Elvira López Mosquera: "Temos o reto de crear un centro de investigación de referencia"

Esta profesora de Fitotecnia da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría ocupa o cargo de delegada do reitor da USC para o Campus Terra. Un posto de nova creación desde hai nove meses cos obxectivos de, entre outros, atraer máis alumnos, captar talento investigador e proxectar internacionalmente o campus lucense.
Elvira López Mosquera (A Coruña, 1962)
photo_camera Elvira López Mosquera (A Coruña, 1962). SEBAS SENANDE

Leva máis de 30 anos impartindo docencia no campus de Lugo. Pero tamén está afeita á xestión. Elvira López Mosquera presidiu o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), do que tamén foi secretaria, e foi adxunta de investigación. Ademais formou parte do equipo que preparou a proposta de acreditación do Campus Terra.

Que retos afrontan?
Os cinco grandes retos que temos son atraer alumnos para que estuden en Lugo, favorecer a carreira investigadora e captar talento, estruturar a investigación e pór en valor esa excelencia que hai a través da creación dun centro ou un instituto de referencia, proxectarnos a nivel internacional e orixinar o maior impacto socioeconómico posible na contorna.

Como poden captar talento?
Puxemos en marcha un programa de bolsas de iniciación en investigación para alumnos que fan o último curso, sexa de grado ou de máster. Este curso sacamos catorce así como seis prazas de predoutorado e outras catro de posdoutorado, que duran tres anos. Estanse facendo cousas moi interesantes en investigación no campus, somos punteiros nalgunhas delas. Estamos ademais nun sector, o primario, que é básico. A cidadanía decatouse diso coa pandemia e coa guerra en Ucraína e tamén da importancia que teñen estas titulacións, que nunca se valoraran moito. Dispoñemos, ademais, de grupos de excelencia investigadora, o que nos permite aspirar a chegar a ser un campus de referencia nestes temas en Galicia e fóra e tamén a crear un centro de referencia, que é un dos retos que temos, para colocar esa excelencia no seu lugar para que destaque. A finais deste ano, temos que ter unha proposta. Tamén temos pequenos grupos pouco activos cos que temos que facer proxectos colaborativos, transversais. O campus de especialización ha de potenciar a transversalidade. Estanse a facer cousas moi interesantes, por exemplo Robótica está colaborando con médicos do Hula e o ano pasado fixeron unha gorxa artificial para que poidan practicar manobras con estes modelos antes de atender os pacientes. Tamén poderían facer con Veterinaria modelos de animais, que agora se teñen que adquirir fóra de España, para facer prácticas con eles antes de ir traballar cos animais vivos. Ademais fomos capaces de captar dous Ramón y Cajal —unha moza que veu de Suecia para traballar sobre alimentos e outro para un tema do rural relacionado con Humanidades— e dous Beatriz Galindo, que se incorporarán o curso que vén —unha que retornou de Dinamarca para Bioquímica e outra de Portugal, para alimentación—.

En que traballan para a transferencia do coñecemento á sociedade?
Creamos unha comisión nova, a económica e social, na que están representadas dúas empresas tractoras, Leche Río e Maderas Besteiro; a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader); o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga); a Axencia Forestal Galega; Africor; unha representante do Hula en saúde; a fundación Uxío Novoneyra en xestión cultural; sete colexios oficiais das principais titulacións que se desenvolven no campus; a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), que leva os principais centros de investigación agroforestais que non son universitarios (Mabegondo, Lourizán…) e a Misión Biolóxica de Galicia do CSIC. Nesta comisión contamos o que podemos ofrecer e eles dinnos o que necesitan.

Que deberes lle puxo a comisión avaliadora cando lle concedeu a acreditación?
A comisión avaliadora, que nos deu a máxima cualificación, salientou que para o tamaño que ten o campus, pequeno-medio, temos un nivel de captación de fondos de transferencia importante. As empresas acoden de sempre ao campus porque se lles dan solucións. Pero tamén insistiu en que lle tiñamos que sacar máis valor a todo o que facemos en plataformas como a Aula de Produtos Lácteos ou Pemade porque teñen moitas potencialidades. Tamén facemos eventos, nos que interveñen distintas administracións, para dalos a coñecer á sociedade, como o de One Health (Unha Saúde), que se fixo no Hula, co que hai unhas sinerxias moi boas en farma, micro, robótica…, a I Feira da Muller Rural ou a Creative Jam.

Sacamos catorce bolsas de iniciación, seis prazas predoutorais e catro posdoutorais e temos dous de Ramón y Cajal"

Hai titulacións en risco?
Preocúpannos as titulacións que teñen baixo número de alumnos. Os esforzos diríxense a acudir a todos os foros posibles para captar estudantes. Por exemplo, a Xestión Cultural, de Humanidades, hai que darlle tempo porque vén de comezar. Logo hai outras, como Agrícolas, que ten máis de 30 novos alumnos cada curso, máis os de dobre grado que non nos deixan sumar. Pero en España hai máis de vinte escolas. Son moitas porque, por exemplo, de Veterinaria só hai oito. Enxeñaría Agrícola é moi vocacional, o 80 por cento dos estudantes son do rural e que nenos nacen no rural? Logo está o número mínimo que nos puxeron de listón para un campus periférico como este, 45 alumnos, cando para os campus centrais son só 5 máis. En Agrícolas temos un bo número para traballar se queremos calidade docente. En Forestais, hai poucos, está ademais a titulación de Pontevedra. Pero non creo que vaian desaparecer porque están dentro da columna vertebral da especialización do campus. Tal vez haxa que facer cursos interuniversitarios. Tamén está Enxeñaría Civil, que a hai na Coruña. Tampouco vai ben Paisaxe, que se implantou en 2018. Logo está Procesos Químicos, que está duplicada na propia universidade. Haina en Santiago e témola aquí. Pero aínda non sabemos qué vai pasar. Hai de marxe este curso.

"Dentro de cinco anos o 26,33% dos profesores terá 65 anos"

Un dos asuntos que teñen manifestado que lles preocupa é o relevo xeracional do profesorado. Que medidas están a adoptar?
Temos un financiamento dun millón de euros anuais, que nos concede a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Para este periodo de catro anos de Campus Terra o 63,5 por cento do orzamento total será para investigación, en parte para ir preparando ese relevo xeracional. Cando entrei eu a principios dos anos 90, chegaron moitos profesores, que dentro de nada se van xubilar. Estamos nun campus na que a maior parte dos titulados atopan traballo e moi poucos quedan a facer investigación porque son carreiras que os estudantes as fan non pensando na investigación. Por iso temos o problema de ter menos predoutorais e menos posdoutorais. Por outro lado a de investigación é unha carreira de fondo, longa e mal pagada. O que queremos é incentivar que a xente se anime a facela.

Como é a situación en Lugo?
É preocupante porque a curto prazo, dentro de cinco anos, dos 433 profesores do campus de Lugo 114, o que supón o 26,33 por cento, teremos 65 anos. É un problema en xeral da USC, xa que a media de idade do profesorado é de 57 anos. Penso que hai que facer un plan de choque. Pero, por outra banda, iso vai xerar moitas oportunidades laborais para os que queiran quedar na universidade.

Para este periodo de catro anos de Campus Terra o 63,5 por cento do orzamento total será para investigación, en parte para ir preparando ese relevo xeracional

O goberno da USC viuse envolto nunha polémica polo peche da céntrica sede do Vicerreitorado na Praza Pío XII de Lugo. Agora que enfriou, que opina?
Non sei por que se armou tanto rebumbio. Na campaña electoral do reitorado, o ano pasado, xa se dixo que se ía baixar ao campus para estar máis preto. Levábase moito tempo pedindo que o vicerreitor estivese aquí abaixo cabo da xente. E ese edificio da praza Pío XII ten uso, fanse recepcións institucionais, conferencias, a Casa do Saber está ao servizo da cidadanía para o que se queira, o museo é un dos máis visitados de Lugo... Que non esteamos alí non quere dicir que non esteamos traballando. A universidade é moi importante para Lugo, dinamiza Lugo e as administracións locais, Deputación e Concello, axúdannos moito.

Comentarios