.

Traballa, desde hai anos, coa tradición e ela mesma, a alma mater de Traxandaina, Teresa Astorgano, elixe esa palabra como sinónimo do San Froilán. Unha muller que, tamén, vive de e pola artesanía. E, por iso, non é quen de deixar pasar as festas sen mercar algún argallo feito a man. Non ten preferencias, só se deixa guiar polo que máis a sorprenda. Sen máis escolla que a súa ollada artesá.

Canto estaría disposta a pagar por unha ración de polbo nas casetas do San Froilán?
Pois uns 14 euros, un pouquiño máis que o estipulado polo Concello para estas festas.

Cal é a fórmula máxica para que esta festa se distinga doutras?
Son dúas cousas: por un lado, a autenticidade que teñen, e polo outro, a carga de tradición que se respira na rúa.

Hai algo que nunca se perda en cada edición das festas?
A visita ás barracas logo de mercar unha ducia de churros quentes e, por suposto, vestir o traxe tradicional o Domingo das Mozas para ir facer a ofrenda a Rosalía. Con iso xa me dou por satisfeita.

Cal é o seu nivel de gasto nas festas do San Froilán?
Digamos que o nivel de gasto vén sendo medio-alto. Adoitamos comer fóra coa familia e amigos todas as veces posibles.

Churros ou castañas?
Churros.

Que San Froilán prefire: o das multitudes do Domingo das Mozas ou o máis tranquilo do resto dos días de semana?
Todos me gustan pero prefiro que se note que estamos en festas. Así que, entre moito e pouco, creo que moito, que haxa xente.

Cal é o cachifallo que todos os anos compra nos mercadiños do San Froilán?
Algo de artesanía de calidade. Calquera cousa, cada ano merco o que máis me sorprende.

Bota de menos os senegaleses?
Pois a verdade non, non adoito mercar ese tipo de produtos.

Lígase moito no San Froilán?
Os novos, seguramente ligan. Os que temos unha idade como a miña xa non estamos nesas. Pero se alguén sente a necesidade, supoño que será máis doado estando en festas! [Rise].

Se tivese que resumir as festas nunha palabra, cal se lle ocorrería?
Tradición.

Cal é ese segredo inconfesable relacionado coas festas que nunca lle contou a ninguén?
Segredo inconfesable non teño ningún, pero si teño vergoña por sentir medo nalgunha das barracas dos nenos. Iso paréceme bastante forte!

Cantas veces na súa vida vestiría o traxe rexional?
Tantas que non as daría contado e agardo poder sumar outras tantas polo menos.

De ter que escoller unha prenda, cal elixiría e por que?
Pois coido que escollería unha lensa ou mantela da nosa provincia porque este tipo de prenda é, para min, unha seña de identidade inconfundible da nosa vestimenta e tamén da nosa terra.

Comentarios