miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

"As Tanxugueiras non sabemos o que é a zona de confort, sempre queremos máis"

Rodaxe Tanxugueiras. Figa. Pazo de Señorans.
Rocio Cibes.
05/05/21
Tanxugueiras. EP
O concerto será este martes ás 20.00 horas na Praza de Santa María

O chimpo que lle pegaron ao tradi foi tal que acabaron gañando unha enquisa estatal para que Figa fose a Eurovisión. Sabela Maneiro, unha das tres Tanxugueiras, conta que agora están preparando un novo salto. Co impulso que levan é complicado calcular ata onde poden chegar.

Díxome un paxariño que andaban argallando un espectáculo novo...

Estamos argallando cousiñas, si. Dando o mellor de nós para poder estar á altura de todo o que nos está a suceder.

É un cambio de formato nos directos? Ou tamén están preparando cancións novas?

Pois estamos facendo cancións novas e tamén preparando das anteriores. A idea é ir pola liña de Midas e Figa e levalo todo ao directo.

O de asentarse por este camiño... Pídeo o corpo ou o público?

Supoño que unha conxunción de ambas. O que estamos facendo agora con Contrapunto xa sufriu unha evolución polo camiño. Pero o corpo pedíanos poñernos máis ao límite. Ás veces hai que saír da zona de confort, aínda que as Tanxugueiras non sabemos o que é o confort. Sempre queremos un pouco máis.

Hai dous anos, xusto na previa doutro San Froilán, falaban de que estaban preparando un disco que ía sorprender. E aí saiu Contrapunto. Case nada. Van dar outro salto así?

Vai ir na liña que a xente coñece. Pero podería dicir que agora van chegar as Tanxugueiras 2.0. Din que hai que perder o medo a evolucionar. Claro. Cada un ten que facer o que lle gusta. Préstanos o que estamos a facer, e non temos nin medo nin prexuízos. Partindo do respecto á música tradicional, necesítase xa ir un pouco máis alá. E non é que nós inventemos nada, que xa hai moita xente facendo cousas. É un camiño máis. Nós abrimos unha porta para que veñan detrás e sigan furando.

Seguro que ninguén lle preguntou ultimamente por ese exitazo na enquisa de Eurovisión...

Bu! Si! É a primeira vez que me preguntan! (Ri).

"Agora van a chegar as Tanxugueiras 2.0"

Algún lector igual non sabe o que sentiron cando foron as gañadoras dunha enquisa estatal sobre que canción lle gustaría que representate a España en Eurovisión. Vaino ter que explicar.

Non eramos conscientes. Viamos que nos empezaban a etiquetar en redes, pero tampouco lle demos importancia. Un día empezamos a indagar sobre que era eso e ao pouco puxeron que eramos as gañadoras. Sorprendeunos porque nin sequera nos anotamos nós! Foi a xente. E sorprendeunos tamén, non porque non teñamos fe na nosa música, pero tendo en conta o idioma, que é música tradicional... é algo moi bo porque parece que se están abrindo as mentes. A verdade é que flipamos.

Acaba de abrir o prazo para presentar canción para o Festival de Benidorm, onde aí si, e non é unha enquisa, se elixirá o tema de Eurovisión...

Estamos con tanto traballo! Será o momento de sentarse e decidir se temos oco. As cousas ou se fan ben ou non se fan. O que si cremos é que o noso proxecto pode estar en calquera tipo de palco, e por que non en Benidorm.

Sabe cantas cancións en galego representaron a España en Eurovisión?

Teño entendido que ninguna.

Pero si que hai Say yai! ou Do it for your lover...

Que queres que che diga! Paréceme absurdo. A ver se quitamos dunha vez o autoodio, porque as linguas e culturas diferentes que existen no estado están aí, quéirase ou non se queira. É hora xa de apostar polas diferentes cousas que pasan a nivel estatal.

"É hora xa de apostar polas diferentes cousas que pasan a nivel estatal"

Vai por detrás a industria do que pide a sociedade?

Ambas, pero creo que a sociedade evoluciona antes. A xente está pedindo a gritos un cambio e creo que sería moi bo que puidese ir unha canción sexa en galego, en catalán ou en euskera. Que se normalicen as outras linguas oficiais do estado e deixemos xa de pelexar por cousas absurdas. Se unha canción é boa, que ten de mala a súa lingua?

Igual rompen a barreira e levan un tema en galego a Eurovisión. Perdoa, igual insistimos demasiado niso? Xa despegaron con forza, esa teórica presenza no festival quizais só sería unha anécdota...

A enquisa foi anecdótica, pero tampouco se lle pode quitar a importancia que ten que a xente elixise a nosa canción. Logo se nos presentamos, vaiamos ou non, seremos as mesmas, pero é un escaparate que tampouco tes por que obviar.

Volvendo a esas cousiñas que andan preparando. Vanse poder ver agora, no San Froilán?

Aínda estamos preparando todo. Nós imos agora co Contrapunto, pero pronto haberá novas. O bo faise esperar e crear un pouco de hype tampouco está mal.

"As Tanxugueiras non sabemos o que é a zona de confort, sempre...