Penas: "Temos que levar aos barrios un modelo humanizado de cidade"

Convertido no brazo executor de Rubén Arroxo na área de infraestructuras, Alexandre Penas parece disposto a peonalizar ata as fochancas. O obxectivo é dobre: converter en irreversible un modelo de cidade e trasladalo a todos os barrios, democratizar a obra pública
Alexandre Penas. SEBAS SENANDE
photo_camera Alexandre Penas. SEBAS SENANDE

O BNG PARECE sentirse moi cómodo co seu papel ao chegar ao ecuador do seu mandato en coalición co PSdeG. Alexandre Penas é un dos rostros desta aparente satisfacción, conseguida a base de fuxir da ideoloxización e de centrase nos pasos de peóns, as fochancas e as peonalizacións. A súa ambición, que non haxa marcha atrás no camiño que Lugo iniciou cara ao que eles chaman unha nova mobilidade.

Estamos a metade de mandato, todo parece un pouco revolto e os proxectos nese punto de que non se sabe se tiran para diante ou non. Cara a onde imos?

Creo que imos ben, máis ou menos segundo o que estivemos a planificar e como comezamos. Cando chegamos, planificamos unha serie de actuacións que considerabamos que eran importantes para Lugo. Falamos da Mosqueira, que xa está en marcha; falamos de introducir peonalizacións tanto duras como brandas en varias partes de Lugo, como a de Luís Seoane, que vai como plataforma única, un espazo que usan coches e peóns ao mesmo nivel, normalmente con texturas e cores diferentes, sendo prioritario o peón aínda que o coche poida pasar. No caso de Luís Seoane é unha obra na que se van investir case medio millón de euros.

"Desde o meu punto de vista, o acordo de goberno co PdeG-PSOE en Lugo está a funcionar razoablemente ben"

Cando comeza?

Xa está colgada na plataforma de contratación, a finais de maio adxudicarase e esperamos que este ano se faga, porque se cambian tamén todos os servizos baixo chan. Luís Seoane é unha rúa moi ampla que une un barrio como A Milagrosa coa Ronda e que dá a sensación de abandono. Temos que trasladar un modelo humanizado a diferentes barrios da cidade ademais de ao centro. Temos Quiroga Ballesteros, que é unha obra que está a ir moi ben e rápido. Temos A Mosqueira adxudicada, e esperemos que as obras comecen o 1 de xuño. Queremos tamén que todo vaia coordinado co dos buses e que o cidadán note as menos molestias posibles. Entón, eu creo que as cousas grandes van razoablemente ben. Temos varias peonalizacións xa na plataforma de contratación, como a de Recatelo; estamos a traballar noutras, como en Acea de Olga, onde cando se urbanizou se fixeron moitas rúas perpendiculares a Alfonso X con beirarrúas moi estreitas, que non se utilizan. Nas cousas de modelo de cidade imos suficientemente ben.

E nas demais?

Hai outros moitos temas que se ven menos e van bastante ben encamiñados. Por exemplo, o tema da iluminación é para nós clave, estamos a contaminar moitísimo. Hai unha conciencia a nivel mundial, e unha das claves é a iluminación. En Lugo gastamos unha barbaridade de diñeiro e queremos baixar esa factura, ademais de dar seguridade. Levamos investidos máis de dous millóns en renovar puntos de iluminación. Está moi ben peonalizar e facer cousas bonitas que nos gustan a todos, pero temos que profundar en democratizar as infraestruturas. Que pide o veciño? Pois que menos que ter unha luz decente, que as fochancas se tapen nun tempo razoable, que se acabe unha beirarrúa que leva tres anos sen facer... Esa é a outra liña de traballo principal que nós expuxemos, democratizar a cidade, que todas as demandas que nos chegan e asuntos que levan tempo atrancados tivesen unha resposta áxil. E estou moi satisfeito porque se fixeron moitísimas actuacións en moitísimas rúas en todo Lugo, unha barbari-dade delas. Niso investimos moitísima parte do orzamento, moito máis que nos grandes proxectos.

É certo que existe entre a cidadanía a sensación de que o BNG está a ser moi pragmático, moi pedáneo na súa acción de goberno, que quizais algúns se esperaban máis ideoloxizada. É algo sobrevido, asumido pola realidade, ou era un punto de partida?

Persoalmente, como punto de partida. Creo que os concelleiros do BNG sempre actuamos así antes de ser concelleiros. Detrás hai moito amor a Lugo, somos moi de Lugo, e iso é o que nos importa no día a día. Non hai maior democratización para unha cidade nin mellor avance social que que as cousas funcionen no día a día. Os políticos estamos para resolver os problemas da xente, e no día a día o máis evidente. Facer a cidade que queres tamén é facer país.

Comparten o mesmo modelo de cidade dos seus socios de goberno? Ás veces parece que se fan as cousas case por duplicado, coma se unhas actuacións tratasen de tapar outras.

Fálase do bigoberno, pero é só xogo político, se houbese tres socios falaríase de trigoberno. Se somos demócratas, iso non é malo. Hai un pacto de goberno, no que compartimos o modelo de cidade, e logo hai unhas responsabilidades. Sempre nos coordinamos sen ningún problema, pódense ver os exemplos. Somos dous partidos diferentes, dúas perspectivas políticas de visión de cidade seguramente diferentes, pero a nosa obrigación é chegar a un acordo de catro anos para servir ao cidadán. Desde o meu punto de vista, o acordo de goberno está a funcionar razoablemente ben.

Foi difícil ter que tragar algunhas votacións en pleno, en aras da paz do goberno local, coas que en absoluto estaban de acordo na oposición? O Garañón e a Fábrica da Luz, por poñer exemplos recentes.

Na Fábrica da Luz había uns informes e non se pode votar en contra. Hai que pagalo. E no pleno díxose que había que achegar toda a luz neste caso, entendo que é un asunto no que non se pode ocultar nada. A sentenza é algo que había que asumir porque é algo feito no mandato anterior. Oxalá se fixera doutra maneira. No pacto de goberno si que nos reservamos o voto para certos temas, como o Alexandre Penas. PXOM.

"Somos de Lugo e aquí hai que sachar, porque o diñeiro é público"

Como foi darse de bruzos coa realidade da burocracia, asumir que desde o goberno as cousas non son tan sinxelas de facer como se vían desde a oposición? Estou a pensar, por exemplo, na remodelación das liñas do bus urbano.

Somos de Lugo, e como dicimos os do Lugo «aquí hai que sachar». Temos un obxectivo, e se hai que botar máis horas e traballar máis, pois faise. Tamén é verdade que a administración ten uns tempos que che garanten un nivel de seguridade á hora de facer as cousas con diñeiro público que a min me parecen bastante razoables. Se tardamos un pouco máis, como co dos buses, pero soluciónase con todas as garantías e sen medias tintas, pois é o que hai, é como temos que traballar co diñeiro público. E o dos buses, eu espero que nun mes funcionen.

Están cómodos cos seus funcionarios?

Si, eu encantado. Creo que teño unha marabilla de xente. Ao final son tamén cidadáns de Lugo. Téndese a criminalizar calquera colectivo e aquí hai un alto nivel de compromiso coa cidade, polo menos nesta área, xente seria e traballadora. En todos os problemas que expuxen recibín unha resposta técnica e viable. De feito, creo que se notou un cambio na concellería nesta etapa e o persoal é o mesmo.

E coas outras administracións, apréciase vontade de colaboración?

Cremos que a Xunta non ten un compromiso suficiente con Lugo. Si que é certo que algúns temas que tratou Arroxo con José Manuel Balseiro se desatascaron. Co novo delegado, por agora, as relacións foron puramente administrativas, traballo entre funcionarios. Polo menos desde esta área non existe un traballo político fluído, tampouco existe ningunha guerra en concreto.

Como membro non do BNG, senón do goberno, que proxectos cre que deberían quedar pechados nestes dous anos que lle quedan ao mandato?

É complicado. No sentido doutro modelo de infraestruturas, que iso quede para sempre, que ese modelo non teña marcha atrás. Esa nova mobilidade, con servizos públicos, onde o peón sexa protagonista; coidar a nosa cidade e poñela no mapa da calidade de vida e atractiva para foráneos. Eu creo que a clave deste mandato será a mobilidade.

Comentarios